5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

 O Dasorch atracado nos pantaláns do CNC pouco despois da súa chegada ao porto camariñán

Refuxiados ao calor da caseta de vixilancia dos pantaláns do Club Náutico de Camariñas, un grupo de varóns de diversa idade mataban a tarde do luns 24 de xaneiro charlando sobre as incidencias do eterno combate mortal entre Real Madrid e Barcelona. Dende a outra cara da ría chegaban os asubíos desesperados do vento ululante e reproducían, con sonido agudo e repetitivo, o que parecía unha mortal descarga artillera en toda a lonxitude dun frente de guerra, encollendo o corazón dalgún canciño impertinente e ladrador presente nas inmediacións. Os varóns referidos esperaban, rexubeiros, o retorno do Salvamar Altair dunha nova misión de rescate: a 48 millas para fóra do Vilán desta volta era un iate francés o que, desbordado pola intensidade do vento e presumiblemente cunha vía de auga, enviaba un agónico S.O.S.

A embarcación de salvamento fixérase ao mar as dúas da madrugada e trabara contacto ca embarcación aludida cara ao mediodía da data de autos iniciando entón un remolcamento cara o porto camariñán que non remataría ata as 20:00 ca súa chegada ás instalacións do CNC. Os aficcionados futboleros, maiormente madridistas, pararon por un momento a súa charla, saíron do seu cómodo refuxio e, co despiadado vento ululante azotando as súas caras e un frío seco de xaneiro calando ata o último dos seus osos, procederon ben a cumprir cas súas obrigas laborais, ben a rexubar sen moito entusiasmo a enésima chegada a porto dun iate rescatado en alta mar. Este era o Dasorch, de 10,95 metros de eslora, 3,60 de manga e bandeira francesa e que efectivamente presentaba unha vía de auga no seu casco. Acostumados dende hai anos a que toda a porquería marítima que deambula a tombos polo mar abaixo en forma de barcos chatarra, iates de capitáns borrachíns e de aventureros de baixa estofa ou desperdicios marinos diversos acabe dunha forma ou outra sine die no Porto de Camariñas, os aficcionados antes aludidos apenas se inmutaron. Volveron para adentro, pecharon ben a porta e continuaron teorizando soñadoramente con algún posible gol salvador de Benzemá.

Engadir un comentario