1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
A cantidade de residuos xerados pola cidadanía está en crecente aumento, e a xestión actual non consigue aproveitar os recursos pechando o ciclo da materia orgánica sen un impacto na calidade ambiental da cidade. É por isto que o Concello comezou hai 3 anos con unha aposta decidida pola compostaxe doméstica, sumando cada ano máis familias e abrindo unha vez máis unha nova convocatoria á participación, dirixida a todos os veciños do municipio que conten con un pequeno terreo no que compostar os seus residuos orgánicos, impedindo que cheguen aos contedores da rúa e pechando o ciclo da materia nos fogares.

Comezamos xa hai 3 anos e son máis de 180 as familias que xa están facendo compost nos seus fogares e contribuindo a un beneficio ambiental para o seu concello; con esta nova fase, abrense 50 novas prazas, sumando así máis de 200 familias reducindo residuos a partir da implantación do programa e transformándoos en compost para os seus xardíns ou plantas.

Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á planta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e por tanto freando o cambio climático.

Dada a experiencia da organización Amigos da Terra neste eido, e a súa dilatada traxectoria en proxectos de compostaxe doméstica, para a realización deste proxecto, solicitouse unha vez máis a colaboración da asociación, nas tarefas de formación, seguimento e avaliación dos participantes.

O proxecto, que forma parte das actividades de concienciación ambiental financiado pola Xunta de Galicia co Fondo de Compensación Ambiental, arranca hoxe coa súa apertura da fase de solicitude de participantes. Todas as persoas que o desexen poden inscribirse chamando ao 981737004 ou dirixíndose á casa de Pedra.

Cada vez son máis as familias do Municipio que se suman á compostaxe provocando un beneficio doble: a redución de residuos e o aforro municipal.

Unha vez seleccionadas as 50 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán a estas familias ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso. Ademáis a cada familia seleccionada daráselle un composteiro e formación durante o tempo que dure o proxecto.

O único requisito para formar parte deste programa é, ser veciño do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto e motivado a formar parte deste proxecto educativo e formativo. Realizarase unha selección das 50 primeiras persoas que cumpran estes requisitos para esta primeira fase, e as que queden fora, quedarán nunha lista de espera para as seguintes edicións. As persoas que forman parte da lista de espera do último programa non teñen que volver a apuntar, son as primeiras en entrar.

Engadir un comentario