5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)
Dentro da laboura, imprescindible, vital de necesidade, de recuperación da memoria histórica do noso concello é chegada a hora de render dende estas páxinas a debida homenaxe á labor que duns anos a esta parte está a desenrolar dentro do ámbito historiográfico camariñán o noso querido amigo e colaborador Xosé Troiano. Unha laboura minuciosa de rastrexamento intensivo das fontes históricas dunha terra que nunca foi moi dada a deixar pegada sobre o papel do seu periplo vital ao longo dos séculos. Nesta ocasión, recuperando unha pequena xoia bibliográfica, Xosé do Italiano remóntase ata as épocas da Restauración Española, en pleno ano 1910, para deixar constancia dun artigo publicado na revista "Vida Marítima" que glosaba unha viaxe ao máis fermoso, o máis inexpugnable, dos faros e ao coqueto pobo branco que durmía a súa sombra...

O FARO DE CABO VILAN


Boa idea foi a dos señores Fariña e Aróztegui, pedindo que se instale polo Estado unha estación de telegrafía sen fíos, no faro de Cabo Vilán. En Camariñas e en Muxía, ninguén fala doutra cousa dende que o prodixioso invento disputouse como unha conquista real.

Estiven no faro fai uns poucos días, e evoco agora a impresión imborrábel que me produxo. Vislumbrárao de noite, cruzando cara Muros ou cara Vigo, a bordo de buques de travesía. Dende moitas millas antes de pasar fronte o peñasco colosal no que se alza o faro, víamonos envoltos no inmenso feixe de luz do Vilán. Eran, primeiro, ráfagas lívidas como exhalacións en noite de borrasca. Despois, a medida que o barco entraba plenamente dentro do radio do foco luminoso, as sombras disipábanse, e unha gran claridade espléndida na nave, relaba nas augas e fosforecía, fantástica, na cresta das ondas.

Sentía viva curiosidade por ver de perto ó xigante. Amo o turismo e fomento o meu modo.

Lonxe da Coruña, correndo nun auto cara Camariñas, pareceu como si avanzásemos cara unha rexión nova e misteriosa. Non coñecemos a nosa terra. É unha dór. As xentes saían a vernos alzando as mans en ademán supremo, mestura de estupor e de plegaria.

O eco da bocina enchía o val e ía morrer lonxe, entre a mole dos acantilados que pechan o horizonte, fortes e picudos, como dentes enormes tallados na rocha.
Aquí e alá, a masa escura dos castelos roqueiros, fala doutras idades e dos vellos feudos.  A santa paz campesiña éncheo todo. En contraste coa nosa marcha tola, subían lentos os carros polos camiños, dando ó vento a canturría chillona dos seus eixos.

Camariñas é unha poboación linda, alegre e fresca. As casiñas brancas avanzan cara o praiazo, sen teme-los testarazos do mar. Aquí e alá, sentadas nas penas, reclinadas nos bancos das portas, fan encaixe as mozas, esas gloriosas camariñanas, ialma de poeta, tan “meigas”, tan bonitas, tan hábiles.

Artigo publicado en 1910 pola revista Vida MarítimaUn grupo incomparábel de amigos, cólmanos de agasallos; a hospitalidade ten en Camariñas o fervoroso culto dos tempos remotos. ¡Ó faro! Unha amábel emoción domina ós forasteiros. Cruzámo-la praia. Os pés deixan apenas pegadas na area fina, matizada de algas. O noso auto queda aló, como trasto inútil.

A caravana é pintoresca. Os catro ou cinco coches que nos conducen, trepan pola agria costa tambaleándose, cruxindo, entre nubes de pó. Os maiorais puxeron pé en terra, e restalan a fusta xadeantes.
-¡Riá, “pintureira”...!
-¡Arriba, “Pastora”...!
O panorama é dunha grandeza soberana. A Costa Brava ofrécese como durmida. As ondas festonan apenas de escuma, os baixos temibles da Punta do Boi. Á esquerda, Muxía, rebrila ó sol fronte o mar, baixo a protección milagreira e doce da Virxe da Barca. Vexo a ermida e a pedra que “abala”.

“Nosa Señora d`a Barca
Ten o tellado de pedra...”


A Virxe do Monte, no seu santuario amoroso, flanquea a marxe dereita da ría. A enseada da “Aruela”, enche coa súa enorme mancha azul intenso toda a parte oposta da meseta árida por onde imos. O chan é areoso. Por todas partes os riscos amontóanse en declive, escalonados.

E alá, lonxe, no fío do cantil que se trunca polo Norte bruscamente, como tallados por cíclopes, álzase o faro. Penso que estou na “Costa da Morte”, mais non cito o nome fatídico. Alguén evócao, con gravedade, na voz e no xesto:

-Alí perdeuse o Serpent... Xa lembran vostedes... Foi unha noite terríbel. A borraxeira “cortábase”. O cruceiro inglés foise ós baixos, sen que chegase a luz do faro... Morreron todos.


Estamos ó pé da casa das máquinas. A torre octogonal álzase moito máis arriba, sobre unha cresta enorme. Dende un pretil, ollamos a “Furna d`o inferno”, unha sima vertical, espantábel, terrorífica.

-Máis aló, perto de Cabo Veo, destrozáronse o Tinakria, o Preston, o...
-¿Moitas víctimas?
-Moitas. Aquí fíxose canto se puido polos vivos e polos mortos.


D. Vicente, o venerable ex-alcalde, rexo e erguido aínda como un carballo, amósame o seu reloxio, un curioso reloxio de ouro. Na tapa inferior hai gravada unha dedicatoria en inglés:

“O Almirantazgo británico, en testimonio de gratitude profunda, á D. Vicente Pérez Martínez, polos abnegados servizos que como alcalde de Camariñas...”

Pavoroso. E, nembargantes, o mar en calma e o ceo transparente, falan á alma de sosego e de paz. A casa das máquinas, con dúas potentes dinamos magneto-electras e unha serie de aparellos supletorios, está anexa a un pabellón de dous corpos, grande como un cuartel. Alí viven os seis torreiros coas súas familias.
Ascendemos. Primeiro, un túnel, empinado, aberto na rocha. As pisadas resonan solemnes baixo a bóveda.

Antes de habe-lo túnel, tiñan que trepar a gatas os torreiros ata o pé do faro, azoutados polas rachas do furacán. Despois de subir 115 escalóns, sen pasamáns, sen un respiro, estamos aínda ó pé do faro. Do profundo, sube o murmullo sinistro do mar, que rompe na base do cantil.

O faro é valente, altivo. No alto, refulxe a monteira de cristais como unha ascua de luz. Cen, douscentos escalóns máis.  Non sei. Perdín a conta e os ánimos. Toda a miña vontade concéntrase nos ollos, pra abarca-lo espectáculo espléndido.

O mar ceibe, cun horizonte ilimitado, esta diante miña. Cruzan perto e lonxe os buques de tóda-las bandeiras, que van, que veñen, coroados polos penachos de fume.

Rachas violentísimas parecen estremece-lo faro vixiante. Retumba o chan. No peñascal do “Vilán d`a fora”, blanqueado de guano, graznan lexións de gaivotas.
As ondas penetran nas tortuosas cavernas, revolvéndose con rabia e desfacéndose en escumeiras. Dá vértigo, dende o sólido barandal de ferro.
De noite, cando o prodixioso aparato eléctrico xira lanzando os seus raios á infinita distancia, as aves mariñas acuden á luz, e estrélanse e morren ó pé do fanal que centellea.

Quédese esto aquí. Pra cantar ó Vilán, faría falta a vea robusta de Pondal, aquel Pondal, bardo celta, de “A Campana d`Allons”. A telegrafía sen fíos en Cabo Vilán, cunha radio de 1.200 millas, comunicaranos con outras terras e será un gran ben. Non hai que parar ata conseguilo. Ademáis de corresponder á importancia do faro, que pola súa situación avanzada no Noroeste está na ruta de tantos buques, completará a obra de previsión, de humanidade e de progreso.

Alejandro Barreiro.

Engadir un comentario