Travesía pola historia da Costa da Morte da man de Xosé TroianoDespois duns días de paréntesis por mor das inaprazables e fructíferas obrigas laborais, aquí volve Camarinas.eu, a web que fai frente aos ataques da ultra dereita máis violenta e dos autodenominados directores de estercoleiros cibernéticos que a alentan e apoian. E facémolo cun artigo que relata unha traxedia marítima acaecida non moi lonxe de Camariñas e que contribuío decisivamente a nomear á nosa costa como aquela que levaba nas súas entrañas un poso mortífero e cruel. Foi o afundimento por colisión entre o Douro e o Irurac Bat, catástrofe rescatada de remotos arquivos bibliográficos por Xosé Troiano, o gran investigador da historia de Camariñas.

A primeiros de Abril de 1882, houbo un gran desastre marítimo, un máis dos moitos que aconteceron neses anos sinistros que deron nome a nosa Costa Brava trocándoa pola Costa da Morte. Os xornalistas ingleses que acuñaron a nova denominación da nosa costa, tiñas razóns suficientes pra trocala oito anos despois co famoso afundimento do buque acorazado “Serpent” nos baixos do Boi, en Camariñas. Este naufraxio que agora se relata e que foi sacado do xornal da época chamado “EL GLOBO”, Diario Ilustrado, Político Científico e Literario, cóntanos como foi este naufraxio  situado entre a punta da Buitra e a Punta da Barca fai agora cento  trinta anos.


A CATASTROFE DO “DOURO” E O “IRURAC-BAT” NO FISTERRA


Os xornais da Coruña recibidos onte traen detalles do horrible sinistro marítimo acontecido o domingo anterior naquelas augas, detalles que concordan cos comunicados polo seu corresponsal á nosa apreciabel colega La Epoca:

“Serían as dez e media da mañán –din- cando circulou coa rapidez dun lóstrego o rumor de que a moi pouca distancia do porto de Fisterra acontecera unha inmensa catástrofe. Dous grandes buques chocaran a unhas 30 millas do Cabo Fisterra, casi enfronte de Camariñas, afundíndose os dous en menos tempo do que necesitamos pra escribilo.

Un deles era o Douro, pertencente á Mala Real Inglesa, que saíra de Lisboa con rumbo a Liverpool, e o outro o Irurac-bat, soberbio buque español dos señores Olano, Larrinaga e Compañía, que saleu deste porto ás sete da tarde do sabado con dirección á Habana e Porto Rico.

Ás dez marcouse a bordo do Irurac-bat as Illas Sisargas, e ás once víuse a luz verde, que é a que levan os vapores a estribor, é sabido entre a xente do mar, que o barco que ensina a súa luz vermella non debe manobrar ata que se verifique o cruce dos barcos, e sí aquel que non a ensine.

Nesta confianza, o Irurac-bat continuou o seu rumbo, ata que vendo que o outro vapor non se movía no sentido debido, e continuando na dirección de pasalo por proa, comprendeu o oficial de garda que era inevitábel o choque, e sen perde-la serenidade, dictou as disposicións convenientes, dacordo co capitán.

O choque foi horroroso; a proa do Irurac-bat ben afundirse na popa do Douro; feito un recoñecemento naquel vapor, víuse que non había máis que cinco pés de auga; aínda había algunha esperanza de salvación; no choque fíxose anacos unha mámpara de ferro colocado a proa, por onde entrou auga que inundou a bodega.

Naqueles momentos de angustia víuse aparecer outro vapor, ó que se fixeron sinais por tódo-los medios posibeis, mandando un bote ó mando do primeiro oficial.

No intervalo empezouse a arranxar todo pra que o pasaxe, do que formaban parte tres mulleres, dúas delas con nenos, ocupasen os botes;  pero estando estos aínda colgados dos pescantes, había a exposición de que pola rotura dun dos cabos foran os pasaxeiros á auga; deuse, pois, a orde de lanzar á auga os botes sen esperar a volta do primeiro oficial; a axitación do mar dificultou moito esta operación.

Unha gran parte da tripulación meteuse no salvavidas, mais antes de que poideran zafarse afundíu o Irurac-bat, arrastrando ó fondo do mar a unhas 17 persoas do pasaxe, entre as cais contábase unha muller de sesenta anos e a 16 mariñeiros; os oficiais lograron salvarse agarrándose ós madeiros que flotaban do naufraxio.

O capitán do Irurac-bat chámase don Domingo Santos Ugarte e o oficial de garda don Manuel Ibarra.

O cargamento deste barco iba completo, e o seu valor calcúlase nuns douscentos cincoentamil pesos.

O Irurac-bat foi construído no ano 1872 pra a carreira de Filipinas, e custaba uns douscentos mil pesos.

Segundo conta un dos pasaxeiros do Douro, a tripulación negouse a obedecer as ordes do capitán, visto o cal, pechouse na cámara acompañado dos oficiais, sepultándose co barco no fondo do mar.

O Douro, ademais dun rico cargamento de café, traía moito metálico; sábese que en Lisboa tomou 25.000 libras esterlinas, e unhas 75.000 no Brasil.

Teño novas de actos heroicos de valor feitos no medio da catástrofe. Unha nai non quixo abandonar ós seus fillos e logrou salvalos nos seus brazos; un home xeneroso pereceu despois de salvar a varios compañeiros de infortunio; un avó viu como lle arrebatou dos seus brazos polo furor das ondas, os tenros neteciños que xa cría en camiño da salvación; tóda-las virtudes e tódo-los horrores que poidan concebir o pensamento, verificáronse naqueles instantes supremos e terribeis.

O vapor que prestou ós náufragos providencial axuda, foi o Hidalgo, pertencente á mariña mercante inglesa.

As persoas que se salvaron da catástrofe, perderon tódo-los seus recursos dos que dispoñían.

Unha distinguida señora que traía consigo todo o seu capital, que importaba tres millóns de reais, atópase hoxe arruinada, viuva, e aínda contenta do que o ceo lle concedera o favor de poder salvar a dous tenros fillos. A cidade da Coruña dou onte un espectáculo admirábel coa expansión dos seus humanitarios e xenerosos sentimentos, organizando unha suscripción pra socorrer ós desgraciados náufragos”.


Comentarios   

Beldoña
+3 # RE: Naufraxios do Douro e do Irurac BatBeldoña 17/04/2012 18:39
Noraboa, Troiano. Un fermoso e interesante relato ó que nos achegas.

Antonio Puertas
Responder | Denunciar ante o administrador