Os arredores das Seixas foron testigos da entrada en acción do Tractor Municipal

Tal vez non teña o marchamo de gloria dos seus conxéneres saídos da mítica fábrica de tractores de Stalingrado, aquela por cuio control nos días finais de agosto de 1942 tiveron lugar algunhas das loitas corpo a corpo máis dramáticas da historia e que, tras ser urxentemente reacondicionada, producía tanques que entraban en combate a só 200 metros de alí, nin tampouco posiblemente pisará nunca os infinitos campos de cereal dos estados americanos de Wisconsin ou Iowa, pero o novo tractor municipal tamén está chamado a pelexar en batallas de consecuencias trascendentais. Impoluto, flamante, recén importado dende unha lonxana planta coreana, este pasado xoves 20 de xaneiro entraba en acción municipal nunha viaxe iniciática raspando cunetas por Reira e exercitándose polos duros camiños do agreste monte camariñán das Seixas.

Como chavaluelos con zapatos novos estaban os operarios da Patrulla Municipal de Obras (PMO) co seu xerente en xefe Manuel Castiñeiras Santos aos mandos, os cales como os xenerais Zhúkov, Chuikov e Rodímtsev dirixindo os movementos das tropas durante a batalla polo control da heroica cidade do Río Volga, contemplaban absortos as evolucións maxestuosas da nena dos seus ollos. Polo tanto, de forma semellante a como os tres altos oficiais mencionados, co aporte inestimable dos primos-irmáns do noso querido tractor saídos da factoría de Stalingrado, conseguiron triunfar sobre os exércitos hitlerianos no outono crucial de 1942, as tropas da PMO, co seu commander-in-chief ao frente, vencerán dunha vez e para sempre sobre toxos, silvas e malas herbas. De novo, o triunfo da civilización sobre a barbarie.

Engadir un comentario