O Concello de Camariñas continúa a súa aposta pola seguridade viaria e a mellora dos equipamentos no municipio e vén de sacar a licitación dous proxectos para actuar en diferentes rúas de Camariñas e Camelle que suman un total de 337.024,94 euros.

En Camariñas actuarase concretamente na Rúa Río do Prado, unha actuación valorada en 206.236,08 euros co obxectivo de reurbanizar un tramo desta vía a través da construción de beirarrúas, a pavimentación e a dotación de saneamento e recollida de pluviais.

A rede de saneamento de pluviais irá soterrada baixo as novas beirarrúas que se construirán en ambas marxes da estrada e coas que, xunto coa pavimentación, se pretende mellorar as condicións de seguridade e funcionalidade do tramo da rúa Río do Prado, que actualmente presenta un grado de deterioro que impide o seu uso normal tanto para os peóns como para vehículos.

En Camariñas, nun tramo da rúa Río do Prado, construiranse as beirarrúas e instalarase o saneamento. En Camelle renovaranse totalmente as rúas Nova e do Porto.

Por outra banda, en Camelle, rehabilitaranse e renovaranse as rúas Nova e do Porto, nas que se mellorará a seguridade viaria e a calidade dos equipamentos. As actuacións previstas para ambas vías son a renovación completa dos pavimentos, a redistribución do espazo tanto na calzada como nas beirarrúas para dar prioridade á protección do peón, a renovación do saneamento, a construción dunha rede de pluviais e a mellora do mobiliario urbano existente.

O concelleiro de Obras, Juan Carlos Canosa, explicou que estas son actuacións “moi demandas polos veciños de Camariñas e Camelle” e que “responden ás necesidades do día a día e ao compromiso do Concello de mellorar a seguridade viaria e os equipamentos en todas as parroquias do municipio”.

Engadir un comentario