1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Un dos minerais máis demandados na década dos corenta foi o wolframio pola súa utilización na fabricación de munición e máquinas de guerra. As historias e lendas sobre o “mineral” eran un dos rituais con que nos entretiña meu avó Andrés nas noites de verán cando os netos acudíamos a compartir a comida da celebración de Santa Mariña.

Aínda que o Réxime de Franco proclamaba unha neutralidade formal, todo o mundo sabía que España vendíalle wolframio a Alemania e Galicia era un lugar estratéxico por dúas razóns: a primeira era a existencia de filóns abondosos deste mineral no seu territorio;  a segunda a súa configuración xeográfica que permite o atraque de embarcacións en multitude de fondeadeiros en rías, estuarios, e costa.

O concello de Camariñas tivo varias zonas de onde se extraía wolframio pero os tres máis significativos estaban en Xaviña (no espazo de terreo que hai a beira da Basa e tamén beira do Rio Grande), en Buría (As Seixas), e Santa Mariña e Brañas Verdes nunha franxa de terreo próxima a onde hoxe está o Cemiterio. Estes enclaves mineiros eran outorgadas polo Goberno, en réxeme de concesión, a compañías mineiras e o produto extraido era considerado estratéxico. O problema presentábase cando eses terreos eran de propiedade privada xa que os propietarios consideraban que todo o que  había neles era seu e que, polo tanto, solo eles tiñan dereito a súa explotación. Hai que ter en conta que medio quilo de wolframio, no mercado negro, proporcionaba máis ingresos que un boi ben cebado na feira da Ponte do Porto.

En Buría aínda hoxe se poden ver as vellas trincheiras de onde se extraía o mineral. Calquera que,  con moita precaución  -porque non están sinalizadas e existe risco de caerse dentro sen non se coñece ben o terreo-  suba o cumio do monte das Seixas verá toda unha serie de grandes canles abertos no monte e hoxe invadidos pola maleza. Este mineral era trasladado a un peirao rudimentario que se construíu na Basa -un chisco arriba da Casa de Piñolo- e alí embarcadas. Xusto en fronte, no lado de Xaviña, os filóns estendíanse incluso baixo o mar e a explotación facíase con pozos e túneles que aínda hoxe se conservan ao lado da pista que leva ó Ariño e que está perfectamente sinalizado. E un lugar moi perigoso polo risco de caerse dentro dalgunha boca de mina, hoxe agochadas pola maleza. En Brañas Verdes  practicamente non se observan pegadas das labores mineiras porque o mineral era explotado case a flor de terra en leiras privadas que, logo da “febre do wolframio”, volveron a súa función de producir froitos.

Tanto nunhas coma noutras os buriáns, xaviñáns e santamariñáns, tentaban achegarse algún ingreso extra buscando mineral ás agochadas, pola noite, e fuxindo da Garda Civil que era a encargada de vixiar as concesións mineiras. Era como a febre do ouro de California -que tantas veces temos visto no cine-, pero en Camariñas e as agochadas.
Se lle preguntades aos nosos vellos de Buría, Xaviña ou Santa Mariña-Brañas Verdes, contaranvos todo un rosario de historias e anécdotas que hoxe, co paso do tempo, incluso nos parecerán simpáticas e aventureiras pero que, naquel intre, supuxeron persecucións, abusos, malos tratos, violacións e toda sorte de opresións.

Coa caída do valor do wolframio acabouse a breve historia da minería no noso concello pero non se acabou a historia dos mineiros camariñáns. Moitos dos que traballaron nestas concesións situadas no noso concello foron contratados para “ir as minas” nos montes de Verín (Ourense) xusto na raia de Portugal, meu pai entre eles. Tamén alí xeraron un rico anecdotario.

Agora que é verán e que o bo tempo acompaña, sempre paga a pena visitar as pegadas que a historia mineira deixou no noso territorio e coñecer un pouquiño mais a nosa historia.

Engadir un comentario