A Costa da Morte é un territorio que agocha as principais sinais identitarias de Galicia. Nela están xacementos que amosan a pegada humana dende milenios, como o dolmen de Dombate. Fisterra é un fito xeográfico que identifica ao territorio dende fai milenios. No monte Pindo teñen a súa morada os deuses primitivos dos homes e mulleres que poboaron estas terras dende a orixe da propia humanidade. Eduardo Pondal, autor do noso himno, nace e imprégnase dun xeito de entender Galicia e o mundo porque é orixinario de Ponteceso, en pleno corazón da Costa da Morte. As simbioses entre os deuses antigos e a nova fe cristiá atopa a súa máxima expresión na romaría da Barca. Ningunha artesanía identifica mellor a Galicia cos encaixes de Camariñas... E, sen embargo, existe unha especie de fobia por parte da Xunta de Galicia cara a Costa da Morte que se amosa en canto ten ocasión.

Para que o Goberno Galego se decatase do illamento da Costa da Morte tivo que acontecer o desastre do Prestige. Aí, Don Manuel, iluminóuselle a mente e pensou nunha autovía que ía a chegar practicamente a Cee. Claro que antes tamén dixera aquilo de que a Curvovía que fixera anos antes dende Coruña a Carballo ía ser libre de peaxe e acabou como acabou. Pois mira ti por onde a autovía. que ía rematar en Berdoias e chegaría despois a Cee, rematou en Baio.

Tamén houbo que mobilizarse para que o Goberno Popular mantivese o compromiso de instalar a ITV en Baio. Cinco mil persoas tivemos que acudir en manifestación para que cumprise a súa palabra.

E que dicir da base de salvamento, nun territorio que ten amosado un índice de sinistros marítimos moi superiores a outros territorios? Pois que que alí seguen unhas instalacións millonarias esquecidas e desmanteladas porque parece ser que no lugar de mais tráfico marítimo de Europa é un luxo ter helicópteros que permitan acudir presto a un rescate.

Podemos falar de enganos sistemáticos de Portos de Galicia, como os de un tal Alvarez Campana que se pasou anos vendendo infraestruturas portuarias que se demostraron falsas de toda falsidade. Incluso chegou a prometer un porto deportivo... En Cereixo! E tamén, falando do Porto de Camariñas e das súas mariscadoras, que decir do peche dunha infraestructura clave para o desenrolo do marisqueo en todo o noso concello? Pois a Xunta de Galicia optou por pechar o Minicriadoiro de Ameixa de Camariñas.

Ou de acordos vergoñentos onde se usou o territorio como moeda de cambio para que os amigos obtivesen cuantiosos beneficios a cambio de asolagar a nosa riqueza natural, como aconteceu coa produción eléctrica para maior gloria de Villar Mir, amigo, como non?, de Don Manuel dende os tempos que compartían consello de ministros presidido polo ditador Franco.

Agora temos unha mostra mais do compromiso da Xunta coa Costa da Morte como consecuencia dos danos polos últimos temporais. E ben curioso o argumento dunha conselleira orixinaria da Costa da Morte para escaquear a responsabilidade da Xunta do que é a súa obriga política e legal: hai que falar coa deputación provincial para que axude. Os ríos son competencia da Xunta de Galicia. Nin dos concellos nin das deputacións. Cando alguén osa limpar un regato cheo de lixo pola desidia do Goberno Autonómico, a denuncia ven sempre da Xunta pero, oh que casualidade!, cando o estado de abandono dos ríos ocasiona danos a Sra. Conselleira asubía e mira para outro lado. Iso si, ven por aquí a contarnos que os ríos son seus pero que os danos os cubra outro. É tanto como dicir que a propiedade é da Xunta pero as consecuencias de ter os ríos e os seus contornos absolutamente abandonados, as asuman outros.

Pero o peor de todo isto non é o desprezo histórico que os distintos gobernos do Partido Popular tiveron por unha comarca onde os cidadáns, no uso lexítimo da súa vontade, nunca se amosaron devotos desas siglas. Hoxe nin sequera teñen deputado provincial, seguramente como consecuencia destas e outras políticas de desprezo sistemático para coa Costa da Morte. O peor de todo é ver como os representantes do Partido Popular na comarca e nos distintos concellos que a conforman, bendicen todas estas aldraxes porque, parecera que, para eles prima mais ter contento ao amo que á cidadanía a que din representar. Así lles vai.

Engadir un comentario