1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Novo movemento na carreira profesional do balonmanista camariñán Víctor Vigo. Despois de cuaxar unha máis que meritoria campaña no club da Liga Asobal Antequera, todo parece indicar que para a vindeira tempada Víctor militará nas filas do CAI Aragón, clube que xa se interesara polo central a tempada pasada cando Víctor abandonou un Naturhouse Logroño no que xogou dous formidables anos que remataron ca clasificación dos rioxanos para competición europea por primeira vez na súa historia. Nembargantes a opción elexida polo camariñán o verán pasado finalmente foi a do Antequera, clube dirixido por Antonio Carlos Ortega, no que acabou recalando e no que é peza clave, pero que arrastra uns importantísimos problemas económicos despois de non ser renovado o contrato co patrocinador, feito polo cal aos xogadores non lles puido ser abonadas unha parte das nóminas atrasadas ata datas recentes.

Despois de Alcobendas, Teucro de Pontevedra, Naturhouse Logroño e Antequera, o CAI Aragón sería o quinto clube profesional na carreira de Víctor Vigo tralos seus inicios no CB Camariñas, club no que presumiblemente formará parella de centrais con Sergio Ruiz Casanova. Ambos estarán ás ordes do adestrador Mariano Ortega formando parte dun plantel que se presume de calidade e no que o camariñán, de 26 anos e 17 veces internacional junior ca Selección Española, está chamado a seguir engrosando un palmarés profesional envidiable. En todo caso e á espera da confirmación da boa nova, vaia dende camarinas.eu a nosa máis cariñosa felicitación a Víctor Vigo por outra máis que meritoria campaña na élite da mellor liga de balonmán do mundo e polo que sen dúbidas constitúe un paso adiante na súa carreira profesional.

 

Engadir un comentario