Imos cunha historia de pantasmas e non estamos a falar dos mortos vivientes do PP camariñán que vemos deambular de a cotío polas nosas rúas precisamente. Así en El Blog de Karkallón, un dos colaboradores do programa do canal propiedade do Grupo Prisa (e agora de Berlusconi tamén) "Cuarto Milenio", puidemos comprobar un tanto atónitos como se certificaba sen a menor dúbida a existencia dunha serie de psicofonías no entorno do Cemiterio dos Ingleses. Trataríase dunha noticia publicada en novembro do 2010, a cal tras un pequeno destartalamiento introductorio a conta do Serpent ("Algunas versiones indican que llevaba oro para las posesiones que la corona británica tenía en ultramar y que fue desviado por raqueros gallegos alertados por los raqueros británicos que conocían la carga del buque"), advirte que "los resultados (serían as probas) parafónicos que hice en este lugar fueron muy escasos", para posteriormente pasar a afirmar que "hubo un registro que me dejó realmente sorprendido". Consistío esta sorpresiva constatación paranormal en que "en un momento dado se registra en mi grabadora una frase en la que también va incluido una especie de disparo", a cal inevitable e  irremisiblemente da lugar a unha interpretación un tanto collida polos pelos: "Una salva de reconocimiento a estos valientes marineros hecha desde el otro lado???"

A frase en cuestión, auténtica clave de bóveda que sostén todo o entramado deste novo expediente para(sub)normal camariñán, estaría representada pola cita clara e indubitadamente rexistrada pola grabadora preferida do mundo de ultratumba: "Soy-Yo-Sal". Frase que aparte de problemáticas cuestións idiomáticas (¿un guardiamarina británico do Serpent falando castelán como si nada? ¿Un xaviñán ou un camariñán de hai 120 anos expresándose no idioma de Cervantes?), abre novas e interesantes conexións cinematográficas do entorno do Cemiterio dos Ingleses, non se sabe se referidas a célebre película (en canto a fama, non tanto en canto a calidade) "Yo soy Sam", interpretada polo progresista Sean Penn e a maciza en tempos Michelle Pfeiffer, ou máis ben (dado o telúrico, siniestro, da súa trama) "Summer of Sam", excelente film dirixido por Spike Lee e interpretado por John Leguizamo e Adrien Brody que recreaba o cruento e sofocante verán newyorkino no que un serial-killer seriamente perxudicado e de orixes cremos que hebreas (David Berkowitz, o así chamado "Son-of-Sam") sembrou o pánico polas súas rúas nunha masacre veraniega nocturna que chegou a provocar motíns armados na Cidade que Nunca Dorme.

Todo o cal plantexa unha serie de inquietantes cuestións: a frase "Soy-Yo-Sal" ¿non será en realidade a de "Yo-Soy-Sam", a máis célebre frase ca que se identificaba un dos máis sanguinarios psicópatas norteamericanos? ¿Estamos polo tanto en presenza dun antepasado de David Berkowitz, recalado por mor dun sino fatal na Costa da Morte? ¿Un xudío de nacionalidade mexicana (polo da frase en castelán)? Ou, abrindo outra liña de investigación, ao tratarse dun ser de ultratumba, posiblemente un zombie, ¿estamos a falar dun membro da actual dirección do PP camariñán? Ou polo contrario, ¿foi este serial killer o responsable das desventuras xudiciais de Viproga S.A., o cal retorna agora para continuar a súa trama-urdida-de-vinganza (en palabras textuais do estercoleiro cibérnetico habitual) contra o asaltador de negocios particulares? Dúbidas querido accionariado independente e apolítico de Camarinas.eu, ás que intentará dar resposta esta redacción mediante unha vixilia nocturna continuada no Cemiterio dos Ingleses ata dar co criminal responsable da quiebra radical da máis exitosa e exemplar empresa de vixiancia e protección galega que viron os séculos, todo elo para poñelo diante das fauces sedentas de xustiza do Maxistrado do Río do Prado. Non haberá piedade con el: si en efecto é afiliado do PP ¡¡que se dé por expulsado!!

Engadir un comentario