1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Continua a espectacular rolda de xogo e  resultados do Xaviña FCFoi a xornada que comenzaba o mes de novembro bastante boa en termos en canto a resultados dos distintos equipos do noso Concello se refire. No fútbol tan só perderon os xuvenís do Camariñas mentras que no balonmán algo similar, houbo unha única derrota do cadro xuvenil camariñán. Polo que respecta á Terceira División galega, aquela onde o lateral esquerdo está reservado ao que pasará aos anales como o mellor futbolista da historia da Costa da Morte, o Ordes de Juanillo segue a dar pasos firmes para consolidarse como un equipo de zona tranquila, a resguardo dos sobresaltos que proporciona o vértigo de verse inmiscuido na loita descarnada pola pura supervivencia futbolística. Todo elo no mellor e máis completo repaso que existe a día de hoxe nesta remota Franza Atlántica: A Xornada de Juanillo.

TERCEIRA DIVISIÓN
NARÓN 1-1 ORDES

Empate que nos deixa un sabor amargo despois de ver como transcurriu o encontro e despois de ver as estatísticas do mesmo, onde eles con un só tiro a portería chegoulles para meter un gol, pola contra, nós despois de tirar máis de quince veces, marcamos un tamén, e como ao final o que conta é que entre a pelotiña....pois empate.
O gol noso foi acadado por Baleato. Nóvamente nos anulan un gol que segundo me contan era legal. Non estamos tendo sorte coas arbitraxes, esperemos que cambien as decisións dos trencillas. Un punto que nos sirve para situarnos na zoa morna da táboa clasificatoria. A vindeira xornada recibimos ao todopoderoso Pontevedra.

PRIMEIRA REXIONAL
PILOÑO 1-1 CAMARIÑAS

Escapóuselle o triunfo ao Camariñas de Pepucho no último minuto de partido. Fatídico resultou para os intereses Camariñáns ese derradeiro minuto, pois xa estaban os tres puntos no zurrón cando no último suspiro os locais conseguían empatar. Novamente volveu a rematar o encontro o Camariñas con 10 homes, desta vez, foi Sergio quen veu o segundo cartón amarelo e tivo que ir aos vestiarios antes de tempo.
O Camariñas controlou o partido e non pasou apuros, a pesares de non ser un partido moi vistoso, pois o forte vento reinante, condicionou o devenir do mesmo. O gol dos de Pepucho foi obra de De la Sierra ao transformar un claro penalti cometido sobre Moriño. Ten que facer bon este puntiño o Camariñas a vindeira xornada vencendo, conseguindo tres puntos diante do Cacheiras no Hermanas Patiño.

TERCEIRA REXIONAL
PORTEÑO 2-0 CORCOESTO

Nove de nove para o Porteño de Gerpe que van a un ritmo de fulminar tódolos records existentes na categoría. Partido que controlou de principio a fin o Porteño no que incluso se permitiu o luxo de errar unha pena máxima. Pese a ir 1-0 no marcador, gol de Pejo, un xogador que é mortal a balón parado, non pasou apuros o Porteño que sentenciou o partido no minuto 90 có gol de Cousillas. A estas alturas de tempada, só queda saber quen será o conxunto que poida gañarlle ao Porteño, un Porteño que é líder claro da categoría. A próxima xornada, o Porteño xoga en Muxía.

CORISTANCO 1-1 XAVIÑA
Indignación na expedición do Xaviña de Pirucho có colexiado do encontro que dou por válido o gol do Coristanco en claro fora de xogo e obviou un penalti clarísimo a favor do Xaviña. Partido moi serio dos de Pirucho no que sabe a pouco o empate despois do visto no terreo de xogo. Gatuso marcaría o tanto do Xaviña momentos depois de que o gardamallas Xaviñán, Moro, detía un penalti a un rival.
Empatarían os locais na segunda metade cun gol que non debeu subir ao marcador. Está nun bó momento o Xaviña que está acadando moi bós resultados. A vindeira xornada o Xaviña recibe ao Laxe.

CAMELLE
Descansou o Camelle que a próxima xornada recibe no Rodeiro ao Castrelo.

LIGA XUVENIL
PONTECESO 5-0 CAMARIÑAS OS LEÓNS

Derrota contundente a que sufriron os rapaces de Andrés diante do líder o Ponteceso. Pouco poideron facer os xuvenís Camariñáns diante do líder, que demostrou que o era por algo. A vindeira xornada o Camariñas Os Leóns reciben ao Cabana.

LIGA CADETE
MUXÍA 1-1 PORTEÑO

Empate dos cadetes de Ordóñez nun partido xogado en Muxía ante o conxunto local no que houbo moitas alternativas en canto a dominio de xogo e que finalmente rematou en táboas. O Porteño comezou forte esta tempada na que seguro vai a dar moito que falar. De momento todo comezou moi ben e esperamos que a racha continúe. A próxima xornada o Porteño recibe ao Xallas de Santa Comba.

LIGA INFANTIL
CORME 1-7 AS BALEAS

Están imparables os infantís de Vi que foron a Corme a demostrar que eran mellore e vaia se o foron. As Baleas de Vi pasou como un tsunami por enriba dun Corme que non sabía como conter a avalancha Camariñana. Adrián con catro goles, Pablo con un, Edgar con un e Álvaro con outro, foron os goleadores das Baleas. Xa están quintos na clasificación xeral e a este ritmo van pelexar polos postos de privilexio. A vindeira xornada, As Baleas reciben aos Miudos.

LIGA DE VETERÁNS
PRIMEIRA DIVISIÓN

BAIO - CAMARIÑAS (aprazado)
Aprazouse o partido que tiñan que disputar Baio e Camariñas. A próxima xornada o Camariñas xoga en Zas.

SEGUNDA DIVISIÓN
SOFÁN 4-2 PORTEÑO

Derrota do Porteño en Sofán nun partido no que os da Ponte do Porto tiveron moitas baixas e iso notárono. Non acaba de arrancar o Porteño nesta liga e necesita unha victoria urxente para tratar de escalar postos na clasificación xeral. A vindeira xornada o Porteño xoga en Corcoesto.

MALPICA 0-3 CAMELLE
Victoria clara do Camelle do Socho que venceu con solvencia ao Malpica a domicilio. Cando o Camelle aproveita as ocasións gaña os seus partidos, e isto pasou en Malpica. Outras xornadas, o non acertar de cara a porta contraria empataba. Seguen escalando postos os do Socho e xa están terceiros a catro puntos do líder. A próxima xornada o Camelle recibe ao Cerqueda.

BALONMÁN
PRIMEIRA AUTONÓMICA MASCULINA
BALONMÁN DEZA 19-30 BALONMÁN CAMARIÑAS

Victoria do Camariñas de Fran Puga nun partido onde non lle deron opción algunha ao rival e no que demostraron que foron moi superiores. Están nun momento de forma excepcional os Camariñáns e iso estase a notar na cancha. Hai que destacar a todo o plantel, pos hai moitas rotacións no partido e cada xogador que sae faino fenomenal. A vindeira xornada teremoa un partidazo no Pavillón do Areal, chega o líder, o Rasoeiro que tan só lle saca unha victoria ao cadro camariñán.

PRIMEIRA AUTONÓMICA FEMENINA
BUEU 23-35 BALONMÁN CAMARIÑAS

Victoria olgada das Camariñanas de Monchiño que ante o Bueu sacaron todo o potencial que atesouran dándolle unha malleira ao cadro local. Ao igual que os seus compañeiros do equipo masculino, temos que destacar a actuación de todo o plantel. Esperemos que esta victoria sexa un punto de inflexión para que as Camariñanas miren cara arriba e comecen cunha racha de victorias. A próxima xornada as Camariñanas recibirán no Pavillón do Areal ao S.A.R.

LIGA XUVENIL MASCULINA
BALONMÁN CAMARIÑAS 25-33 S.A.R.

Derrota dos xuvenís Camariñáns que se empregaron con gañas e tan só os erros en ataque impediron que se poidese chegar a un final con opcións para os camariñáns. De tódolos xeitos,  están xogando cada vez mellor e esta melloría traerá victorias. A nota negativa do partido deuna o conxunto rival, pois roubaron o bote de resina do cadro Camariñáns. Dende aquí denunciamos este tipo de feitos que non axudan ao deporte. A vindeira xornada, o Camariñas xogará en Moaña.

LIGA CADETE FEMENINA
Descansaron as Camariñanas que esta próxima xornada viaxarán ata Ourense para enfrontarse ao Balonmán Pabellón Ourense.

LIGA INFANTIL FEMENINA

Ao igual que as cadetes, as infantís tamén descansaron e viaxarán ata Ourense para enfrontarse ao Balonmán Pabellón Ourense.

Ata aquí todo canto dou a xornada. CAMARINAS.EU contouvos todo canto aconteceu. Somos a web que vive o deporte!. Quixera mandar un saúdo a outra parella de grandes amigos que tamén foron pais fai pouco tempo, a Luis de Ricardo e Sara que trouxeron a este mundo un fermoso neno. NORABOA!!!.

Engadir un comentario