5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (2 Votes)

O Concello de Camariñas vén de publicar a súa programación cultural e deportiva para o verán. Así, durante os meses de xullo e agosto de 10 a 13:30 horas, os nenos e nenas do municipio terán unha alternativa de ocio que permitirá facilitar a conciliación das familias. Desde as áreas de Cultura e Deportes do Concello deseñaron unha serie de obradoiros destinados a satisfacer as demandas dos máis pequenos e abarcando todas as idades.

  • Obradoiro cultural e deportivo: dirixido aos nados do 2013 ao 2015. Levarase a cabo no pavillón de Camariñas e haberá saídas as praias, festas de disfraces, comidas saudables, talleres manuais...
  • Obradoiro multideportivo: para os nados do 2010 ao 2012. Tamén se levará a cabo no pavillón de Camariñas e realizaranse rutas de sendeirismo, actividades nas praias, comidas saudables, olimpíadas infantís, cursos de primeiros auxilios, orientación e reciclaxe.
  • Obradoiro multiaventura: para os nados do 2005 ao 2009. Será no peirao novo de Camariñas e haberá actividades de aventura, saída BTT, orientación polo monte, sendeirismo, multideporte, xogos no mar...

Haberá catro quendas, do 2 ao 15 de xullo, do 18 de xullo ao 1 de agosto, do 2 ao 16 de agosto e do 19 ao 30 de agosto. O prazo para inscribirse na primeira quenda está aberto desde hoxe, luns 10 de xuño, ata o 24 de xuño. A inscrición debe formalizarse na Casa do Concello e as renovacións faranse nos pavillóns, 3 días antes de rematar a quenda. As novas inscricións da 2ª,3ª e 4ª quenda faranse na Casa do Concello 2 días antes de rematar as quendas. Terán preferencia as renovacións.

O prazo está aberto desde hoxe, luns 10 de xuño, ata o 24 de xuño na primeira quenda. Ademais tamén está aberto ata o xoves, 13 de xuño, a preinscrición na actividade náutica, que conta con 30 prazas.

Actividades náuticas


Por outra banda, tamén se abriu hoxe o prazo de preinscrición para a actividade náutica. Os interesados poden presentar a documentación ata este xoves, 13 de xuño, de xeito presencial no Rexistro ou a través da sede electrónica municipal.

Para esta actividade náutica hai catro quendas, coas mesmas datas que para os obradoiros, e un número máximo de 30 alumnos por quenda. No suposto de ter máis preinscricións que prazas farase un sorteo público o 17 de xuño ás 10 horas para cubrilas. Ademais, todos os participantes deberán tramitar a licenza tipo Escola da Federación Galega de Vela (www.fgvela.com).

Os participantes en todas as actividades culturais e deportivas para o verán do Concello de Camariñas disporán de servizo de transporte coas seguintes paradas:

  • Ida: 9:15 h. Camelle – Ponte do Porto – Xaviña – Camariñas 10:00 h.
  • Volta: 13:30 h. Camariñas – Xaviña – Ponte do Porto – Camelle 14:00 h.

Descarga o programa completo


Engadir un comentario