1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Dous estudos sobre a novela U49 do escritor da Costa da Morte Rafael Lema acaban sair en sendos libros de crítica literaria no ámbito universitario editados en Oporto e Frankfurt. Son obra da la filóloga ourensana Isabel Mociño González da Universidade de Vigo. O seu traballo "El mar y la guerra en la narrativa juvenil del escritor gallego Rafael Lema" forma parte do volume "Literatura infantil y juvenil con fondo gris: muerte, naufragios, guerras y desastres" coordenado por Mociño e Riitta Oittinen, publicado na alemana Iudicum Deutsche Nationalbibliotek, en Frankfurt. A outra análise denomínase "A grande guerra na literatura infantil e xuvenil galega: U49 de Rafael Lema", neste caso parte do volume "De como a literatura infantil e xuvenil é chamada á guerra. Reflexións sobre os conflitos bélicos en Galicia e Portugal", onde figura Mociño na coordinación, editado por inED en Oporto tras os "20 Encontros luso-galaicos do libro infantil e xuvenil" na universidade de Oporto, onde participaron os propios Mociño e Lema. Tamén está en edición un terceiro estudo crítico dunha compañeira da autora, Verónica Pousada, sobre as mulleres na novela U49.

Mociño é profesora e coordinadora de Didáctica da Lingua e Literatura Infantil do campus de Ourense e do blog dos alumnos e alumnas do grupo, "primeiras lecturas". U49 (Tambre-Edelvives, 2007) narra as aventuras de varios mozos e mozas no medio da actividade do submarino alemán do mesmo nome durante a Primeira Guerra Mundial na ría de Camariñas e na Costa da Morte, contadas polo seu protagonista, un mozo bretón que foxe da leva.

No texto editado en Frankfurt a autora en 16 páxinas estuda a presenza do mar e dos conflitos bélicos na obra de Rafael Lema, pertencente á Xeración dos 90, abordando as diferentes perspectivas adoptadas polo creador nas súas novelas xuvenís cun estudo mais detallado dos elementos mar e guerra na súa novela histórica U49 "única obra para jóvenes escrita en lengua gallega que ha tratado la I Guerra Mundial y el papel que Galicia desempeñó desde su aparente neutralidad en la contienda" según a investigadora.

A OBRA ESTA AMBIENTADA NA COSTA DA MORTE NA GRAN GUERRA

Mociño nos dous comentarios chega a semellantes conclusións, como podemos ler ao final do texto editado en Oporto: "Rafael Lema ofrece nas súas novelas xuvenís, e en U49 en particular, un interesante retrato social e histórico. Salienta esta novela por centrarse nunha época escasamente ficcionalizada na literatura xuvenil galega, polo que consideramos moi acaida a súa lectura para a mocidade e tamén os adultos, que nela van atopar unha ollada sobre o propio dende unha perspectiva universal, propiciando ademais distintos niveis de lectura, das abundantísimas referencias históricas e culturais que insire o autor na trama". "Tamén é unha boa mostra das lecturas que propician a reflexión sobre múltiples cuestións, entre elas a importancia que cada persoa e cada lugar ocupa nas complexas correlacións de causa-efecto que determinan o devir da historia, a importancia de coñecer o pasado para crear o futuro e, sobre todo, coñecer a nosa propia cultura para valorala dentro do rico mosaico europeo e universal" conclúe a investigadora de Ourense.

Engadir un comentario