Operarios Municipais levan a cabo a enésima reforma da Praza da Insuela

Nestes días podemos ver como operarios municipais acometen a enésima reforma da Praza do Concello. Primeiro foron as beirarrúas dun lado, despois foron as do contrario, algún veciño reclamou e houbo que refacer as de atrás, logo as de máis atrás, as de abaixo, as de máis abaixo e agora, non podía ser doutro modo, tocaron as de enfrente. A todo esto, entre medias tamén se reformaron as do medio, as que circundan o monumento máis idiosincrático do Concello de Camariñas, a Estatua da Palilleira, que acertadamente foron recortadas nun par de metros de forma que se posibilitase a circulación peonil no seu frente  e se dera saída aos pasos de cebra recentemente habilitados ao seu carón.

E, se volvemos a vista atrás, todo esta pasión reformista nunha das prazas de concello máis destartaladas que existen en Galicia iniciáronse un xubiloso día de finais dos anos oitenta. Foi entón cando se tomou unha das decisións máis acertadas da historia de Camariñas, a de derruir dunha vez e para sempre o conxunto arquitectónico formado pola sucesión de columnas cor verde-camuflaxe ("O Partenón") e os estanques dorados que as rodeaban e que constituían un dos maiores horrores visuais existentes na España dos anos de plomo do Felipismo. Con todo e constituir aquel inexplicable e inexplicado remedo de partenón un mamotreto horrendo, un bodrio vomitivo, feismo en estado puro, un vértigo indefinible percorre o corpo e unha incertidume anguriante apodérase da alma ao oír o que contan abraiados aínda a día de hoxe os funcionarios máis vellos do lugar acerca dun afamado Ingeniero de Caminos, Canales y Puertos que por aqueles tempos de mediados dos 80 presentouse un día na Casa do Concello por cuestións laborais. A admiración podía lerse nos seus ollos: "Hombre, ¿y este proyecto de columnas quien lo firmó? Hay que ver, que bien, que bien. ¡¡Muy interesante!! ¡¡Que vanguardista!! ¡¡Y que bien ha sabido reproducir las formas geométricas de la democracia!!" E alí foi o tipejo aquel e pasouse media hora sacándolle fotos a aquela monstruosidade. En ocasións, causa pavor e horror as posibilidades recónditas, infinitas, que pode chegar a albergar unha alma humana.

Engadir un comentario