5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

Fai uns anos sempre estaba a camiñar pola biblioteca da universidade da Coruña a voltas. Facíao moitas veces na procura de libros novos que ler. Achegábame a un estante e collía un exemplar ao azar, ollábao un anaco e se me interesaba levábao a mesa para sacarlle todo o partido que puidera. A cousa e que un día andaba nesta costume miña cando de pasada pareceume ver o nome da vila de Camariñas e volvín sobre os meus pasos. Estaba no estante de arriba de todo na última planta. Non me lembro do título, tampouco do autor, pero si de unha das dúas lendas que gardaba sobre Camariñas no seu interior... máis ou menos dicía así:

 

Conta a lenda que en Mourín vivía unha señora maior que estaba a piques de morrer. Con ela estaba o seu neto que acudira ao seu coidado xa que tiña entendido que a vella posuía un gran  tesouro e tiña a esperanza de herdalo.

Unha noite a anciá chamou polo seu neto. Estaba a agonizar e pediulle ao rapaz un último desexo antes de finar. Necesitaba que a levara ate un lugar especial para ela. O mozo e a súa cobiza pensaron que sería o punto onde o tesouro se atopaba soterrado, así que montou a muller nunha carreta e comezou a seguir a súas indicacións de forma apresurada.

A anciá guiou ao rapaz durante case toda a noite. “A esquerda” “a dereita” “de fronte” “sube agora esa costa” ate que chegaron a un claro no medio do monte e alí  mandou que parara. Sinalou un camiño demasiado estreito para ir coa carreta polo que o rapaz tivo que collela en brazos.

Atravesaron ese camiño, que resultou ser moi curto, e chegaron a unha zona de area que estaba moi alta e dende a cal se vía o mar e moitas praias. Entón, mentres saia o sol, a anciá pediulle ao neto que a deixara na area. O rapaz fíxoo ansioso por escoitar o lugar exacto onde buscar o tesouro e preguntou.

  • Entón, onde está?
  • Aquí - dixo a vella - xusta aquí foi onde o teu avó me bicou por primeira vez.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.