Florentino Rogero analiza a obra dun dos grandes da literatura galegaNado en Mondoñedo en 1911 Álvaro Cunqueiro é sen lugar a dúbidas un dos  grandes da literatura galega e española. Artista polifacético, diversos foron os campos nos que ao longo da súa prolífica vida demostrou o seu inmenso talento: novelista, dramaturgo, poeta, gastrónomo, xornalista (non en van foi director do Faro de Vigo de 1965 a 1970), etc... Dentro da súa creación en prosa se hai unha obra que destaca por dereito propio esa á "Merlín e Familia", aquela que narra as prácidas aventuras do inmortal mago da corte do Rei Arturo nos seus anos crepusculares, a cal é obxecto da análise admirada e agradecida do noso querido usuario Florentino Rogero.

É sabido por todos que Galicia é unha terra máxica, unha terra meiga que se esconde tras as néboas e aparece ou desaparece coa marusía. O que poucos saben, eu dende logo descoñecíao, é que Merlín, o máis famoso mago da historia veu vivir nesta terra para retirarse das aventuras da Corte do Rei Arturo. Eu non o sabia, contoumo Felipe de Amancia, antigo paxe do señor Merlín.
É así que Merlín, fillo de solteira e de nación estranxeira, nativo da antiga cidade de Braga, veu herdado para Miranda e ficou a vivir na selva de Esmelle, cuxa beleza quizais mellor que dicila fora pintala.
Sitúase a selva de Esmelle nos arredores de Miranda, en Lugo, pois cae á man dereita, vindo para este reino pola banda de León. A casa do señor Merlín, estaba no souto de Miranda, e era grande e ben tallada, cun balcón sobre o camiño de Meira e solan á cara do sol. Dende Miranda vese un anaco do camiño francés, un outeiro corado de castiñeiros, unha veiga de centeo florido e mazás nacentes, deica a ribeira: salgueiros, amieiros, chopos, con ponlas nas que cando deixa de cantar o merlo comeza a trobar a rula.

Pois ben, a pesar de ser fillo de nai solteira e portugués, cousas ambas as dúas non sempre ben vistas nestas terras, o señor Merlín, fíxose respectar por abades e bispos, por reis, príncipes e nobres, por demos e curas, por ser sabedor dos sete saberes e mestre nas máis misteriosas maxias.
Cando á idade de nove anos, coa pucha na man, chegou Felipe á porta do señor Merlín, para facerse cargo do posto de mozo de pasamán, por once pesos ao ano e mantido, recibiu o mellor galano que nunca lle fora feito a un rapaz.
Chegada a súa vellez cóntanos Felipe, con certa ironía, aqueles días pasados na flor da mocidade, na antiga e longa selva de Esmelle.
Cóntanos os seus amores con Manoeliña de Calros, moza de pelo roxo e boca pequena de beizos quentes coma leite recen muxido, que axudaba na cociña e no trato da casa.
Lembra Felipe a don Felices, amigo de moitos anos de don Merlín e cabaleiro moi cortés, que fora cantor na Igrexa de Santiago, afeito ao augardente de Portomarín e moi sabido nas artes de adiviñar tanto polas cartas como pola fariña. Botoulle, o dito don Felices, as cartas unha noite, e todo adiviñoulle, ata que andaba coas faldras de Manoeliña de Calros, e que si seguía apedrando nela, para Candeloria de tres anos tería bautizo. Dixo que como pintaba a corda de bastos, era seguro que seria neno, e así foi.
Vivía na casa dona Xenebra, viúva dun gran rei e señora moi sentada. Non é moito aventurar que a convivencia de don Merlín e dona Xenebra daría pé a faladurías, das que Felipe como fiel servidor do seu señor non nos dá conta.
Vai recordando Felipe as máis fantásticas aventuras do mestre don Merlín, que recibe visitas de xentes moi principais vindas dos catro confíns coa tarefa de resolver os seus enredos, coa maxia do seu señor.
A primeira historia que nos conta Felipe de Amancia é a dos quitasoles i o quitatebras, que trouxeron dende París unha comitiva de homes dacabalo. Un branco, outro amarelo e outro colorado, cos seus puños de ébano, de prata e de ouro, para que o señor Merlín os arranxase baixo encargo do Bispo de París.
Nestes tempos de novas tecnoloxías, pode parecer cousa de pouco mérito arranxar uns paraugas, pero estes paraugas non eran uns paraugas calquera, eran ben milagreiros.
O quitasol branco, "de sal el sol", é tal que abríndoo o día de Nosa Señora de Agosto, aínda que chova, queda unha mañá soleada para procesión. O marelo, de "Mirabilia", é un quitasol moi segredo, e so se leva na Pentecostés, e cando está á súa sombra o Bispo, fala e entende tódalas linguas, e pode confesarse baixo del un mudo, que o Bispo ben o escoita. E o colorado, "Luceiro", sirve para viaxar na noite, e o que vai debaixo del, aberto na noite pecha, ve coma si fose de día.
Hoxe que temos o Meteosat e podemos fabricar a choiva, que temos o tradutor de Google e o inglés con mil palabras e que dispomos de luz eléctrica en case todos os camiños, pode parecernos pouca cousa arranxar uns paraugas, pero naqueles tempos aos que se refire Felipe de Amancia só os Bispos tiñan acceso as novas tecnoloxías e facía falta ser mago para reparalas con garantía, non me negaredes que algo avanzamos.
Eu pola miña banda continúo sen entender o da confesión dos mudos, aínda que nestas cousas das crenzas relixiosas todo é cuestión de fe para min segue sendo máis práctico a linguaxe de signos.
Terbellou o señor Merlín nos paraugas, coma si fora paragüeiro de Ourense, e nun amén dounos por amañados.
Relátanos Felipe de Amancia as historias que o algaribo Elimas contou ao señor Merlín, unha das cales foi a da bañeira de cristal na que se desfixo coma se fose de sal ou de azucre o primeiro fillo de dona Eleonora, nipota do Grande Inquisidor de Nápoles, historia que vén demostrar que nin as grandezas cristiás líbranse do maliño.
Ao tempo pariu novamente a nipota e prepararon a bañeira de cristal, estando presentes nesta ocasión o Grande Inquisidor, o protomedicato das Dúas Sicilias e o exorcista de Palermo, que é quen  lles quita o demo do corpo aos Borbós de Nápoles, cando fai falla, que é case sempre por anos bisestos.
Xa ían bañar o cativo, cando se lle pasou á nai polo maxín que tiña o seu señor tío que benzoar a bañeira, e inda o Grande Inquisidor non dixera “In nomine Patris”, xa se quebrara a bañeira en mil anacos, e saíra dela un grande cheiro a solfo, e o exorcista de Palermo co puño curvo do seu paraugas tivo tempo de coller polo pescozo ao demo que fuxía, pro este  puido esgüirse e perderse pola chimenea. Soupose que a bañeira fora mercada nunha abadía moi notada de monxas, que chaman Fossano, e que era a bañeira que tiñan as abadesas para bañarse por Pascua e por San Martiño, e as monxas por San Pedro, e que non era tal bañeira, senón un demo que se trocara nela por ver, ao seu tempo, ás señoras monxas en coiros.
Cóntanos Felipe a historia do Galo de Portugal,  que atopou xusto castigo aos seus pecados.
O Galo era un xentil cabaleiro portugués, de fina nobreza e moitos posibles, don Esmeraldino de Cámara  Mello de Lima, vizconde de Ribeirinha,  sempre presto para contrarrestar no sexto mandamento, fanático do libre fornicio, que para non perder a conta das súas fazañas mandou cravar na porta do seu pazo un ferro brizado, e colgou del unha pequena táboa de caoba na que ia marcando os trunfos de Venus.
Máis lle valera ao Galo de Portugal,  aplicarse o remedio que o doutor Gallows receitoulle ao xeque Rufás, baños fríos nas partes pudendas, a poder ser con té de Parkins, que é co que se sosegan as vellas solteiras na Inglaterra para poder asistir con algo de sentimento aos oficios da Protesta.
Estas e outras divertidas e fantásticas historias cheas de maxia e de intelixente retranca fan do libro Merlín e Familia unha autentica xoia.

Merlín e Familia i outras historias. Álvaro Cunqueiro.
ISBN:978-84-8288-637-4    
Editorial Galaxia, S.A. 2003.

 


Comentarios   

E logo ti de quen es
+2 # Un pracerE logo ti de quen es 31/03/2012 23:34
A verdade é que resulta un gran pracer ir descubrindo pouco a pouco a literatura galega, e un pracer non menor, compartilo cos amigos de Camariñas.eu, grazas Beldoña, Zhukov, Diego,...Un agarimoso saúdo. Tino Rogero Figueiras
Responder | Denunciar ante o administrador