5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (19 Votes)

Xoán Ramón Carballo colaborador de Camarinas.eu

O paralelismo entre os primeiros días de dous clubs veciños e irmáns, se ben separadas ambas experiencias por un transcurrir de máis de 45 anos, serve a un auténtico todoterreno do deporte (xogador do primer Porteño, do Xallas, atleta no Celta de Vigo, balonmanista no Balaídos de Vigo, árbitro da División de Honra de Balonmán e na Olimpiada de Barcelona 92, actual Presidente do Club Líceo Marítimo de Bouzas) e usuario de camarinas.eu, Xoán Ramón Carballo Alvite, para escribir un novo artigo que continúa a evocar a difícil e tortuosa xénese dun club chamado a facer historia na Liga da Costa. Recordos dun home que dende o lonxano sur galego non deixa de ter presente nin un só momento o concello da súa alma e de forma desinteresada e altruista colabora por propia iniciativa na web de Camariñas a través dunha colaboración que constitúe todo un luxo e todo un honor para o gran medio de comunicación de masas da Costa da Morte. De forma semellante á evocación dos días gloriosos do FC Camariñas por Juanillo a través dos recordos do último gran dianteiro pánzer da Costa, o mítico Jamela, a colección de artigos de Xoán Ramón Carballo Alvite quedará para os anales do meirande arquivo gráfico e escrito da historia do Concello de Camariñas (aquel integrado polas cáseque 2.000 noticias publicadas nos 40 meses de existencia de camarinas.eu) como a lembranza da nostalxia dun tempo xa pasado, o dos primeiros días de existencia dun club chamado a facer historia na Liga da Costa: o F.C. Porteño.

¡¡Mi madriña canto tempo fai!!

{xtypo_rounded_left2}
EQUIPOS - Puntos

S.D. Fisterra - 6
U. Cee - 6  
S. Isidro de Quintáns - 4 
CD Poniente de Carballo - 2
S.D. Ponteceso - 2
D. Baio - 2
C.D. Laxe - 2
C.D. Porteño - 0
{/xtypo_rounded_left2}

As primeiras vitorias do Xaviña C.F. dánme a ocasión de reanudar os relatos dos primeiros pasos que dou o C.D. PORTEÑO na primeira edición da Liga da Costa nos que tamén foron moi desexados os triunfos iniciais.

Aproveito para facerlles chegar a tódolos compoñentes da familia futbolística xaviñana os meus parabéns por ter acadado e saboreado as meles dos primeiros triunfos. Sei por experiencia propia o ben que sabe paladeala vitoria largamente perseguida. A bo seguro que de agora en diante, vanlle tomar gusto a competición e terán ganas de repetir canto antes, sen riscos de aumentala glicosa, por tan doce sabor.

Por outra banda, neste rosario de melancolías e nostalxias do que se nutre o meu relato, falando de fútbol e de Xaviña non podo esquecer de citar a Manolo Castiñeiras, amigo na vida real e o xogador con quen mellor me teño entendido nos campos de fútbol; nos anos anteriores a fundación da Liga da Costa, e coincidindo coa estancia de seu irmán, D. Lourenzo, como cura coadxutor na Ponte do Porto, Manolo e mais eu formábamos unha parella futbolística moi compenetrada, na que sen dúbida, a mellor e mais cualificada aportación era a de Manolo.

No meu relato anterior, deixabámolo Porteño o rematar o partido en Fisterra na terceira xornada daquela liga inaugural, alá pola primavera do ano 64, (¡¡ mi madriña canto tempo fai !!), escribía nas paxinas de camariñas.eu unha asidua participante na web. Pero para o que escribe, parece mais ben que foi onte.

Naquel campo no que xogaba os partidos o Fisterra, e que noutro tempo tiña sido cemiterio, aínda que tiñamos xogado coma nunca, acabáramos perdendo coma sempre. Mais quedara patente que o xogo do equipo tiña experimentado unha notable melloría e fixo posible que os mais incondicionais aficionados empezaran a recuperalos ánimos. Tan bo foi o sabor de boca que aquela derrota tiña orixinado que a directiva, na viaxe de volta, convidounos os xogadores a unha frugal merenda no vello restaurante Pachín de Corcubión, xa desaparecido; claro que nada comparable as pantagruélicas celebracións gastronómicas tan ben reflexadas nestas mesmas páxinas de camarinas.eu e protagonizadas por esa forza da natureza encarnada en Jamela. Poderío físico do que tanto carecía o Porteño daquela época.

Manuel Alonso CorreaEra o noso un equipo composto por xogadores que non tiñan realizado nin unha sola sesión de adestramento conxunta. Manolito O Médico, unha excelente persoa, que asumiu as funcións de adestrador,  limitábase a dicir quen tiña que  xogar e bastante facía por que moitas veces o problema era completar once xogadores; lémbrome que os seus consellos eran mais ben intencionados que efectivos, pois durante o partido eran moi escasas as súas intervencións; a táctica (?) viña determinada en función dos números da camiseta: o 2 e o 3 eran laterais, o central vestía o 5, os medios o 4 e mailo 6, os extremos eran o 7 e mailo 11, os interiores o 8 e mailo 10 e dianteiro centro era o 9; por suposto o 1, era para Pepe Sánchez, que foi un dos mais lonxevos xogadores na historia da liga. A estratexia e o sistema de xogo era invariable, practicábase o formato WM : tres defensas, dous medios e cinco dianteiros. E cadaquén aviábase como podía.

Nembargantes, a realidade era a que era, e a clasificación despois desta terceira xornada resultaba doente; era a que mostra a tabla que antecede á información descrita no presente artigo. A pesar de que era moi pouca a información escrita que a prensa coruñesa lle adicaba a Liga da Costa naquel tempo, cada vez que se publicaban os resultados e clasificacións, a un doíalle moito ver o Porteño de pechacancelas. Aquelo de que o importante era participar, quedaba ben coma frase lapidaria do barón De Coubertin, pero non resultaba moi doado dixerir a triste realidade. Era unha dixestión pesada; vamos, que sufriamos coma cans.

Falando das ocasionais aparicións informativas que a prensa provincial prestaba a competición costeira nesta primeira liga, lembro que no diario La Voz de Galicia e no semanario Riazor, escribía Del Valle; mais asidua eran as informacións que desta competición reflexaba o xornal coruñés El Ideal Gallego que asinaba Emilio Amado. De tódolos xeitos, eran moi poucas, escasas e moitas veces equivocadas, as cifras de resultados e clasificacións. Nada comparable ao espacio que os citados xornais empregaban co fútbol modesto na bisbarra coruñesa; circunstancia ésta nada estraña pois non era nin minimamente comparable a historia e arraigo do fútbol modesto coruñés, ferrolán, das Mariñas ou Arteixo. Pero quero deixar aquí constancia dun feito no que fun testemuña e en certo modo colaborador activo. Eu tiña de compañeiro de clase na escola de enxeñeiros, a un colega fillo dun xornalista de Faro de Vigo que naquel tempo exercía de xefe da redacción deportiva; o xornal decano da prensa en España, que era e segue sendo o xornal vigués, decidiu naquela tempada 63-64, ante a desaparición da “Hoja del Lunes”, sacar a luz pública un xornal filial chamado  “Faro Deportivo”  Pois ben, o novo Faro Deportivo publicaba con moita mais asiduidade e extensión os avatares e aventuras dos clubs que por primeira vez interviñan na competición costeira; e a razón non foi outra que o meu colega de estudios, por encargo do seu pai estableceu unha pequena rede de informadores nas vilas da bisbarra da Costa que lle facían chegar a información precisa. Estes amateurs informadores eran, entre outros, algúns dos xogadores que tendo residencia habitual en Vigo, nos domingos de partido nos trasladábamos a xogar a Costa. Lémbrome de Manolito Costa, xogador do C.D. Baio, Periscal do Poniente de Carballo, un xogador do Cee posiblemente chamado Guillén (?) e eu mesmo, que facíamos chegar as noticias o meu colega de estudios. Naturalmente a publicación salia con oito días de retraso, dado que naquel tempo as comunicacións eran moi deferentes as de hoxe. Pero aparecían no xornal en letra impresa, que non era pouco.

O cura párroco da Ponte do Porto en aquel entonces bendecindo ao equipo do Porteño

Retomando o fío da histórica competición na seguinte xornada o Porteño recibiría no campo da Grixa ao C.D. Laxe. Lémbrome moi ben dese día por varias razóns; a mais importante e que sería o 3 de maio do 64, e nesa data sempre tócame cumprir anos. Eran 18 (¡mi madriña canto tempo fai!). A outra razón pola que ese foi día sinalado para min, radicou en que o Presidente, Manuel Alonso Correa, cumpriu a súa palabra e antes de comer entregoume unha caixa que dentro tiñan un par de botas do número 44, negras, cunha cinta central branca, e unha inscrición lateral que decia: Matollo; díxome que as tiña mercado nunha tenda da Coruña que se chamaba Cuenca i Botana. Aínda que xa algunha vez de rapaz, tiña estreado outro par, aquelas eran as primeiras; por dicilo dalgún xeito, eran as primeiras botas de fútbol “profesionais”. Era o importe da miña fichaxe...

Foi unha tarde soleada que levou a Grixa moita xente, animada polas novas expectativas que o xogo do equipo tiña mostrado na xornada anterior en Fisterra. Non saíron defraudados os afeccionados, o Porteño foi moi superior o seu rival e rematou gañando por 4-0. Para mais precisión, nos meus apuntes figura que os goles foron de Barroso, eu mesmo, Italia de penalti e do Currillo. Tiña sido unha xornada redonda para min: cumpleanos, botas novas e por riba, primeira vitoria do Porteño na historia da Liga da Costa.

Os parabéns dos directivos, adestrador e afeccionados repartíanse por tódolos lugares de tertulia da Ponte, aínda que era na porta do Casino onde se concentraba o “sanedrín” dos mais intelectuais; comentarios e eloxios para a nova imaxe que o equipo tiña ofrecido e xa había quen votando a voar a imaxinación se atrevía a dicir  "o domingo janámoslle o Cee".

Efectivamente, o seguinte partido era co U. Cee- Pero esa andaina, hoxe non toca. Ate mais ver.

 

Comentarios   

Beldoña
+1 # NOSTALXIAS DUN TEMPO XA PASADBeldoña 23/11/2010 19:48
Pois neses anos, precisamente, anteriores a fundación da Liga da Costa, onde vostede facía “ parella “ con Manolo Castiñeira, compenetrándose (futbolisticame nte falando) tan ben, aí, precisamente, andaba eu.
Tanto Manolo como o seu irmá, Lorenzo, coñécenme moito, pois, naqueles tempos, íamos estudar á Santiago, xunto con Xosé Luis,…Rodríguez , de Xaviña, e outros compañeiros mais. Estou completamente seguro que algún que outro partido nos enfrontou nos campos de Xaviña, da Ponte ou de Camariñas…, o que pasa é que a nosa estampa de rapaces cambiou tanto, que xa no nos recoñecemos. Cando coincidimos en Bouzas, falamos uns instantes de cousas intranscendente s, pero non nos recoñecíamos…¡ Así é a vida !
Excelente relato, amigo. É dos que a min tanta satisfacción me producen.
Reciba un agarimoso saúdo.
Antonio Puertas
Responder | Denunciar ante o administrador
Xoán Ramón Carballo
0 # RE: NOSTALXIAS DUN TEMPO XA PASADXoán Ramón Carballo 26/11/2010 13:06
Seguro que nos teremos cruzado nalgún campo (?) de futbol naqueles tempos xa lonxanos. Senon nos lembramos non é mala sinal... agora temos ocasión de confraternizar a través da palabra escrita proporcionada por esta maravilla virtual que é camariñas.eu. Teño lido días atrás un artigo seu sobre a Ponte do Porto; parabéns agarimosos pola estructura e dominio das verbas do que fai constancia. Cando un texto ten alma, transporta o lector moi facilmente o escenario das ideas. E vostede levoume a través do rio Grande ate Cererixo e a Ponte, donde tantas lembranzas atesouro. Saudos cordiais. Xoán Ramón
Responder | Denunciar ante o administrador
zhúkov
0 # RE: Nostalxia dun tempo xa pasado IIzhúkov 25/11/2010 07:44
Bueno, sin ningunha dúbida estamos ante unha colaboración de luxo para camarinas.eu, un artigo prácticamente perfecto que desmenuza cunha precisión e pormenorización milimétricas os primeiros días de andaina na competición federada do Porteño alá polo 1964. Era historia viva e alguén tiña que contalo. Por sorte foi Xoán Ramón Carballo Alvite e por sorte foi en camarinas.eu.
Responder | Denunciar ante o administrador