- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Cultura Cultura
- Created: 12 Abril 2011 12 Abril 2011
Coa a idea de lembrar tempos xa moi lexanos, retomo esta ristra de nostálxicas crónicas referidas a participación na temporada fundacional da Liga da Costa (1.964), na que tomou parte o Porteño, sendo por tanto, o club decano do Concello de Camariñas en competicións oficiais. Deixábamos no derradeiro relato o Porteño e os seus seareiros degustando e relambendo as meles do primeiro e rotundo triunfo a costa do Laxe. Nos faladoiros das tabernas e sobre todo na porta do Casino -verdadeiro foro tertuliano onde se concentraba o cumio do sanedrín futbolístico porteño- os ánimos tiñan mudado dabondo e despois dos malos resultados do comezo de liga, agora, entre o pulo que producía o clarete, ou a chiquita de branco ribeiro (viño que naquela época tiña unha sospeitosa cor ambigua e turbia), facía que os mais eufóricos, xa falaban e prognosticaban que ”O domingo janamoslle ao Cee”. Mais as ledicias duran pouco na casa do pobre.
As ilusións que mais de un fixemos medrar no noso maxín perante a semana, leváronos a soñar con facer fronte o equipo que contaba os partidos por triunfos. E así foi; pasou a Sociedade Deportiva Cee pola Ponte, coma un vendaval do nordés. O descanso, xa tiñamos no lombo unha peneira con cinco roscas. Os Alfredo, Louro, Insua, e compañía paseáronse pola pedreira da Grixa (o campo era o mais ruín da Costa, cheo de regos, buratos pedras e terróns) facendo boa aquela frase de Helenio Herrera “gañamos sen baixar do autobús”. Lembro con certa nostalxia o que me dixo cando nos retiramos o descanso, aquela rapariga loira, de ollos azuis, “chorón, es un chorón”. E todo foi porque despois de facerme infundadas ilusións de que ese ía selo o noso día, o descanso xa nos tiñan mallado coma polbos. As bagoas mostraban a impotencia e a rabia. Foi esa a primeira vez, pero non a última. O longo da miña vida deportiva, como a de calquera outro, foron moitas as veces nas que tiven que saborear o amargo fel da derrota. Son eses momentos os que van forxando a personalidade e o carácter dun deportista; son os fracasos asumidos, e ben analizados o berce dos mellores éxitos futuros.
Pero case sen darnos conta, xa estábamos na seguinte xornada na que o Porteño tiña que visitar no campo do Balsiño ao C.D. Baio. Era un rival teoricamente equiparábel e por tanto, parecía unha ocasión axeitada para consolidar a recuperación que tanto dexesábamos. Por outro lado, no Baio xogaba un colega de estudos, Manolo Costa. Durante a semana en Vigo xa tiñamos rifado e discutido sobre o resultado que cada quen perseguía; os dous equipos empatados a dous puntos. O presidente do Baio, Sr. Pérez Maroño, era parente lonxano da miña, por tanto había certo aire de rivalidade. O campo do Balsiño que estaba a beira da carretera, indo de Vimianzo, antes de chegar a Baio, era pequeno pero xeitoso; un pouco costento, pero tiña unha excelente condición por min moi valorada para aquel tempo: era de herba. Un dos poucos campos da Costa, nos que xogar o fútbol era posible; controlar o esférico sen medo a que dera brincos incontrolados, poder baixalo coiro o chan, e sobre todo poder tirarte a herba para alongar a zancada defensiva o paso dun contrario, sen esfolalas los xeonllos, ou rematar en plancha sen deixar a pel no intento, era unha experiencia pouco frecuente. Para mellor condición aquel día estaba a tarde con brétemas e a herba húmida. O partido tivo dúas caras moi distintas. O descanso chegamos gañando 0-2; marcara Barroso e Nogueras, xogando con certa soltura e a favor do campo: se non fora pola maxistral actuación de Norberto, porteiro local, teríamos chegado o descanso co partido resolto. No segundo tempo, o Baio foi apertando na mesma medida que o Porteño afrouxaba, falto de aire e folgos. Marcou Manolo Costa, un penalti que o árbitro Sr. Mouzo, de Vimianzo, sinalou con moito gusto. Os trinta minutos que faltaban fixéronse eternos e tivemos que defender como poidemos. E foi neses intres de angustia cando dende a banda recibín a instrución táctica mais axeitada e oportuna que un adestrador da época podía emitir. Nas anotacións manuscritas que conservo nun libreto de folla cuadriculada, con canto de aramio en espiral, figura como titular deste partido contra o Baio a seguinte frase:
"JUANRAMONCIÑO, BALONS AS LEIRAS QUE ESTAMOS JANANDO"
O seu autor, un seareiro dos que sempre acompañaba ao equipo e que sentía as cores do Porteño moi fondamente. Un sufridor. Sambade, das Barrosas. A orde era todo un compendio de estratexia táctica. As leiras veciñas eran un recurso axeitado. Canto mais lonxe, mellor.
O Sr. Pérez Maroño, felicitoume ao remate... e doume recordos para a familia.
No libreto anteriormente mencionado xa solo ten sinalado uns pequenos apuntes do partido que fomos a xogar a Laxe o día 21 de xuño do 64. Pero non foi por iso polo que esa data pasou a historia. Ese domingo, a mesma hora que nun campo de area, nunha calorosa tarde de verán, xogaron o D. Laxe e o Porteño (2-1) celebrábase no Santiago Bernabeu a final da Eurocopa de seleccións nacionais: ESPAÑA-UNIÓN SOVIÉTICA (URSS) (2-1). O meirande acontecemento deportivo daquela etapa gris da historia de España. Partido retransmitido en directo pola TVE con pantalla en branco e negro con comentarios de Matias Prats, e que representou unha escusa politicamente moi aproveitada, para o réxime da época. Tardei moito en esquecer a mágoa que para min tivo o non poder ver aquel partido en directo. Así o reflicten nos comentarios que aínda hoxe figuran no libreto. Transcribo literalmente o que no seu día redactei así:
Por España xogaron: Iribar, Rivilla, Olivella, Zoco, Calleja; Fusté, Luis Suárez; Amancio, Pereda, Marcelino y Lapetra.
Pola URSS soamente cito a Yashin (Lev Ivanovovich Yashin), “la araña negra”, o mellor porteiro do mundo, ate este día, que no gol do triunfo de España, quedouse de pedra ante o espectacular e nada doado remate de cabeza que fixo o galego Marcelino (de Ares) e que deulle a España o meirande éxito da súa historia, ate ese intre. Excelente partido de Amancio Amaro Varela e Luís Suárez, tamén galegos da Coruña. Por certo, durante moito tempo atribuíuse a Amancio a autoria do centro que rematou Marcelino, cando en realidade o seu executor foi Chus Pereda; eran as mentiras do NO-DO aquel informativo da época no que sempre aparecía Franco inaugurando pantanos. Non fai moito tempo os medios televisivos restauraron a verdade da xogada como se pode apreciar no video que acompaña o presente texto.
Eran tempos nos que o fútbol monopolizaba as conversas, pois non estaban os tempos para falar doutras cousas. O fútbol era a mellor terapia de grupo para alimento espiritual das masas. O ditador Franco non daba arriado o mando e España (“todo estaba atado e ben atado”) comezaba daquela a sentir o illamento que as nacións europeas estaban a facer cada vez con mais presión. Daquela non se podía falar de todo; a política non era tema de conversa pública e dende as altas esferas eran tempos de relixión (católica, por descontado), touros e fútbol. Non había lugar a controversia: traballo moi pouco remunerado, industria incipiente e moi pouco competitiva, pobreza tanto no agro coma na costa, recursos escasos que desembocaban en emigración obrigada, que naqueles anos mudaba de destino, pasando de América (Arxentina, O Brasil ou Venezuela) pola que naquel tempo principiaba a encamiñarse cara Europa (Francia, Holanda, Suíza ou Alemaña).
Pero estoume dando conta que me estou ensarillando sen moito sentido, pois da historia do Porteño, teño brincado sen solución de continuidade a aspectos socio-políticos que marcaban seriamente aqueles tempos.
Aquela tempada da posta en marcha da Liga da Costa rematou, con mais pena que gloria para o noso querido equipo, pois ao remate, o Porteño foi o farol vermello da competición. Con moi poucas diferencias (soamente 2 puntos) entre os cinco últimos clasificados.
{xtypo_rounded_right2}
Unión Club Cee: 25+11
S.D.Fisterra: 21+7
U.D.San Isidro: 19+5
D.Baio: 10-4
C.D.Poniente: 10–4
Ponteceso: 10-4
D.Laxe: 9-5
C.D.Porteño: 8-6
{/xtypo_rounded_right2}
Sempre quedan motivos que alegar e que puideran ser escusa xustificada. Os dous meses últimos da liga foron xuño e xullo (a competición rematou o 12 de xullo) que coincidían con exames finais de curso e iso conlevou algunha que outra baixas nos derradeiros partidos. Supoño que aos outros equipos teríalle pasado algo semellante. Pero... cada quen deféndese como pode.
O asunto do farol vermello non só consistiu nun título honorífico, pois a realidade foi que en Baio tiñan argallado un farol de cartón que recuberto cun papel vermello e alumeado por unha pila, e que estiveron lucindo case que toda a temporada por selo equipo “pechacancelas”. Pero o Baio mellorou na fase final da Liga, o revés que o Porteño, e foi o conto que o farol acabou na Ponte como irónico símbolo. Se se quere ampliala a historia do farol vermello consúltese o libro do profesor Xosé María Lema Suárez, de Baio, (que rematou sendo xogador do Porteño nos anos setenta e tantos). Unha documentada Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa, editada polo Concello de Zas. Un excelente libro de consulta para os nostálxicos daquel tempo.
Ate mais ver, compañeiros.
Comentarios
Así é, JUAN RAMÓN, xa aquela raparíga loura de ollos azuis, sabía ben o que estaba a dicir. Cando revivimos tempos pasados, os nosos recordos superan a realidade, e esta, queda nun segundo plano. Xurde a nostalxia dos tempos xa idos, inda que esteamos relatando maxistral e fielmente, como neste caso, resultados contrastados de un equipo de fútbol da nosa alma. As bágoas sempre asoman pa certificar a nobreza que garda, como apreciado tesouro, con lembranzas do noso pasado… "JUANRAMONCIÑO, BALONS AS LEIRAS QUE ESTAMOS JANANDO"…balóns as leiras, Juan Ramón, que estamos a janar o partido da nosa vida.
Unha aperta, amigo
Antonio Puertas
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.