5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (2 Votes)

Hai moito tempo vivía en Camariñas un rapaz chamado Martiño que tivo que ir a unha guerra nun lugar moi afastado. Alí fíxose amigo de un home maior que por casualidade coñecía a súa vila natal. Martiño nunca lle preguntou como unha persoa nun lugar tan afastado coñecía Camariñas, so falaba con el da xente que o esperaba na casa, das rúas e praias da vila e do que faría cando volvera a ela. O home maior tampouco o interrompía, deixaba que Martiño lle contase os seus plans mentres mantiña a mirada fixa no horizonte.

Así, chegaron ao último día de Martiño nesas terras e na despedida o home maior pediulle algo por primeira vez ao camariñán. Tratábase de un favor moi importante, unha tarefa que debía cumprir tal e como el lle dixera. Martiño, aínda que estrañado por aquela petición, aceptou xa que lle estaba moi agradecido a aquel home que tanto lle axudara en tempos tan difíciles de morriña escoitando as súas historias.

Entón o home díxolle “Un día falástesme de unha fonte preto dunha praia. Unha fonte que emana dunhas pedras situadas entre dúas calas. Quero que vaias alí unha noite de lúa chea e, as doce en punto, repitas o nome de Yalida tres veces... unha cousa máis, pase o que pase non abras o paquete baixo ningún concepto. Sei que é unha grande responsabilidade, mais ten por seguro que esta será recompensada”. Martiño colleu o paquete e despediuse daquel home para volver a súa casa.

De volta en Camariñas gardou o paquete nun estante da casa e falou con Carmiña, a súa irmá, que o estaba a observar. Explicoulle o que acontecera e como baixo ningún concepto debía abrir aquel paquete que lle encomendaran entregar baixo aquelas misteriosas directrices. Martiño coñecía ben a Carmiña e era consciente de que dixéralle o que lle dixera ela ía facer o que lle petaba, por iso tería que tela vixiada até que chegara a noite de lúa chea na que puidera entregar o paquete.

Así, nos días seguintes Martiño permaneceu sempre cerca do paquete ou da súa irmá para asegurarse de que ela non fixera das súas. Porén, un día Martiño tivo que ir a vila veciña facer un recado e tivo que deixar a súa vixilancia, non sen antes repetir un bo número de veces aquelas advertencias que Carmiña tiña máis que sabidas... pero como se non, porque nada máis abandonar a casa Martiño ela achegouse ao paquete a abriuno. Alí so atopou un pan de trigo. Algo que lle resultou decepciónante tras tanto misterio. Sacouno e cortoulle un anaco para probalo e a cousa non mellorou demasiado, así que decidiu gardar o pan que restaba e volver a deixar o paquete tal e como estaba antes. Ao volver, Martiño non se dou conta do sucedido e tanto el como Carmiña respiraron aliviados.

7 días despois chegou a primeira noite de lúa chea e Martiño fixo todo tal e como lle pedira o seu amigo. Colleu o paquete e achegouse a fonte de Portocelo e as doce en punto repetiu 3 veces o nome de Yalida. Fronte a el xurdiu unha luz moi intensa trala cal apareceu unha muller moi fermosa que lle colleu o paquete e abriuno con mans áxiles descubrindo o pan cortado no seu interior. Entón, Yalida mirou a Martiño e díxolle:

  • Que fixestes? Cortastes o pan e con el a pata do meu cabalo condenándome a estar atrapada neste lugar eternamente. Perdestes a oportunidade de liberarme e con iso gañar o caldeiro de ouro e prata que gardaba para quen me salvase.

Martiño deuse conta do que pasara e díxollo:

  • Perdoa, foi miña irmá. Non é capaz de controlar a súa curiosidade. Non era a súa intención, sinto moito.

A cara de Yalida cambio un pouco. Parecía comprender o acontecido e levou a man as costas para recoller unha mantilla bordada. Era un agasallo para Carmiña como mostra de que lle perdoaba o seu fallo. Martiño recolleuna insistindo nas desculpas que Yalida aceptou mentres somerxía o que quedaba do pan na auga. Del apareceu un cabalo branco de tres patas no cal montou e tras iso desapareceron.

Martiño regresou a casa moi enfadado polo que fixera a súa irmá. A carraxe non lle cabía no corpo e ao ver un limoeiro polo camiño arremeteu coa mantilla bordada contra el. Nese intre a árbore secou de forma inmediata e acto seguido comezou a arder descubrindo as verdadeiras intencións de Yalida.

Martiño decidiu agochar a mantilla bordada nun lugar no que ninguén a atopara e non dicirlle nada do acontecido a súa irmá. A día de hoxe a mantilla bordada non foi atopada por ninguén, así como Yalida continua encerrada naquela fonte encantada de Portocelo.

 

 

 

 

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.