Que Camariñas sempre foi unha canteira natural de cracks do fútbol  xa todos o tiñamos claro. Que a vila das palilleiras dispoñía dunha auténtica mina de futbolístas inagotable non era ningún secreto... pero que cada dous por tres teñamos que estar publicando éxito tras éxito dos nosos deportistas xa poñe de manifesto que estamos ante un inextinguible viveiro de promesas do fútbol. Mirandoo ben, aquí en Camarinas.eu, xa poderíamos adicar unha sección co cometido de destacar todos e cada un dos triunfos que os nosos pequenos futbolístas, aprendices de deportista, están a colleitar polos terreos de xogo do noso señor. O caso é que desta volta temos que dar conta da convocatoria para a selección infantil de fútbol sala da Costa da Morte de outros dous chavales que se suman aos seus compatriotas Dani Castro do FC Camariñas e a Álex e Cristian das Baleas. Estamos a falar de Íker Aufiero (Dumbría) e Víctor Bouzas (Bergantiños) que nesta mañá do luns 4 de marzo estaban convocados a xogar no Campeonato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala representando á Costa da Morte. Os camariñáns xogaron xunto aos seus compañeiros da bisbarra dous encontros fronte a grandes equipos de cidades como Lugo e Ourense e, aínda que foron derrotados neses dous partidos, lograron desplegar un gran xogo e demostraron que aínda que somos pequenos, podemos estar á altura de calqueira con traballo e dedicación. Incluso Víctor Bouzas, fillo do noso amigo Pepucho, un dos mellores futbolístas da historia do FC Camariñas, foi o artícife dun dos dous únicos goles que o combinado da costa anotou nestes dous encontros. Dende esta web queremos darlles a noraboa a estes dous chavales que lograron este gran éxito e animalos a que sigan traballando e demostrando polo mundo adiante o que un camariñán pode chegar a ser capaz si se empeña en traballar e ser mellor cada día. Noraboa Íker e Víctor! 

Equipo completo da Selección Infantil de Fútbol Sala da Costa da Morte

Engadir un comentario