1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Imos ca segunda e derradeira parte do gran traballo de Daniel Rogero acerca do afundimento do Petroleiro Prestige, aquel no que distintos persoeiros da Costa da Morte son entrevistados por este gran camariñán da diáspora e aportan o seu particular punto de vista acerca do que foi ata o momento o último gran drama vivido nestes apartados recunchos atlánticos. Aquel no que centos de toneladas de fuel extraídas do seo da Nai Terra en xeadas paraxes siberianas, fletadas non lonxe do San Petersburgo dos zares por Mijaíl Fridman, un daqueles oligarcas rusos nacidos do súpeto doutro afundimento non menos estruendoso (o da URSS), acabaron por desparramarse nunha masa viscosa e nauseabunda ao longo de todo o litoral atlántico, irmanando portos tan dispares como os da Bretaña francesa ou os da Galicia española. Agora que once anos pasaron nun suspiro, recén dictada unha sentencia que deixou a petroleiras piratas e  compañías fletadoras destartaladas libres de todo mal, ca necesaria perspectiva que da o tempo, co rigor inherente á persoalidade de Daniel Rogero e ca minuciosidade propia de toda reportaxe de investigación, Camarinas.eu repasa en segunda e definitiva tandada o que non deixou de ser un grandioso drama que tivo á Costa da Morte como zona cero.

Once anos despois II
Reportaxe dende Camariñas sobre a catástrofe do Prestige
por Daniel Rogero
“Quererán pechar cunhas moedas, quizais, os teus ollos abertos sobre o mar”. Memoria da noite, Luar Na Lubre.


A opinión do escritor camariñan Rafael Lema


O sábado 23 de novembro, D. Rafael Lema Mouzo, experto na Historia dos naufraxios da Costa da Morte, atende amablemente ás preguntas que lle planteamos sobre o Prestige no bar-restaurante que dende fai décadas rexenta a sua familia na Ponte do Porto. A conversa se desenvolve nun ambiente distendido e agradablemente familiar.

D.Rafael Lema é Licenciado en Ciencias Ambientais e Filoloxía Hispánica, exerce como escritor e xornalista, e ten publicados numerosos libros, entre eles Mareas Negras sobre a catástrofe do Prestige. Ademáis, durante a traxedia era delegado da Federación Ecoloxista Galega encargado do voluntariado e na actualidade é Presidente do Colectivo Ecoloxista PX e delegado da Real Liga Naval española na Costa da Morte.

Para Rafael Lema, a principal responsable do desastre foi  a empresa armadora, que debía ter retirado o buque da navegación facía tempo, así como a empresa calificadora que o valorou como apto para a navegación cando presentaba graves problemas no casco.

Respecto da decisión de afastar o buque da costa, sinala D. Rafael, que nun primeiro momento, cando o barco atopábase preto do cabo Touriñan e ainda non había indicios de vertidos de ningún tipo, o barco podería terse levado a porto e iso é segundo indica D. Rafael o que propuxo o  entón Director Xeral da Mariña Mercante, “levalo a Coruña aos peiraos de Repsol para trasvasar a carga”. “A pesar dixo o práctico do peirao de Coruña opúxose a que o barco se levara a dito porto, polo que na miña opinión a única solución era levalo a mar aberto, xa que o dano tería sido moito maior se a marea negra concentrárase nunha ría”. Polo tanto para Rafael Lema a decisión de afastar o buque da costa, foi unha decisión acertada.

D. Rafael considerou dende o primeiro momento que a nivel biolóxico sería moito peor introducir el barco nunha ría xa que suporia un dano irreversible. “Unha vez comezadas as tarefas de limpeza pensei que nun par de invernos, e tendo en conta a forza dos temporais aquí,o mar se recuperaría, de feito a día de hoxe as costas están limpas e aos tres meses xa había normalidade case ao 90%”.

A catástrofe do Prestige supuxo así mesmo a paralización en 2002 da proposta de proxecto de nova Lei de Navegación Marítima. Por iso de acordo coa opinión de D. Rafael, “a día de hoxe, dado que as leis non cambiaron, a traxedia do Prestige só serviu para crear unha lista negra de barcos aos que non se debe permitir navegar por augas españolas, polo que estou convencido de que se hoxe  volvese a pasar, os culpables non pagarían”.
D. Rafael se amosa pesimista respecto da posibilidade futura de recuperar os máis de 4.000 millóns de euros que representou o custe da marea negra do Prestige, na sua opinión hai moi pouca posibilidade de cargar a factura aos donos do barco, o desembolso realizárono entre o Estado e a Xunta e lamentablemente todo apunta a que será soportado polos cidadáns. Na opinión de D. Rafael  “o xuizo xa estaba perdido dende que o Estado español perdiu a demanda contra a empresa calificadora en EE.UU, ainda que sinala,  que a pesar de iso os damnificados cobraron e moito”. O que non se pode facer, a xuizo de D. Rafael,  “é intentar sacar réditos políticos de desastres desta natureza”.

A opinión da diputada camariñana Marisol Soneira


O domingo 24 de novembro acude puntual á sua cita, no moi mariñeiro bar-restaurante Arnela da vila de Camariñas, Dña. Marisol Soneira Tajes, deputada rexional polo (PSdG-PSOE) no Parlamento Galego. Marisol Soneira é unha política camariñana moi respetada e aprezada no seu pobo, polo seu compromiso e o seu profundo coñecemento do mundo do mar e do mundo rural galego.

Dona Marisol sinala que nun primeiro momento non pensou que a catástrofe tivese a magnitude que acadou  posteriormente. “Púxenme en contacto co Conselleiro de Pesca do momento, despois baixei ata Muxía dende onde se vía o barco e alí atopeime con versions contraditorias”.

Sinala Marisol, que foi cando a chamou chorando unha tía sua de Santa Mariña (pequena aldea mariñeira do concello de Camariñas) cando apreciou a verdadeira magnitude da catástrofe, “a miña tía pensaba que era o fin do mundo para eles, o fin do que fora o seu único modo de vida ata entón; o mar”.

Para Marisol a sentenza é a ratificación de que no noso país e en Galicia pódense facer este tipo de cousas sen maiores problemas, “é unha sentenza lamentable, parece como se fose un temporal ou unha catástrofe natural  que hai que padecer estoicamente”. Sinala Marisol que “determinadas decisións xuidiciais resultan un perigo para a democracia e o que é  peor o goberno parece encantado, como se fose algo normal, o que produce maior sensación de abandono na cidadanía”.
Na opinión de Marisol Soneira, na democracia, a xustiza e a política deben estar ao servizo da  defensa dos lexítimos intereses dos cidadans. Por outra parte, se o estado do buque é claramente deficiente e se produce un accidente que provoca un grave vertido, as consecuencias deben recaer a xuizo de Marisol Soneira sobre os responsables da navegabilidade do barco, que non son outros que a empresa propietaria, a calificadora e o capitán e de xeito subsidiario nas aseguradoras. Considera así mesmo que hai que recurrir a sentenza, xa que “ás compañías o que lles fai máis dano é o tema económico e se teñen que responder con cantidades suficientes, pensaranllo moito e tomarán medidas de seguridade”.

Sinala dona Marisol, que os custes para o Estado, en definitiva para os cidadáns, foron enormes. A marea negra trouxo consecuencias  de todo tipo, xa que tivo un efecto en cadea sobre toda a industria auxiliar da zona, por exemplo o serradoiro de Pasarela (Vimianzo) pechou debido a que se deixaron de fabricar palés para os barcos de pesca. Mal que nos pese “é evidente que aquí non se vai ver un duro e o peor é a sensación de timo tras o esforzo feito”.

A traxedia trouxo custes económicos e tamén políticos. José Cuíña,  naquel momento Conselleiro de Obras Públicas criticou as decisións de Madrid e foi cesado por iso. A consecuencia foi o desembarco de Feijoo como Conselleiro de Obras Públicas e Vicepresidente da Xunta,  Feijoo débelle moito ao Prestige.

Dende o punto de vista medioambiental o principal segundo Marisol Soneira é que ainda quedan espazos por recuperar, “ainda hai fuel enterrado nas praias, por exemplo na do Rostro (Fisterra), e os mecanismos de limpeza das enseadas deixaron zonas mortas a nivel biolóxico”.

O Estado gastou moito en equipos e dotacions, ademais levamos trece anos para reformar a Lei de Navegación Marítima, cuxo proxecto de Lei foi rexeitado nas Cortes en 2006 e novamente en 2008 por falta de apoio parlamentario dende a oposición, pero sobre todo “descuidaronse moito os protocolos de actuación e simulacros, ainda que non  sirven de nada cando un barco embarranca e sabe que lle vai a sair gratis”.

A opinión do profesor de zooloxia mariña Victoriano Urgorri


O mércores 27 de novembro ás 13:00 horas, tal e como pactáramos á víspera, o profesor D. Victoriano Urgorri Carrasco atende puntualmente o teléfono dende a Estación de Bioloxía Mariña da Graña no Ferrol, para responder amablemente a unha serie de preguntas sobre a catástrofe.

D. Victoriano é catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesor de Zooloxía Mariña, membro de diversas sociedades científicas e da Real Sociedade Española de Historia Natural. Trátase dunha das voces galegas máis recoñecidas internacionalmente no mundo das Ciencias do Mar.

Nos dous precedentes do Prestige, o  Urquiola e o Mar Egeo, o Estado foi condeado, en solitario no primeiro caso e repartindo ao 50% co armador no segundo, tanto a culpabilidade do acidente como a responsabilidade civil subsidiaria. En todo caso, como sinala o profesor Urgorri “a sentenza do Prestige foi un desastre, implícitamente di que aquí contaminar é gratis. Trátase dunha sentenza eminentemente política”. “A marea negra do Prestige foi a máis prolongada de cantas sufriu a nosa costa, durante 10 meses estivo chegando chapapote e  aqueles famosos <<fíos de plastilina>> convertéronse en 80 toneladas de fuel diarias. Ademáis, os efectos do vertido foron os máis estudados, e a pesar diso o Tribunal non tivo en conta nin o un nin o outro”.

Afirma o profesor que dende o punto de vista biolóxico as consecuencias do Prestige están  totalmente superadas. “A  natureza ten  capacidade para degradar o vertido y ainda que precisa tempo,  finalmente en Galicia esta batalla orgánica foi máis rápida. Así, aos 5 ou 6 anos, podíase considerar que o medio mariño galego estaba recuperado nun 90%”. “A pesar diso, a costa non está igual que antes do Prestige, xa que  dende entón disparouse a contaminación das rías”.

Destaca o profesor que “o Prestige espertou a conciencia de moita xente, e realizaronse algunas inversións, pero non se destinou nada á depuración das rías a pesar de que a maior parte da contaminación do mar ven de terra (80%)”.

Sinala tamén que“a zona biolóxica máis afectada  foi  a zona intermareal, xa que todas as especies que habitan nela quedaron impregnadas, ainda que os ecosistemas de fondos tamén se viron danados”.

É verdade que nos últimos anos algunhas especies, como o ourizo de mar, desapareceron prácticamente da costa galega, pero como sinala o profesor “débese  fundamentalmente á sobreexplotación e non ao Prestige, xa que o ourizo de mar expórtase moito a Francia e Xapón”.

Considera deste xeito D. Victoriano que o dano medioambiental e económico sufrido por Galicia non foi debidamente compensado. “Non se compensou á cidadanía nin económica nin políticamente. Non se levou a cabo ningunha inversión destinada á depuración das rías, e se crearon unha serie de portos exteriores como o da Coruña, moi mal pensados, xa que ningún práctico é capaz de meter neles un barco nas condicións do Prestige”.

Por último, respecto da controvertida decisión de afastar o buque da costa, a opinión do profesor Urgorri é categórica, sosten sen ambaxes que "afastar o buque foi a peor decisión posible, xa que contribuíu a extender os efectos da marea negra pola costa e  potenciou os seus danos”.

Engadir un comentario