1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Un equipo que ilusiona nesta tempada: O Xaviña FC

Cando alá a mediados dos gloriosos anos oitenta Jesús Gil y Gil irrumpío paquidérmicamente no mundo do fútbol intentou polas bravas acadar a tan ansiada gloria balompédica. Para elo anualmente renovaba plantillas enteiras (cada unha das cales recibía o nome de "proxecto"), contrataba xogadores por ducias, sete ou oito adestradores sucedíanse sen solución de continuidade nunha mesma tempada, unha boa manada de shows dos máis variados estilos aledaban a vida dos redactores deportivos e ao final todo remataba nun rotundo fracaso, nun novo ridículo espantoso. Nada máis alonxado do modelo apresurado e febril do Gilismo que tan boas migas fixo en España que o terceiro proxecto posto en marcha por Isaac Caamaño, a maior sabiduría futbolística da Costa da Morte.

Fiel aos valores tradicionais da súa terra o Presidente do Xaviña FC paso a paso, a base de pacencia, traballo e bo ollo futbolístico ven de construir un plantel que ilusiona alá por onde pasa. Baixo a superior batuta técnica do noso querido amigo Roberto "Pirucho" as novas incorporacións maiormente provintes do mundo do balonmán prometen para a tempada 2012-2013 potencia física e rigor táctico: Felipe Santos (Xaviña), Borja do Oasis, Diego Lalá, Diego Alonso (non o noso director, senón o provinte de Carnicería Alonso), Rubén Lema, Victor Sestayo, Bieito Más, Álvaro "O Moro", Caamaño e Alberto de Xaviña como novidades máis salientables. Todo está previsto nun proxecto caamañista no que ata o último dos seus pasos é o resultado dun milimétrico método científico. O visto ata o de agora na pretempada así o atestigua: os encontros desputados ante o Porteño e un Soneira B ao que goleou por 3 a 5. Contra outro filial, neste caso o representante nas terras hispánicas do máis glorioso mito do fútbol arxentino (Club Independiente de Avellaneda), será o seu début na competición federada este domingo 2 de setembro ás 17:00 horas. Entón será cando arranque en verdade o terceiro proxecto futbolístico de Isaac Caamaño.

Engadir un comentario