O Alcalde e compañeiro de equipo do Cotiño entrega a Bieito unha camiseta firmada do FC Camariñas

Acostumados a ver pola televisión emotivos minutos de silencio, rudimentarios saques de honor, xustas e sentidas homenaxes ante miles de enfervorizados xiareiros en xigantescos estadios, nembargantes poucas veces se disparará a sensibilidade e as emocións ata un nivel como o acadado este domingo 9 de decembro de 2012 no Estadio Hermanas Patiño. En presencia dunha constelación formada por algúns dos mellores xogadores da historia do FC Camariñas, entre eles todo un Alcalde, cunha importante representación familiar nos graderíos e a través do seu  Presidente, un visiblemente emocionado Vicente Carril, o FC Camariñas rendía xusto tributo a José Luis Campaña Carril, "O Cotiño", tristemente falecido un 28 de novembro de 2012.

Organizado conxuntamente por Camarinas.eu e o FC Camariñas, eran preto das 16:30 horas cando doce dos mellores futbolistas que nunca dou a Vila das Palillleiras encamiñábanse cara o círculo central do predio camariñán ca conciencia de cumprir un deber insoslaiable, a de estar presentes na derradeira homenaxe que se brindaría a aquel que lles fixo a vida máis fácil sobre un terreo de xogo, ao compañeiro de vivencias, ao partícipe dos seus éxitos deportivos (impagable a anécdota contada polo Panadeiro respecto a un dos primeiros partidos de Luis: "eu díxenlle, ti corre toda a banda e cando chegues o final centra, aínda que sexa sin mirar ti sempre bombea o balón á área. Xusto no seu primeiro centro marquei eu un golazo de cabeza, tratábase dun deses centros que despois executaría a miles, medido, preciso, que caía como unha pluma. Funme directo a el e leveino nos meus hombros ata o centro do campo"). O alcalde camariñán Pichurri facía entrega ao seu fillo Bieito, xove promesa das categorías inferiores do Porteño FC, dunha camiseta do FC Camariñas firmada polos veteranos presentes e Vicente Carril, dunha placa conmemorativa. Despois chegaba un emotivo minuto de silencio que fixo dispararse as emocións do presentes.

A nómina de veteranos abraiaba pola calidade futbolística e humana dos mesmos: Pepucho, Berto, Julián, Gerpe, Andrés, Suso, Moncho, Duardo de Lisa, Manolo Panadeiro e o xa mencionado Pichurri. Especialmente destacable foi a presencia dun dos mellores mediocentros que dou o fútbol desta Franxa Atlántica, José Manuel Gerpe, pai da preciosa Candela, o Guardiola da Costa da Morte, antes como xogador e agora como adestrador dun Porteño que marcha como un reactor cara o merecido ascenso, o que foi o gran valedor de Bieito Campaña Pasantes nas filas porteñas, quen preocupado polo seu futuro nas rúas de Camariñas, decidío embarcalo xunto a el nun ilusionante e exitoso proxecto futbolístico. Todos eles, xuntos no círculo central dun campo dunha pequena vila costeira dun recuncho do mundo, rendían a debida homenaxe a aquel que xa non estaba físicamente pero pervivirá eternamente nos recordos do fútbol camariñán e permitiron a todos comprender por que o fútbol é algo máis que un deporte: máis xusto que a vida, ao final acaba sempre recompensando a aqueles que tanto lle aportaron, como no caso dun rápido extremo esquerdo, todo talento e habilidade. Luis, vai por ti.

Comentarios   

estudiante
+3 # Homenaxeestudiante 11/12/2012 12:46
Si señor, era un tarde de frío … ou a alma estaba conxelada, baixaban as bágoas polas meixelas facendo o seu recorrido ata o peito.

Facía moitos anos, pero moitos, que non entraba no Hermanas patiño, e si digo a verdade non me importaría seguir uns cantos anos mais sin entrar, a verdade que non me enterei moito do partido … Pero alí estaban vellas glorias do Camariñas, os actuais, familia e afeccionados… Moitas Gracias.

Recordo que me dixo o fillo: Papá. ¿ Por qué non vimos mais a menudo a ver os partidos?... A sua pregunta quedou no aire … e a resposta dando voltas a Nosa Virxe do Monte.

Moitas gracias pola homenaxe “ O Cotiño”.

---Estu---
Responder | Denunciar ante o administrador