Pois aquí, en Camariñas.eu, tivemos que pasar caseque unha semana para dixerir todo o acontecido hai sete días. Miles de persoas dábanse cita este pasado sábado 12 de maio no Estadio Hermanas Patiño para acompañar aos nenos dos clubes clasificados para a fase final da Copa da Costa do Fútbol Base. Todo un torrente de coches e autobuses cheos de deportistas e familiares de ata 20 clubes provintes dende Carballo ata Esteiro inundaron Camariñas nun dos actos deportivos máis multitudinarios que se recordan na vila das palilleiras. Dende as 11 da mañán ata as 8 da tarde deste sábado histórico para o deporte camariñán desputouse esta fase final oficial organizada polos pais e nais que levaron (e levarán) adiante a cabo a Escola de Fútbol do FC Camariñas cunha organización casi perfecta recoñecida polos directivos desprazados ata Camariñas pola Real Federación Galega de Fútbol. Case nada.

Se queres apuntar a teu fillo ou filla na Escola de Fútbol Base do FC Camariñas podes facelo chamando ao 698 126 895

Chegaban os prebenxamíns do FC Camariñas a luitar pola Copa da Costa como CAMPIÓNS DE LIGA e facíano contra os 3 equipos que quedaron detrás dos nosos. Estes eran míticos conxuntos costeiros como o Fisterra que chegaba como cuarto clasificado, o Xallas terceiro clasificado e finalmente o todopoderoso Sofán subcampión do torneo ligueiro que gañaba o FC Camariñas. Os catro máis potentes da Liga Prebenxamín F8 da Costa da Morte e máis alá, todos eles cunha bagaxe importante e cun recorrido na súas respectivas escolas de fútbol máis que demostrada. Ante esas máquinas de crear futbolistas de calidade demostrada se enfrentaban os nosos pequenos no seu primeiro ano de existencia.

No primeiro partido os nosos enfrontáronse ao sempre correoso Fisterra que viña con gañas de enmendar ese 4 a 0 que os nosos prebenxamíns lle endosaran en liga. Os rapaciños fisterráns intentárono pero finalmente os pequenos futbolistas camariñáns leváronse o encontro cara o seu casilleiro cun marcador de 2 a 1.

Despois de que o Sofán se clasificara ante un Xallas admirable chegaba por fin a gran final que poñería ou quitaría a corona do Rey do  Fútbol Prebenxamín na Costa da Morte (e máis alá). Chegaban os nenos do FC Camariñas a batirse novamente ante este Sofán co que empataran a ceros na súa casa en Carballo.

Un equipo bergantiñán todo forza e todo garra, cunhas instalacións envidiables, un corpo técnico do mellor e unha selección de nenos impresionante... pero os prebenxamíns do Camariñas, uns HEROES, souberon como xogarlle a estes cracks do fútbol e, levados en volandas pola afición e polos seus pais que animaban na banda, conseguiron poñer un marcador final de de 2 a 1 e traer para Camariñas o nunca visto: A liga e a copa!! o DOBLETE que aupa a estes pequenos deportistas como os mellores prebenxamíns da historia da Camariñas. Todo elo tan só contando cuns poucos meses de vida da Escola de Fútbol do FC Camariñas. Algo inédito e que ten que dar moito que pensar ás autoridades competentes no tema para facer desto algo consecutivo no tempo. Si señores, o futuro do FC Camariñas está asegurado si a directiva do FC Camariñas aposta pola canteira, tal e como o fan dende o Fisterra, Dumbría ou Serra de Outes. Tan só hai que apoiar á canteira, ¿é tan dificil?. Só iso!!! E tendo a uns cracks como os que temos en todo o noso fútbol base o traballo é ben doado. Deixarse de pagar cantidades astronómicas a patéticos xogadores profesionais foráneos porque o futuro está na canteira. Repetirémolo cantas veces faga falta para que o escuite e asimile que no teña que facer: OS NOSOS NENOS QUEREN XOGAR AO FÚTBOL!!!!

Pero como xa estamos cansados de dicilo e por outra parte iso é can doutro palleiro e non nos compete, dende aquí tan só nos queda agradecer o traballo desinteresado de todos os pais e nais que traballaron arreo neste evento, agradecer ao Concello de Camariñas polo seu gran apoio e a Abanca pola súa colaboración nun acontecemento sen precedentes en todo o Concello de Camariñas e darlles a noraboa aos nosos pequenos HÉROES CAMARIÑÁNS que, ademáis de lograr no seu primeiro ano de vida o campionato de Liga e o da Copa tamén conseguiron facerse xa cos corazóns de toda a vila da palilleiras. Noraboa!

Engadir un comentario