1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
...veteranos y noveles, miran siempre tus laureles con respeto y emoción...Unha manada de anos, todo un océano de tempo, levaba agarrotado na gorxa do madridismo, pugnando famélico por saír, o gol ao que Cristiano Ronaldo daba forma no minuto 102 do partido da final da Copa do Rei que enfrontaba ao Real Madrid ca súa eterna némesis. Un estourido que nin o das trompetas de Xericó ensordeceu España e derrubou muros. Muros de medo, de angustia, de complexo de inferioridade. Toda a frustración acumulada ao longo duns anos especialmente nefastos non só polas derrotas propias senón sobre todo polas victorias alleas subindo a velocidades insondables dende o fondo das entrañas quedou liberada co berro colectivo que inundaba as terras de España pouco antes de que rematase dunha vez e para sempre o tan histórico mércores 20 de abril do ano do Noso Señor de 2011.

E entón, naquel momento, o redactor que o presente subscribe non puido evitar recordar dúas datas. A primeira por aquelo da semellanza temporal tivo lugar un lonxano 19 de abril de 2000, mércores de Semana Santa no que se daba inauguración á que constituía a décima edición da Mostra do Encaixe. Un Real Madrid no que Casillas cumpría a súa primeira tempada visitaba o mítico Estadio de Old Trafford no que constituía o encontro de volta dos cuartos de final da Champions League envolto nunha nube de pesimismo na que os máis expertos augures predecían unha goleada de escándalo. E nembargantes resultou unha das máis gloriosas victorias brancas en toda a súa historia, coroada polo terceiro gol, perfecta culminación dunha xogada iniciada na banda esquerda con caño de tacón incluido, a imaxe pola que sempre será lembrado o mellor mediocentro que viron os séculos: Fernando Carlos Redondo Neri.

A segunda por aquelo do acontecido nos días previos ao match, lévanos aos feitos que tiveron lugar no Amsterdam Arena un 20 de maio de 1998, cando un Real Madrid polo que ninguén daba un peso gañaba diante da Juventus de Turín, 32 anos despois, a súa sétima Copa de Europa. Tamén entón todo foi prever  polos máis expertos augures de barra de bar unha debacle, un cataclismo, unha apocalipse, unha hecatombe branca. Tal que acontecía nos días previos ao histórico mércores 20 de abril que inauguraba, nun mesmo día, a Semana Santa e a XXI Mostra do Encaixe. Sen embargo, o Madridsmo, xa o dixemos dúas veces e agora se fai falla tripitímolo, poderá estar ferido pero non morto. O Madridismo nunca morre.

{phocagallery view=category|categoryid=616|limitstart=0|limitcount=0|detail=8|imageordering=1}

 

Engadir un comentario