1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
E probable que si hoxe lle preguntas a un camariñan, de menos de trinta anos, onde queda a praia do Cunchareiro non teña nin a mais remota idea. Esta ignorancia ten sentido porque xa non existe pero durante xeracións de rapaces de Buría foi a “súa” praia e onde case todos aprendemos a nadar.

Primeiro é preciso esclarecer o topónimo. Os cunchareiros son os lugares onde, tradicionalmente, se depositaban as cunchas dos bivalvos consumidos polas poboacións costeiras. Eu aínda lembro que na Millarenga, debaixo dun loureiro que había ao lado la corredoira, tirábamos cestos e cestos de cunchas de berberechos e mexillóns que consumíamos ao longo de todo o ano. Esta acumulación de cunchas chegaban a ser considerables e todo o mundo sabía que, cando precisaba delas, alí había en cantidade e calidade. Os cunchareiros existen en Galicia dende o neolítico. E a nosa praia do Cunchareiro seguramente debíalle o seu nome os depósitos de cunchas procedentes das fábricas de conservas.

Estaba situada ao carón do vello espigón de Cerdeiras, ao pe do que hoxe é a fábrica da fariña e o paseo marítimo da Area da Vila. Nese mesmo lugar había dous serradeiros, o   dos Mosquera, hoxe abandonado e do que aínda se conservan algúns restos, e o dos Cerdeiras xa inexistente.

O Cunchareiro era pequena, en forma de media lúa e, cando enchía a marea, practicamente desaparecía debaixo das augas do mar pero tiña unha cualidade que non tiña a Area da Vila: sempre había fondo abondo para nadar e tiña unhas cantas pedriñas que nos permitían tirarnos de fuciños. E había algo mais: estaba o espigón de Cerdeiras! Cando xa sabíamos nadar a nosa reválida era tirarse da punta do espigón para demostrar que xa estabamos noutro nivel e que o mar para nos non tiña segredos.

Tamén era máxica para todos nos porque, cando nos aburríamos de nadar, cachear polas pozas camaróns e cangrexos, ou poñernos morados (literalmente) coas amoras que había nas silveiras, entrabamos as agochadas na vello serradeiro dos Mosquera e explorábamos as instalacións fantasmais do que nun tempo albergou toneladas  de toradas de pino, traídos en gabarras poloRío Grande abaixo, e a ducias de homes traballando de sol a sol. Aquelas incursións tiñan un arrecendo a misterio onde se misturaban a emoción, o medo e a curiosidade infinita da infancia.

Xa nada queda do vello Cunchareiro e o espigón que a abrigaba está tamén en plena agonía. Entre o paseo marítimo da Area da Vila e os entullos que alí se depositaron  xa pouco queda daquel minúsculo areal que foi a escola de natación de case tódolos buriáns da miña xeración e, tamén, o fondeadeiro dos poucos “da aldea” que tiñan unha gameliña e andaban o mar. A min tocoume mais dunha vez ir a achicar á “Voladora” do meu pai, despois dalgún trebón de verán que a poñía de auga de chuvia ate os toletes.  Así que, cando esteades dando un paseiño polo lugar, se pechades os ollos, aínda escoitaredes as risas e os berros de nenos e nenas que, durante xeracións, foron felices coma peixes chapoteando nas augas mornas do Cunchareiro.

Engadir un comentario