1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Dous novos radares de alta frecuencia listos para operar dende o VilánTodo aquel que se achegue polo Faro Vilán dende esta semana se aguza un pouco a vista poderá vislumbrar como un novo invitado acompaña ao máis fermoso dos faros. A Consellería do Medio Rural e do Mar trata de impulsar a mellora do coñecemento do medio mariño en tempo real coa instalación de dous radares de alta frecuencia no Faro Vilán e no de Prior, en Ferrol, que vixiarán dende agora cada movemento que se rexistre nas nosas augas. Estes radares son do tipo SeaSonde LR tamén servirán para reforzar a compoñente oceanográfica dos sistemas de axuda á toma de decisións en operacións no mar. Concretamente estes aparellos achegarán datos sobre a intensidade e a dirección das correntes mariñas e da ondaxe. A información achegada polos radares é clave para calcular a traxectoria dunha vertedura e tamén para xestionar operacións de salvamento como as buscas.

Co seu funcionamento amplíase o espazo de cobertura da Rede Galega de Monitorización de Correntes e Ondaxe, incrementando o peso de Galicia na Rede Nacional de Radares AF, pioneira en Europa e impulsada desde Portos do Estado. A Xunta pon de manifesto con esta acción a súa aposta pola investigación mariña e o desenvolvemento tecnolóxico no sector. Este sistema de medida de correntes superficiais e ondaxe foi adquirido polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) por 516.250 euros e entrou en funcionamento a finais do 2011. Os seus datos poden ser empregados polas autoridades responsables do salvamento marítimo, autoridades portuarias e polo resto da sociedade para as diversas aplicacións e usos relacionados co mar.

Engadir un comentario