1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O amor e a droga, a enfermidade e a morte,  marcaron a xuventude de moitos mozos durante a década dos 80 e principios dos 90. Xulia e Nico foron  dous dos milleiros de mozos cuxas vidas quedaron marcadas para sempre. O que a autora Xulia Alonso Diaz contanos nesta historia, de forma maxistral, é a súa propia vida. A súa autobiografía. E faino sen concesións.

"Futuro Imperfecto" non foi escrito para ser publicado, senón dirixido á Lucia, a filla de Nico e Xulia e aos seus fillos, se algún día os ten. Contén unha historia fermosa e terrible, unha historia real vivida e narrada en primeira persoa que xira arredor do amor e da loita pola supervivencia. 

Os feitos teñen moito que ver coas ansias de liberdade, a euforia dos descubrimentos e a necesidade de experimentar, moi descritivo daqueles anos pero moi común tamén nas etapas de mocidade de todos os tempos. 

Falanos a autora da avoa de Bendollo, a avoa paterna Rosa, da que aprendiu tácticas fundamentais de supervivencia. A avoa Rosa fui  unha muller pequeneira que xunto a seu marido Pepe, sobreviviu á guerra e ao campo de concentración.

Recorda Xulia aos avos de Carballo Olimpia e Manuel, e as preciosas vistas da casa sobre o Val de Quiroga. “Unha casa que ulía a campo, a herba, a flores, a herba acabada de segar, a follas húmidas, a bosta de vaca; ulía a primavera, verán, outono, e no inverno ulía a porco chamuscado, ás febras de xamón sobre as cinzas, a zorza, augardente…”

Xunto as lembranzas da beleza do Val de Quiroga, Xulia narranos a morte da primeira muller do avo Manuel, Concha a irmá da avoa Olimpia, que “morrera de peritonite en Santiago mentres o avó Manuel viaxava a cabalo á casa para reunir o diñeiro que custaba a operación. Cando por fin chegou cos cartos, ela falecera e xa estaba soterrada”.

Nuns tempos nos que defender a política como ferramenta imprescindible ao servizo dos cidadáns pode resultar antigo. Nuns tempos nos que se nega o medicamento curativo (Sovaldi) aos enfermos de Hepatite C,  quizais condicionada pola tráxica historia vivida polo seu avó Manuel, Xulia é quen de romper unha lanza contra os slogans dominantes de "todos son iguais" de “eu paso de política” e rememora, non sen agradecemento,  un feito político de suma transcendencia para a atención sanitaria, e en non poucos casos para a supervivencia, de miles de enfermos de VIH.

“Era 1985…En España eran anos de cambios continuos, fabulosos. Saíra elixido o primeiro gobernó socialista e era ministro de Sanidade Ernest Lluch. Eu non sabía nada daquel home que en xuño de 1985 presentou o proxecto de Lei Xeral da Sanidade, unHa lei que facilitaría algo fundamental: a universalización da sanidade pública e gratuíta para todos. Hoxe parece algo obvio, ninguen recorda que, antes desa data, a situación era moi diferente”

A nova lei tiña un obxectivo fundamental: substituír a caridade por dereitos, vinculando a protección sanitaria á condición de cidadán.

A autora ten unha lembranza agradecida para o actor Rod Hudson, que en xullo de 1985 “anunciaba públicamente que padecía una estraña enfermidade da que comezaba a falarse cada vez con máis frecuencia: a SIDA”.

En outubro de 1985 Rod Hudson morría en Paris, “diagnosticado da peste do século XX, decidiu non morrer na clandestinidade e facer pública a sua situación… deu a voz de alarma con tanta intensidade que ninguén puido permanecer alleo á noticia”.

“Estes dos feitos…, promovidos por dúas personas tan distintas e distantes, haberían influir definitivamente no desenvolvemento de acontecementos que cambiaron o futuro de moitos e o noso tamén. Favoreceron a supervivencia, a miña e, coa miña, a nosa”.

Xulia falanos da sua familia, da sua nai, “preciosa e triste,…maís tamén a personificación da resistencia, da fortaleza e sobre todo da xenerosidade”, e do seu pai, un pai “que nunca ría”. 

Un pai que “aos quince anos era o único supervivente nun lar onde unha muller tentaba convivir coa perda de tres dos seus catro fillos, un home exercía de paí,..  con man dura,.. nunha vila dividida entre vencedores e vencidos, delatores e delatados, traidores e traizoados, aprendendo a calar. ….Adaptarse, fuxir ou morrer, non había máis opcions”.

Un pai que dende o día que soubo que era adicta á heroína, tivo como prioridade “intentar rescatarnos por enriba de todo e de todos”.

En 1978, con 17 anos, Xulia trasládase a Santiago para estudar Psicoloxía, e alí descobre as drogas.

“Santiago era o escenario perfecto, una cidade doutro tempo, un lugar onde era doado despegarse da realidade,….Santiago enfeitizoume”.

E Xulia falanos das drogas, “nada mais lonxe da dozura ca a Dependencia das drogas, nada mais lonxe do glamour ca o cheiro a vómito ou a suor que exhala permanentemente un adicto, nada máis lonxe do romanticismo ca o terror que produce a soa idea da síndrome de abstinencia”.

“A droga é unha grande industria piramidal. No seu cume están instaladas persoas con nome e apelidos, vampiros, asesinos sen escrúpulos que manexan este lucrativo negocio e, coas abondosas ganancias que acadan baleirando petos e vidas mercan ao poder”.

Mais foi en Vigo onde xurdiu o amor.

“Nunca esquecerei a primeira vez que me miraches… A túa mirada atlántica…”
“Eu tiña dezanove anos,…Ti tiñas vinte e tres.”
“Rua Torrecedeira, Vigo. Aí nos atopamos. Xa só a morte nos separou”.

“Canto nos amamos!
Canto me quixeches!
Canto te quixen!
Canto me gustou quererte!
Canto me gusta lembralo, meu amor!”

“O 7 de maio de 1988, ás 21:20 horas, naceu a nosa nena, a nosa filla preciosa, a nosa pequena, e fomos intensamente felices”
“Aquelo era o real. O futuro, de momento, era só iso, futuro…futuro imperfecto”
“En maio de 1990.…, os dous tiñamos traballo, os dous tiñamos una filla, os dous tiñámonos aos dous, os dous morriamos e…os dous sabiámolo”…, e ”a vida, continuaba o seu curso ignorándonos descaradamente”.

En febreiro de 1992. “Apenas che quedaban unas semanas, pero aínda conseguías sorrir …e sorrías”.

“Desta vez, a morte plantouse diante miña coa intención de non se ir soa”
“O día que deixaches de respirar a miña grande obsesión converteuse en sobrevivir o maior tempo posible para poder explicarlle a Lucía de primeira man a nosa historia, parte indisoluble xa da súa”.
“Oxalá puidese volvervos á vida a ti e a moitos más, a nosa particular axenda de amigos mortos. Oxalá fora posible advertir os que pasean inxenuamente agora mesmo polo fío da navalla. Oxalá!”.

A novela deixa constancia de certas conviccións persoais da autora: que a vida é unha oportunidade, que nada está escrito aínda que os propios acontecementos se empeñen en convencernos do contrario, e que a vontade e a ferramenta máis útil da que dispoñemos para construír o noso destino, que paga a pena resistir e apostar sempre polo futuro, aínda que sexa imperfecto. 

Lin esta novela durante a última hospitalización da miña nai, cuxo fin ambolos dous sabiamos xa inexorable. Cando todo rematou, gardei o libro e non tiven animo de volver relelo ata agora, e ao volver rematalo, en palabras de Agustín Fernández Paz, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler. 

Un libro memorable. 

Florentino Rogero Figueiras.

Comentarios   

E logo ti de quen es
+5 # Gracias BeldoñaE logo ti de quen es 11/05/2016 21:42
Que gran noticia!!!! volvemos a tener Camariñas.eu!!! !
Responder | Denunciar ante o administrador