5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

O BALONMÁN FEMININO ENCAIXE-CAMARIÑAS GAÑOU E CONVENCEU ANTE O SAMPER SÁRDOMA

O Balonmán Encaixe acadou dous puntos a domicilio ante o Samper Sárdoma cun contundente 18-32 a prol das camariñanas. As palilleiras viaxaron a Vigo conscientes da importancia do choque, crucial para evitar os postos baixos da táboa clasificatoria. As da Costa da Morte desprazáronse coas importantes baixas de Jessi e Juana, dúas das xogadoras máis desequilibrantes do equipo no que vai de campaña, aínda que para este encontro, Bruno López puido contar con Sara González e coa porteira Sara Morandeira que ata esta semana estiveran lesionadas.

O choque comezou cun intercambio de goles por parte de ambos conxuntos, a central viguesa aproveitaba os primeiros minutos de asentamento da defensa camariñana para atopar portería dende lonxe,  mentres que Aida, moi inspirada dende o extremo dereito, finalizaba con éxito os primeiros ataques das visitantes; a partir de aquí, Alicia e Laura puxeron o mono de traballo e comezaron a dirixir a defensa do Encaixe, mentres que en ataque, a movilidade e a boa dirección  da xuvenil Cristina Sande, xunto coa rapidez nas transicións ofensivas; provocaban grandes espazos na defensa local; aproveitados na maioría das ocasións polas laterais da Costa da Morte. No minuto dez da primeira metade un parcial de 6-1 a prol das camariñanas deixou claras as intencións e o bó momento do equipo, chegouse así ao descanso cun 8-14 no electrónico. A segunda metade foi un mero trámite, as do Encaixe seguiron imprimíndolle velocidade ao xogo e por conseginte aumentando a vantaxe no electrónico ata o derradeiro 18-32. Minchu, con oito goles, foi a máxima realizadora dun encontro que ademáis de dous puntos aportará tamén un plus de confianza e motivación para vindeiros compromisos. Bruno López comentou: “ estou moi contento coa actitude do equipo, corremos ata o final, todas as xogadoras sumaron e saíronnos ben as cousas; estamos a evolucionar moito en defensa, Sandra está a aportar moito en portería e en ataque a xente comeza a ter máis confianza para asumir responsabilidades, o sábado amosamos un factor psioclóxico do que careciamos ata o de agora, a autoconfianza; estamos no bó camiño”.

Sámper-Sárdoma: Lorena, Montse (1), Iria, Patricia (1), Paula, Andrea (3), Yolanda (1), Lúa (4), Lucía, Lorena (2), Jennifer, Andrea (6), Helena, Ivana, Ricardo.

Encaixe-Camariñas: Sara, Sandra, Cris B. (6), Aida (4), Minchu (8), Nerea, Véro (1), Sara G. (4), Cris S. (1), Laura (3), Karina (3), Alicia (2).

Colexiados: Pablo León e Alberto Pérez, moi ben na súa labor, sen complicacións e favorecendo o diálogo con ambos equipos.

Ésta semana o Encaixe afronta unha dobre xornada por mor dun partido que teñen aprazado contra o Balonmán Caselas; o encontro disputarase o venres ás 20:30 horas no pavillón de Ponte do Porto e o sábado mediranse no mesmo escenario ao Balonmán Lavadores as 20:00 horas.

CRÓNICA PREVIA:
O BALONMÁN ENCAIXE AFRONTA UNHA DOBRE XORNADA

O Balonmán Feminino Encaixe Camariñas afronta esta semana unha dobre xornada na Primeira Autonómica Feminina de Balonmán. As camariñanas veñen cos ánimos reforzados depois de derrotar contundentemente a domicilio ao Samper Sárdoma vigués.  A competición comezará mañá ás 20:45 horas no pavillón de Ponte do Porto, onde as do Encaixe recibirán ao Balonmán Caselas, un dos rivais directos para alonxarse dos postos baixos da táboa clasificatoria; o encontro é o correspondete á terceira xornada de liga, que foi aprazado por petición das visitantes. Para o adestrador camariñán, o encontro será asequible pero non doado, o Caselas posúe un equipo que mestura xuventude e veteranía, polo que o conxunto que impoña o seu ritmo será o que se leve os dous puntos; as camariñanas esperan facer valer o factor cancha.

Apenas vintecatro horas máis tarde, o sábado ás 20:00 horas, o Encaixe deberá recibir ao Balonmán Lavadores, un dos equipos máis correosos e con máis potencial da categoría; o desgaste físico do día anterior poderá condicionar a igualadade do encontro, en palabras de Bruno López, as claves do encontro serán: “ teremos que facer un partido moi completo se queremos derrotar ás viguesas, facer ataquse longos e non errar lanzamentos doados, é un equipo que nos pode facer moito dano á contra, polo tanto debemos xogar moi ben cos tempos de partido se queremos sacar algo positivo”.

A convocatoria do Encaixe para ambos compromisos será a seguinte: Sandra e Sara – porteiras- Laura, Cris B. , Minchu, Sara, Juana, Karina, Cris S. – primeiras liñas- e Véro, Nerea, Aida e Alicia segundas liñas. A central carballesa Jessica Posse figurará na convocatoria pero a súa participación é pouco probable, xa que se atopa aínda en proceso de recuperación dun esguince de nocello; o preparador camarián data o seu regreso para a vindeira semana fronte ao Balonmán Narón. A xuvenil Nerea non poderá participar o sábado por ter que afrontar outros compromisos deportivos.

Engadir un comentario