1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Seguramente vos preguntaredes a razón da existencia de pequenas casetas de pedra en Reira e o seu contorno. Estas casetas, feitas con pedras do mesmo sitio onde se levantaron, servían de refuxio durante o verán para as xentes de Xaviña que mantiñan os seus rabaños de ovellas e cabras permanentemente no monte. Tamén o facían as xentes de Buría pero estes, xunto cos seus animais, volvían cada noite a súa residencia.  A existencia de rabaños de ovino e caprino estaba moi estendida entre os buriáns,  e incluso deixaron a súa pegada na toponimia desta parroquia, ou porqué pensades que aínda hoxe hai unha rúa a que se lle chama A Cabreira?

Os rabaños, nalgún caso compostos por centos de animais, cumprían varias funcións. Aportaban a súa  carne e lan, no caso das ovellas; mantiñan o monte limpo pois roían canto alí medraba; facían esterco co que abonar as leiras, etc. Todo isto era o habitual tódolos días do ano pero, durante o verán, aproveitábase o pastoreo para facer outra actividade que era esencial para o abonado das leiras e para que, naqueles tempo, os nosos avós descoñeceran a praga dos incendios forestais: rozar (rosar na fala camariñana e da Costa da Morte) o monte.

Os homes de Xaviña e de Buría pasaban semanas enteiras cos seus rabaños en Reira, no Pau, Lusín, As Seixas e en todo ese mundo que é a nosa franxa costeira. Pero non se dedicaban solo a coidar das súas ovellas e cabras se non que, armados de eixadas, dedicaban tódalas horas de luz a “rosar” o monte. En que consistía? Pois en apañar o toxo, as carrascas, as uces e toda a maleza que cada ano medra nos nosos montes. Con toda esa materia facíanse unha sorte de palleiros inmensos para ser usados ao longo  do ano, como cama para o gando e abono para as fincas. Tamén se aproveitaba para apañar argazo que o mar deixaba na costa, secalo nas “eiras” e gardalo como fertilizante que complementase o esterco en que se convertería o valume rozado no monte. Aínda non se coñecían os abonos químicos e á terra só se votaba o que a mesma terra e o mar regalaban.

Estas mesmas actividades tamén o facían os veciños de Dor, o Allo e A Ponte do Porto pero nos montes de Santa Mariña. Segundo me contaba a miña avoa Carme, a nai da miña nai, era todo un espectáculo ver a ringleira de carros que, polo vello camiño de Lazo, transportaban toneladas de valume cara as cortes e leiras destes lugares da parroquia porteña. A diferencia entre estes labradores e os que rozaban en Reira estaba nas casetas. Os xaviñáns convertían Reira nunha residencia temporal durante algunhas semanas ó ano porque, nas súas casetas, durmían, comían e facían unha vida moi semellante a das súas vivendas habituais. Tamén, nas curtas e sereas noites de verán, facían celebracións e contábanse historias arredor do lume. Era, sobre todo, unha vida de homes.

Hoxe, cando acudades a Reira e miredes algunha desas vellas casetas de pedra -moitas xa medio derruídas- non vexades nelas unha ruína ou unha presencia anómala. Son moito máis. Son a testemuña doutros tempos onde se lle arrincaba á terra, cun esforzo enorme, todo o que a terra ofrecía e onde o ser humano vivía en simbiose con ela.

A cambio non sempre se recibían colleitas proporcionais ao seu esforzo, e incluso se vían sometidos a penurias e fames históricas como consecuencia da climatoloxía, das pragas e epidemias que arruinaban as colleitas e os rabaños, pero que nunca, nunca, se renderon nin lle volveron as costas ás adversidades. A veces, desesperados, tomaban o camiño da emigración pero tan pronto podían retornaban á terra que os vira nacer e  que regaran  coa suor de moitas xeracións. E cando xa a terra non se cultiva, volven para arranxar a vella caseta de Reira, aínda que solo sexa para pasar nela un fin de semana  do verán vendo as mesmas estrelas que viron os seus pais e os seus avós ao carón do Foxo dos Lobos e alumeados polo ollo ciclópeo do Vilán.

Foto: Grupo de Facebook "Laxe, Praias Fermosas e Feiticeiras" - Pi Esgrima

Engadir un comentario