1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

O Camariñas volve a gañar contundentemente e amosa as súas opcións ao título

Espectacular xornada futbolística acontecida este penúltimo fin de semana de outubro con un FC Camariñas demoledor que amosa xa claramente cales son as súas intencións da tempada con un xogo rápido e fluido. Pola súa banda o Porteño colleitou un empate na casa fronte ao líder da terceira rexional que aínda que sabe a pouco ten que valer para motivar aos seus xogadores. O Camelle perdía por 1 a 2 fronte ao Muxía nun partido de vibrante rivalidade xeográfica e histórica e o noso querido Xaviña FC conseguía acadar un importantísmo empate contra o Lira. Pero mellor que vos conte todo esto o maior experto futbolítico da Costa da Morte, Juan Cabrejo "Juanillo" que fará, coma sempre, un exhaustivo repaso a todo o acontecido nas diferentes ligas futbolísticas nas que se enfrentan os nosos equipos así como tamén das diferentes canteiras deportivas do noso concello. Algo, por outra parte, que parece non importarlle moito a outra xente. Coma sempre aquí si nos importa, en Camarinas.eu
TERCEIRA DIVISIÓN

NEGREIRA 1-1 CERCEDA
Mais parecía un partido de waterpolo que de fútbol debido a choiva que caeu en toda Galicia este fin de semana.
O campo estaba prácticamente encharcado e apunto estivo de ser suspendido o encontro.
Finalmente disputouse e o resultado final foi de empate a 1 gol.
O tanto do Cerceda foi obra de Joselu.
O vindeiro encontro do Cerceda será o sábado ante o Deportivo B no campo de O Roxo.

SEGUNDA REXIONAL

ESTEIRANA 1-3 CAMARIÑAS
Fenomenal victoria dos homes de Manolín que aproveitaron a derrota do Club do Mar para deste xeito, colocarse como líderes da categoría empatados a puntos cós de Caión.
Partido no que o Camariñas xa sabia o resultado do Club do Mar e iso motivou que os de Manolín sairan a por todas desde o inicio.
Juan o Vello voltou a demostrar a calidade que atesoura transformando maxistralmente un libre directo. Leo de penalti e Adrián Negro, foron os outros goleadores do Camariñas.
Agora toca manter o liderato, o próximo rival será o Dumbria B que é terceiro cun partido menos, este próximo domingo no Hermanas Patiño.

SEGUNDA REXIONAL

PORTEÑO 2-2 OUTES
Partidazo entre dous equipos que ao final de liga estarán loitando polo ascenso. Enfrontábanse o equipo máis goleador e o menos goleado, polo que o partido rematou en táboas.
Adiantaríase o Porteño demostrando que pese a que o visitante era o líder, os homes de Gerpe íanlle a dar moita guerra como así foi. Óscar marcaría o 1-0 e Piti transformaría un penalti que mereceu a expulsión do defensa do Outes pero o árbitro non quixo facelo así.
Tras o tempo de lecer, o Outes apretaría demostrando que por algo era o líder e lograría remontar o encontro marcando 2 goles.
Foi o Porteño quen tivo a última ocasión por medio de Pejo para lograr a victoria pero finalmente non atinou ante a meta contraria.
Partidazo entre 2 dos mellores equipos da terceira rexional que o refrendaron no terreo de xogo.
A vindeira xornada o Porteño xoga contra o Corcoesto como visitante.
CAMELLE 1-2 MUXIA
Levouse con polémica a victoria o Muxía despois de que os visitantes aproveitaran que os xogadores Camelláns e o colexiado da contenda estiveran atendendo a un xogador Muxián que caera aparatosamente, e mentres, os seus compañeiros aproveitaron para marcar.
Segue o Camelle con moitas baixas debido a lesións e a sancións sen poder gañar. Certo é que neste encontro, os Camelláns adiantáronse no marcador por mediación de Cristian e incluso tiveron a oportunidade de ampliar a súa vantaxa, pero Mauri errou unha pena máxima.
O Muxia empataría antes do descanso e aproveitaría unha xogada que os Camelláns consideran anti-deportiva para gañar o partido.
A vindeira xornada o Camelle xoga en Cabana.
LIRA 1-1 XAVIÑA
Mereceron a victoria os homes de Camuel nun encontro no que o colexiado non dou como gol un balón que Martín lanzou ao traveseiro e que botou dentro da liña de gol según os xogadores do Xaviña que sería o da victoria.
Partido moi serio do Xaviña que se adiantou no marcador cun gol de Diego e puido deixar sentenciado o mesmo coas numerosas e claras ocasións que tivo, pero finalmente a falta de 7 minutos, o Lira empatou o encontro.
A vindeira xornada o Xaviña xogará ante o Carnota o vindeiro sábado ás 16:00 horas no Hermanas Patiño.

CANTEIRA FUTBOLÍSTICA NO CONCELLO DE CAMARIÑAS

LIGA XUVENIL
CAMARIÑAS 5-2 CABANA
Voltou a senda da victoria o Camariñas de De la Sierra goleando ao Cabana.
Os goles Camariñáns foron obra de Yuyo en 2 ocasións, Javi, e Cristian en outras 2 ocasións.
O próximo partido do Camariñas será en Muxía.
LIGA CADETE
PORTEÑO 2-4 PONTECESO
Plantáronlle cara os rapaces de Ordoñez a todo un Ponteceso ao que chegaron a tutear en moitas fases do encontro.
Está indo a máis o Porteño e cada xornada que pasa así o están a demostrar.
David foi o goleador do Porteño, marcou os dous goles.
O próximo encontro do Porteño será en Muxía.
CABANA 6-3 CAMARIÑAS
Costoulles o partido aos rapaces de Sergio o salir durmindo durante os 3 primeiros minutos de encontro no que o Cabana xa metera 2 goles, e iso foi unha lousa imposible de levantar.
Pese a ir con 3-0 ao descanso, os Camariñáns sacaron garras e rabia para tentar remontar, demostrando de que non ser por eses fatídicos 3 minutos, outro galo houbera cantado.
Maikel en duas ocasións e Carlos de Camelle en unha, anotaron os goles para o Camariñas.
A vindeira xornada, o Camariñas recibe ao Soneira, no Hermanas Patiño o sábado ás 11:00 horas.
LIGA INFANTIL
OS MIUDOS 2-2 AS BALEAS
Primeiro puntiño fora da casa das Baleas que fixeron un partidazo ante os Miudos en Muros.
Pouco a pouco os rapaces que dirixe Vi, van colléndolle o punto á categoría e de seguro que nos van a dar moitas alegrias.
Brais e Pablo Suárez foron os autores dos goles.
A próxima xornada, As Baleas reciben ao Muxía no Hermanas Patiño o domingo ás 10:30 horas.

LIGAS DE VETERÁNS

PRIMEIRA DIVISIÓN
CAMARIÑAS 0-3 SAN ROMÁN
Perderon os veteráns do Camariñas ante o San Román un encontro donde os visitantes foron mellores.
Finaliza así unha racha positiva e meritoria de victorias dos Camariñáns.
A vindeira xornada o Camariñas xoga como visitante ante o Bértoa.
SEGUNDA DIVISIÓN
AT. MILAGROSA 1-1 CAMELLE
Paridazo dos homes de o Socho ante o líder en Carballo no que tan só unha nefasta arbitraxe impediu a victoria do Camelle.
Seguen nos postos altos da clasificación e nótase que as arbitraxes tiran para Carballo cando hai algún equipo Carballés en xogo.
O gol do Camele foi obra de Juan de Jamela.
A prósima semana, o sábado ás 18:00 horas no Hermanas Patiño ante o Dep. Carballo.
SOFÁN 2-2 PORTEÑO
Seguen coa escalada os homes de Mario que empataron en Sofán ante un rival que tivo a axuda do árbitro nos dous goles.
Impotencia do Porteño ante o roubo arbitral ao que se viron sometidos, xa que os goles do Sofán foron ilegais, un levando o balón coa man e o do empate no último minuto en claro fora de xogo.
Héctor foi o autor dos dous goles do Porteño.
A vindeira xornada o Porteño xoga o domingo ás 12:00 horas no Hermanas Patiño ante o Augalada.

CANTEIRA BALONMANÍSTICA NO CONCELLO DE CAMARIÑAS

LIGA XUVENIL MASCULINA
ESCOLA MUNICIPAL DE CAMARIÑAS 28-38 TEUCRO
Derrota dos xuvenís de Camariñas ante o histórico Teucro nun encontro onde os Camariñáns deron a cara en todo momento.
A vindeira xornada o Camariñas recibe ao Balonmán Pabellón Ourense.
LIGA CADETE MASCULINA
ESCOLA MUNICIPAL CAMARIÑAS 23-30 TEUCRO
Bó partido dos cadetes que puxeron en moitos apretos ao Teucro.
A próxima xornada os Camariñáns descansarán.
LIGA CADETE FEMENINA
PORRIÑO 20-22 ESCOLA MUNICIPAL CAMARIÑAS
Victoria das rapazas do Camariñas en Poriiño por unha diferencia de 2 goles nun partido moi completo das nosas.
A vindeira xornada toca descanso.
LIGA INFANTIL FEMENINA
PORRIÑO 20-17 ESCOLA MUNICIPAL CAMARIÑAS
Perderon as infantís do Camariñas en Porriño por un resultado moi apretado, nun encontro que pudieron gañar.
A próxima xornada será de descanso para as nosas rapazas.

ESTO FOI TODO CANTO DOU A XORNADA. DENDE CAMARINAS.EU APOIAMOS A TODO O DEPORTE DO CONCELLO DENDE SEMPRE E SEGUIRÉMOLO FACENDO.

Engadir un comentario