O Concello de Camariñas, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultores, comezou a campaña de batidas de vespa velutina o pasado día 12 de febreiro, ca colocación de trampas piloto para facer unha sondaxe da situación actual. Procederase á revisión das mesmas cada quince días. Observáronse, a estas alturas de febreiro, varias trampas con velutinas dentro, debido ás temperaturas suaves que se deron durante todo o inverno. O insecto adiantou o seu ‘espertar latente’ e volve estar activo antes do habitual.

A campaña comezou o día 12 de febreiro, cun sondeo inicial para avaliar a situación por parte de membros de AGA, a Asociación Galega de Apicultores. Este inverno anómalo, con temperaturas máis propias da primavera ou do outono, favorece á escasa hibernación do insecto. Esta etapa de prevención, de marzo a maio, resultará crucial para reducir o impacto do becho na tempada estival.

As trampas, de índole caseira, consisten nunha mestura de alcoles con substancias doces, como o vermú, viño blanco, zume de arándanos, e diversas variedades de alcol branco, como poden ser a xinebra ou o ron. De momento este tipo de mecanismo está a ter unha grande efectividade.

Estes elementos colócanse nas árbores con flor, onde a velutina se achega para polinizar as flores. Especialmente nas árbores con camelia, un dos favoritos do insecto.

Estamos nunha etapa crucial da erradicación da velutina, xa que en palabras de José Manuel Padronés, membro de AGA, “cantas máis eliminemos agora menos haberá que eliminar no verán”. Tamén comentaba que foi un método bastante eficaz o ano pasado, onde “con actuacións tan temperáns logramos evitar incidencias no verán”.

Por último, Padronés, destacou a “importancia de adiantar esta campaña, xa que o ano pasado tan só retiramos seis ou sete raíñas en verán, fronte ás 7.000 de fai dous anos”. Segundo o experto apicultor, a realización destes traballos “aforrará moitos disgustos no verán”.

Engadir un comentario