1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

José Manuel e Adrián do Grupo Lurte visitaron esta pasada semana a redacción de Camarinas.eu

Nunha das expedicións militares máis estranas e incomprensibles da historia un continxente de aguerridos mercenarios provintes da Corona de Aragón, os así chamados Almogávares, desembarcaba en 1302 nos dominios do entón Imperio Bizantino, nas costas da actual Turquía. Aquela intrépida andanza foi recollida moito despois por Ramón J. Sender na novela "Bizancio" e ante as masacres continuadas e repetitivas que en tal obra se describían un acababa colexindo que ao autor, aragonés de Huesca, se lle fora a man. Sen embargo os anales históricos así o recollen: apenas 2.500 almogávares nunha primeira escaramuza asesinan xa 3.000 xenoveses, nunha segunda 13.000 turcos. No Monte Tauro enfrontados a un exército de 40.000 turcos acaban con 18.000 homes, máis adiante e tras o asesinato do seu xefe Roger de Flor, na chamada "Venganza Catalana", acabarán con 26.000 bizantinos, 8.000 alanos... O espíritu daquela época heroica e brutal, a esencia e forza que animaba a aquel puñado de desesperadas xentes aragonesas, é o que pretende evocar a música do principal grupo folk aragonés do momento, os zaragozanos Lurte.

Esta banda, compatriota dun dos xornalistas de cabeceira desta redacción, o independente e indómito turolense Federico Jiménez Losantos, ven de actuar recentemente no Festival Folk da Carballeira de Zas onde colleitou un impresionante éxito a súa música a base de instrumentos tradicionais aragoneses de vento unida a unha potente percusión ca que rememorar os aires almogávares antes descritos. Aproveitando a súa estadía nunha casa da Costa de Xaviña, dous dos seus compoñentes, José Manuel Alba (gaita aragonesa e zanfoña) e Adrián Gil (gaita aragonesa e dulzaina) tiveron a xentileza de achegarse ata a redacción de Camarinas.eu e compartir vivencias con outro que foi dos pioneiros da música rock na Costa da Morte, o noso director Diego Alonso Freire. Por elo puideron saber que os gustos respecto á música tradicional desta redacción pasan máis polo seu tamizado xunto a outros instrumentos máis contemporáneos, se pode ser as descargas distorsionadas dunha potente guitarra eléctrica, e así se antes nos anos 80 seguíamos aos irlandeses The Pogues ata que o alcohol acabou co derradeiro dos dentes putrefactos do seu cantante Shane MacGowan, agora por evolución lóxica son os bostonianos Dropkick Murphys os que despertan a nosa admiración e respeto superlativos: poñes unha canción súa e é como si tiveras Irlanda xusto diante, a medio metro. En todo caso, non todos os días unha banda de prestixio e solera visita a redacción dun humilde medio de comunicación local desta Costa da Morte dos nosos pecados, e por elo queremos agradecer aos Lurte a súa deferencia e proximidade. Aquí vos deixamos un vídeo do seu ultimo disco Neopatria (2011) para que xulguedes vos mesmos.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.