Este sábado 5 de xullo de 2014 o Restaurante La Marina entrou por méritos propios na historia da gastronomía da Costa da Morte. O motivo de tal distinción non foi outro que a inclusión do restaurante rexentado polos nosos amigos Lola Barreiro e Óscar Freire na elitista asociación gastronómica La Chaîne des Rôtisseurs, sendo desta forma o único restaurante desta franxa atlántica que é recoñecido por esta importante asociación culinaria. Varios representantes de La Chaîne chegaban este venres tarde ata Camariñas co obxectivo de preparar o acto de presentación da Marina na asociación que se celebraría ao día seguinte. A este importante evento acudiron o alcalde Pichurri, representantes da sociedade camariñana así como amigos e familiares que non quixeron perderse o poder acompañar a Óscar e Lola en tan sinalada data. Cúmprese deste xeito outro dos grandes proxectos de Óscar e Lola que, a pesares de consistir nun premio a toda á labor e traballo dos nosos amigos, constitúe tamén un recoñecemento que sitúa no mapa hostaleiro internacional á vila de Camariñas. Dende Camarinas.eu queremos expresar a nosa máis sinceira noraboa a Óscar e Lola por todo este traballo que levan realizando durantes estes anos. A seguir traballando así amigos!

Engadir un comentario