1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Non hai moito un consumado usuario de Instagram subía a súa conta unha foto da Igrexa de San Xiao de Moraime e en menos de 24 horas recibía catro mencións de outras tantas prestixiosas galerías. A beleza sobrecolledora, a simetría das formas, a sinxeleza da arte románica máis excelsa abraiaba e abríase paso sen maiores atrancos na globalizado e super competitivo mundo das hubs do Instagram. Porque aínda que non o pareza, a pesares de que as diversas administracións non fagan moito por publicitalas, un puñado de templos románicos esparcidos por diversos puntos da Costa da Morte cando se abren paso, impresionan pola súa beleza. Dous albergamos no Concello de Camariñas, un en Xaviña, outro en Santa Mariña, incluso un par de carteis indicativos seriamente destartalados detrás dunhas silvas furtivas, duns toxos inevitables, alertan sobre a súa existencia. Haberá uns cinco anos, Camarinas.eu adicaralles unha extensa reportaxe gráfica e escrita. O templo parroquial xaviñán funde as súas raíces nas entrañas da historia. Agora o Concello de Camariñas da man da empresa de construcción Antonio Pereira Fernández ven de tratalo de poñelo mínimamente en valor adecentando uns arredores que certamente non lle facían xustiza. Ese é un conto vello na Costa da Morte, en toda Galicia: a duns pobos en guerra consigo mesmos, ata que se arruinou a beleza dos entornos urbanos non houbo tregua. Costará décadas, tal vez séculos, arranxar aquelo que nuns poucos anos, apenas unha xeración, arruinou todo.

Engadir un comentario