1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Se damos un paseo polo Muelle Novo atoparemos, nalgunha ocasión, quilómetros de redes tendidas para a súa reparación ou para a súa estiba a bordo ou nun camión. Esas redes están fabricadas con materiais sintéticos que case non precisan mantemento. Pero houbo un tempo en que as redes eran de materiais naturais, como a pita, que precisaban longas e duras labores de conservación e mantemento.

Camariñas sempre foi un porto especialmente dedicado ao cerco,  pero iso era durante o período que comprendía a primavera, o verán e unha parte do outono. Cando a Barca anunciaba os primeiros temporais as tarrafas “botaban a rede en terra” ate a próxima temporada. Acabábase o cerco e daba comezo o palangre e outras actividades pesqueiras que non precisaban das redes. Tamén remataba o traballo no mar para moitos homes de Buría e de Xaviña que solo se dedicaban á pesca no período do cerco, dedicando o resto do ano as labores agrícolas. Tamén se varaban as “lanchas”, unha especie de traineira que as tarrafas remolcaban cun longo cabo, que tiña dúas funcións no cerco: servir como depósito da pesca capturada  e como boia que pechaba “o cerco“  do cardume de sardiña, xurelo, xarda ou calquera outro peixe peláxico.

Nesta fase facíanse labores de limpeza e embreado das lanchas e sometíanse as redes a un proceso de “cocemento”  nunha brea espesa que as selaba para a súa conservación durante o período de almacenaxe durante o inverno e posterior utilización na próxima campaña. Nin que dicir ten que había toda unha sorte de trebellos e utensilios para estas funcións. Un bo exemplo de etnografía asociada a esta actividade témola en Lira onde existe unha especie de pota inmensa de granito onde se cocían as redes e se embreaban.

Logo de impregnalas de brea, as redes eran trasladadas a chandeiras destinadas a esta finalidade. En Camariñas había dous lugares moi socorridos: As Carballas e Os Liñares. As Carballas é unha ampla zona que vai paralela a estrada de Camariñas á altura de As Rubias. Era o antigo camiño de entrada a nosa vila e baixaba dende as Seixas, pasando acaroada ao Valado e a Cerca, desembocando no vello camiño de Fontán e no Outeiro. Aínda hoxe existen as ruínas dalgunha vivenda que alí había, preto do vello depósito de augas.

O outro lugar eran Os Liñares. E diredes vos, onde diaños quedan Os Liñares? Pois Os Liñares é o istmo do Cabo Vilán, onde hoxe está instalada Prodemar, e que cumpriu moitas funcións ao longo do tempo: lugar onde poñer a secar as redes, charqueira onde poñer a mollo o liño (de aí o seu nome), e incluso foi un dos primeiros campos de futbol, xunto coa Villueira, onde os camariñáns demostraron as súas calidades balompédicas.

As redes estirábanse a secar, ocupando varias hectáreas dos nosos terreos comunais, debuxando en terra auténticas filigranas que asemellaban as que as palilleiras elaboraban na almofada. Auténtico encaixe de Camariñas tendido ao sol do outono camariñán. Logo de ben secas recollíanse e trasladábanse a un lugar seco e ventilado para a súa perfecta conservación xa que, en ocasións, unha mala práctica nestes traballos podía ocasionar a perda de todas ou parte delas polo ataque dos fungos ou dos roedores. 

Os vellos mariñeiros, coma meu pai, conservan toda unha base de datos na súa memoria, destas e doutras actividades relativas coa práctica da pesca nos tempos antigos. Noutra ocasión contareivos algún dos tesouros que a súa memoria agocha. Ate esa, aquí vos deixo esta fiestra a outros tempos onde o traballo do mar era, si cabe, aínda máis duro que nos actuais.

Engadir un comentario