Hoxe, martes 18 de decembro, decidíronse os finalistas do XXVI Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, que se levará a cabo durante a XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas entre o 17 e o 21 de abril. Nesta ocasión serán 29 os deseñadores que participen no certame. Os finalistas presentarán un total de 24 coleccións, que desfilarán en dous grupos: ‘A’ e ‘B’. Hai máis deseñadores que coleccións debido a que, como permiten as bases, algúns deles preséntanse en grupo.

Este certame, creado co obxectivo de promocionar e fomentar a aplicación do Encaixe de Camariñas na moda, xa está totalmente consolidado e é altamente valorado no mundo da moda. Este ano son 15 escolas de moda as que participan, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid. A todas estas memorias presentadas entregaráselles unha cantidade de encaixe por valor de 300 euros, segundo catálogo e tarifa establecida de antemán polas asociacións de encaixeiras do municipio de Camariñas.

Son 24 coleccións as que se presentarán. O certame repartirá un total de 4.500 euros en premios.

Nesta edición repartiranse un total de 4.500 euros en premios. O xurado estará integrado por personalidades do mundo da moda ou que teñan relación con ela dalgún xeito e decidirán que deseñador recibe o primeiro premio, de 2.100 euros, o segundo, de 1.200 euros, e o terceiro, de 600 euros. Ademais, haberá un xurado popular formado por 10 persoas que se atopen no desfile escollidas ao azar e que serán os encargados de entregar o ‘Premio especial do público’, valorado en 600 euros. Os catro premios daranse a coñecer o domingo, día 21 de abril, na clausura da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas.

Engadir un comentario