1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
A danza de arcos de Camariñas é unha danza anterga que se baila na honra da patroa dos mariñeiros, como é a Virxe do Carme. Esta danza bailábase xa nos anos vinte do século XX, como deixou constancia, un dos mellores fotógrafos da época, D. Ramón Caamaño. Pero cal é a orixe desta danza? Pois segundo os nosos maiores, esta danza ven da vila de Cariño, e ven para quedarse para sempre. Mais esta danza tamén se pode ver en diversas festividades como en Asturias ou nos estados de Hidalgo, México e Puebla, está chea de pasos moi complexos, e xiros sorprendentes e vistosos, executados por parellas de homes que danzan en fila e que portan os extremos duns arcos decorados con flores de papel. A súa vestimenta é tamén branca; como a nosa, e levan pañoletas cruzadas sobre o peito. Esta danza bailana tamén grupos étnicos otomíes do estado de México no municipio de Acambay.

Xosé Troiano, o gran historiador da vila de Camariñas comeza unha serie de reportaxes sobre os emblemas da vila das palilleiras

O 16 de xullo, en Camariñas todo sabe distinto ese día. Ninguén é alleo á festa, xa de moi cedo, o fermosísimo son das gaitas do país chega ó interior das casas na súa alborada. Logo diso, os gaiteiros acompañarán a danza de arcos, composta por uns 40 mozos e algúns non tan mozos, aínda co número pode variar segundo os anos. Estes, van recolle-la Virxe á igrexa e logo veñen baixando polas rúas da vila, bailando e saltando sen perder comba, ó tempo que, de dous en dous, manexan con facilidade os arcos feitos de madeira e adornados con lazos de papel de varias cores. Vestidos con pantalón e camisa branca, átanse ós costados o pañuelo da moza, mellor amiga ou mesmo dos seus pais ou irmáns, antigos danzadores. As xentes forasteiras quedan abraiados e non se explican como poden ir adiante, atrás, xiros, arco arriba e arco abaixo, zigzagueando, facendo labirintos ou caracolas e saír adiante sen enredarse. Pero... os danceiros din ou dicimos, pois que non bailou esta danza sendo da vila dos encaixes, que é máis doado do que parece.

Despois de recolle-la virxe na igrexa parroquial, vaise a capela do Carme para recoller a outra imaxe da Virxe do Carme; esta máis pequena, que será a que vai ir na procesión marítima, pois a grande faise pouco doada de levar nun barco ademais da lenda que di, que a grande, por ser máis nova, (data dos anos vinte do século XX doada por Cerdeiras), dá mala sorte á procesión. Tan só embarcou un ano na que a festa foi un puro temporal. Cando a procesión chega a vila de Muxía, a danza tamén honra aos muxiáns cuns minutos de baile mentres os barcos dan as voltas pertinentes polas augas do peirao muxián. De volta, acompañarase ás virxes ata a capela na que ficarán aí ata o día seguinte.

O día 17, a virxe grande do Carme, retornará a igrexa parroquial de san Xurxo acompañado novamente por esta ancestral danza, caracoleando, adiante e atrás ata a entrada do seo, e alí descansará ata o vindeiro ano ó igual ca estes mozos, cansos pero orgullosos de pertencer a Danza de Arcos da fermosa vila dos encaixes, Camariñas. Este artigo que se publica hoxe, ven a raíz dun fermoso vídeo de RTVE do ano 1973, colgado en You Tube por Mayka Ramos. Ao principio, unha grande entrevista a unhas palilleiras, unha delas chamada Estrella, seguido da danza de arcos bailada para esta televisión na fermosa praia de Lingunde. Escoitando ao entrevistador e mailas entrevistadas, podemos aledarnos das súas malas visións de futuro, tanto do encaixe como da danza, xa que coidaban que estas tiñan tendencia a desapareceren, pero non só non desapareceron senón que se afianzaron con máis forza que nunca.

Engadir un comentario