1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Ao longo de moitos anos foi tradición que as xentes da beiramar percorresen as costas na procura dos obxectos que este arroxaba e que puideran ser de utilidade: madeira, cabos, restos de naufraxios de todo tipo, etc... Isto nada ten que ver coa lenda que algún malnacido ten posto en circulación sobre a triste tradición dos raqueros, persoeiros que provocaban os naufraxios facendo sinais dende a costa e asasinando aos desgraciados navegantes. Na Costa da Morte nunca se teñen producido ese tipo de actividades e son innumerables as testemuñas no sentido contrario: a gratitude dos náufragos polo trato e as atencións que sempre recibiron das poboacións costeiras da nosa comarca.

A actividade de percorrer a costa, sobre todo despois dun forte temporal, era tradicional en Santa Mariña dende tempos inmemoriais e a historia que aquí se conta sucedeu nos primeiros anos do século XX. En síntese os feitos foron os seguintes:

Uns veciños de Santa Mariña saíron na procura do que o mar deixara na costa despois dunha forte treboada. A sorte estivo da súa parte e atoparon uns bidóns que contiñan un produto combustible que tanto servía para alimentar os candís como para pintar e conservar a madeira. Neste punto as versións son diversas porque ningún dos meus conta contos me puido dicir que era exactamente o que contiñan os bidóns e só se referían a el chamándolle nafta, o que pode significar que tanto podía ser petróleo como calquera outro combustible derivado do mesmo.

Os veciños que atoparon esta regalía trasladaron o botín ate o pobo que, como seguramente sabedes, está bastante lonxe da costa e que, polo tanto, supuxo un esforzo considerable. O produto depositouse na vivenda dun dos participantes e procedeuse ao seu reparto, como era a costume, en partes iguais entre todos eles. Para entender a traxedia que logo aconteceu hai que lembrar como era a vivenda labrega tradicional en Galicia: unha construción rectangular de dúas plantas onde no baixo estaba a corte dos animais e a cociña, e sobre estas un sobrado de madeira cun par de alcobas e unha sala mais ampla. Todo material moi inflamable.

A nafta repartiuse distribuíndose en baldes e recipientes que se foron amoreando ao longo de toda a superficie da cociña. Non había luz eléctrica daquela e, coa caída da noite, alguén utilizou unhas pallas de trigo prendidas no lume da lareira para comprobar canto produto quedaba no fondo dun dos bidóns. A desgracia quixo que unha parte das pallas caeran sobre o líquido e lume prendera sobre todos e cada un dos baldes repletos do líquido atopado na ribeira. A casa converteuse nun inferno de lume onde pereceron persoas e animais nunha escena apocalíptica. Os vellos contan que so se salvaron dúas persoas, con gravísimas queimaduras, e tres nenos que, por azares da fortuna estaban a durmir na casa duns parentes.

Esta traxedia, de acontecer hoxe en día, sería tan terrible como foi aquela pero os mecanismos de protección social públicos entrarían en funcionamento con maior ou menor fortuna, sen embargo na Santa Mariña de principios do século XX, coma na maior parte de Galicia, non había rúas enlousadas se non lameiros intransitables; non había luz eléctrica nin teléfono; non había servicios públicos de asistencia; por non haber non había sequera comunicación coa capital do municipio mais que a través dun camiño que obrigaba a unha longa camiñada de horas. Por suposto que non había asistencia médica tal e como a coñecemos hoxe e os feridos tiveron que ser trasladados malamente a Ponte do Porto por camiños intransitables que ocasionaban un grande sufrimento a feridos e porteadores. E logo viña outra longa viaxe ate o hospital “de pobres” en Santiago de Compostela. Non era fácil a vida para os galegos naqueles tempos.

Os rapaces sobreviventes foron acollidos por familias de distintos lugares da parroquia pasando a ser criados de familias que solo podían dar, a cambio da súa solidariedade, traballo, pan e pousada. Vestíronnos coas roupas usadas dos fillos e fillas das familias acolledoras; roupas que xa os fillos recibiran usadas dun irmán ou dun familiar maior, así que usaban o que xa antes fora usado. Compartiron as fames frecuentes e as escasas abundancias coas súas novas familias e, coma eles, traballaban de sol a sol para sacarlle un anaco de pan á terra ou un año que levar a feira da Ponte dos rabaños de cabras que pastoreaban. A nena ensinárona a palillar para que, en xornadas interminables, contribuíra cunhas pezas de encaixe a súa mantenza.

Pasados os anos o irmán maior, xa mozo chamado a quintas, foi destinado a unha división de cabalería en Astorga onde descubriu que tamén os pobres falaban en castelán e que había uns animais moi raros que eran metade cabalo e metade burro. Tamén descubriu a ruindade vestida de cabo que, convencido de que “el gallego” era débil mental porque non entendía moi ben o seu andaluz de Alxeciras, obrigábao a axionllarse para recibir o correspondente castigo físico tan propio da época. O orfo de Santa Mariña medía mais dun metro oitenta e o cabo non chegaba ó metro sesenta e cinco.

Cumpridas as súas abrigas militares volveu a Santa Mariña onde xe fixo cargo dos seus irmáns e onde casou. Anos despois viu como o seu irmán pequeno era levado “voluntario” a unha guerra da que eles poucas noticias tiñan pero que, disque, era para “librar a España dos Rojos”. Ningún deles sabían o que tal cousa era pero as autoridades levaron a Odón con eles e vestírono cunhas roupas que nunca tivera. Tiña 17 anos e nunca saíra de Santa Mariña. Cando, afortunadamente, regresou a súa casa contou historias de miseria e de medo infinito, de heroísmo e covardía, de compañeirismo, de fame e frío, de saudades de Santa Mariña e do cariño dos seus irmáns.

Nin Odón nin Xulia, a irmá, se casaron e foron os segundos pais dos fillos de Andrés, o maior. Ningún deles camiña xa por este mundo pero o seu recordo perdura na memoria dos seus fillos e netos. Andrés era o meu avó materno e Odón e Xulia os seus irmáns.

Comentarios   

Ana Rojo
0 # graciasAna Rojo 28/06/2014 12:59
Gracias por estos relatos de a Terra do meu pai' Jose Rojo Cibrán.
Responder | Denunciar ante o administrador