3.9651162790698 1 1 1 1 1 Rating 3.97 (86 Votes)
Dende a estrada que conecta á Vila de Camariñas cun mundo proceloso e descoñecido parecían un pequeno exército de formigas en movemento, pero xa chegados a pe de praia podíase constatar que se trataba de esforzados mariscadores pertencentes á Cofradía de Camariñas que, nun continxente maiormente femenino, levaban a cabo na praia de Area da Vila as indispensables labouras de recolección de ameixa e berberecho para o seu posterior traslado cara ao areal xaviñán de A Vasa, onde tras o seu correspondente engorde final, estes sabrosos moluscos bivalvos estarán listos nun tempo non moi lonxano para a súa captura definitiva. Un exército de rastrillos, barreños, botas de goma, luvas de látex, cubos e traxes de neopreno afanábase tenaz nas primeiras horas da tarde baixo un ceo plomizo. O caso é que a pesares dalgunha que outra visita ocasional fóra do horario establecido, este célebre areal camariñán segue a ser un viveiro inagotable para a cría de moluscos, chegando incluso a abraiarse as propias mariscadoras da Cofradía da riqueza e fertilidade dun criadeiro natural que parece non agotarse nunca. Camarinas.eu consciente da importancia socioeconómica do sector do marisqueo a pe para un Concello volcado nas artes do mar estivo presente en Area da Vila e captou unha amplia galería fotográfica.

Engadir un comentario