Xoan Ramón Carballo: novo colaborador de Camarinas.eu

A partir dos recordos evocados recentemente, de forma un pouco esaxerada eso si, polo que foi o primoxénito do seu primer presidente, camarinas.eu procede a reconstruir a epopeia dos primeiros días de vida do Porteño FC e faino a través dunha colaboración excepcional: a de Xoán Ramón Carballo Alvite, enxeñeiro técnico industrial, actual Presidente do Club Liceo Marítimo de Bouzas, ex-árbitro da División de Honra de Balonmán, participante por elo na Olimpiada de Barcelona 92, pero sobre todo aos efectos do presente artigo, integrante daquela histórica plantilla do Porteño FC que botou a andar na primeira Liga da Costa na tempada 1963/1964. Unha nova colaboración para a web líder da Costa da Morte, que constitúe un auténtico luxo e todo un honor para esta redacción  e que debuta cun documentado e ameno artigo que pasa revista aos días iniciáticos dun club pioneiro dentro do fútbol da Costa a través das lembranzas dun protagonista privilexiado dos mesmos. As lembranzas dun tempo xa pasado.

LEMBRANZAS DUN TEMPO XA PASADO

{xtypo_dropcap}A{/xtypo_dropcap} ocasión do recente debut do Xaviña FC en partido oficial na 3ª División da Liga da Costa fíxome lembrar con certa nostalxia aqueles, xa vellos, tempos nos que o Porteño C.F. participou na primeira edición da citada competición. Quero, antes de nada, sumarme moi gustoso, as felicitacións que ben merecidas ten, o equipo directivo que, encabezado por D. Isaac Caamaño, fixeron posible este nacemento oficial do terceiro equipo do concello camariñán. Faralles falta moitos folgos para levar adiante esta nova tarefa socio-deportiva. E sobre todo, axudas das institucións que deben recoñecer que o traballo dos emprendedores directivos, ademais de ser gratuíto, ven sendo un foco de actividade social moi necesaria para a nosa xuventude. Traballos solidarios a conta dos esforzos personais en detrimento da súa vida laboral e familiar.

FC Porteño no verán de 1963Días atrás citábanse en camariñas.eu un comentario sobre o penoso debut do Porteño na primeira edición da Liga da Costa e relatábanse os primeiros resultados acadados cifrados nuns marcadores de escándalo.  Sen ningún ánimo corrector, pero basado nos apuntes personais que daquela aventura teño anotados, atrévome a sinalar exactamente as circunstancias daquela histórica andaina. Gracias a un grupo de valentes emprendedores foi posible que o Porteño C.F. participase na primeira edición da Liga da Costa. Sen medios materiais e sobre todo, con total inexperiencia, tiveron que afrontar os primeiros pasos dunha competición para que non se tiñan preparado. So mentes nas etapas de verán se tiñan organizado, de cando en vez, partidos concertados cos equipos dos pobos limítrofes. Contadas experiencias que tiñan un carácter ocasional. Foi na tempada 1963/64 cando despois de varias reunións entre os distintos representantes dos pobos da Costa da Morte, celebradas en Baio, foise confirmando a idea de iniciar unha competición futbolística nunha comarca que tamén no aspecto deportivo estaba moi deixada da man de Dios e o que era pior, da man das institucións e organismos oficiais.

A absoluta carencia do deporte de competición era unha mostra mais do secular abandono en que estaba sumida a comarca da Costa. Instalacións deportivas inexistentes ou en precarias condicións, falta de organización e nulo espírito de colaboración nas institucións que non tiñan ningún investimento en actividades de carácter social ou deportivo. Por referirnos o fútbol, que era o único deporte que incipientemente e dun xeito anárquico e carente de competicións organizadas, se practicaba na bisbarra, abonda con referirse os campos de futbol nos que se disputaban algúns partidos. Eran unhas instalacións nas que faltaban as mínimas condicións de hixiene e habitabilidade; vestiarios inexistentes sustituidos polas silveiras e toxos circundantes como refuxio improvisado; a superficie dos terreos estaban en lamentables condicións en donde o balón, ademais de ser golpeado impunemente polos punteirolos dunha xuventude voluntariosa, tropezaba de cotío cos terróns que sen solución de continuidade mixturábanse con pedras, regatos e buratos de toda crase, facendo necesario unha habilidade especial para controlalo esférico. Sen dúbida, o campo da Grixa era un dos expoñentes mais axeitados desta descrición. Xogar alí, era un martirio,  supoñía que en calquer caída, esfolabas os xeonllos, cóbados e mans; acababas feito un nazareno. E para ducharse (?) ... o rio, que non está precisamente o lado. Era todo un penoso espectáculo ver os xogadores camiñando caro o Penedo coas roupas colgadas e os zapatos na man, para poder lavarse. De similares características eran os campos do San Isidro, Ponteceso e Fisterra. O de Baio era pequeno e costa arriba, pero tiña herba, que era unha superficie escasa naquel tempo. En Laxe, xogábase nun terreo situado a beira da praia e que estaba, naturalmente, composto por area blanda e fina, non precisamente alisada, na que se afundían as pisadas, e que presupoñían un adicional esforzo físico para disputar os partidos; era coma o futbol-praia de agora, pero con balón de fútbol normal.  O campo Raíces de Cee era un pouco mellor, superficie bastante regular e con herba, aínda que costento. O mellor daquela primeira Liga da Costa foi o do Bergantiños de Carballo en donde xogou o Poniente. Pero este equipo só estivo na primeira liga.

O Porteño na festa de San Pedro de 1964Unha das moitas consecuencias positivas que supuxo esta posta en marcha da competición costeira, foi que os concellos empezaron a inverter en campos de xogo. Fisterra, Baio e Ponteceso inauguraron campos novos deseguido. A Grixa, aínda hoxe debe selo pior campo da Costa. Afortunadamente teño entendido que vai mellorar. Alégrome que pasados tantos anos, se acordaran do campo no que se celebrou a primeira competición oficial de todo o Concello de Camariñas. Quero adiviñar que algo ou moito tivo que ver nesta decisión, o espíritu de Manuel Alonso Correa (*), o primeiro presidente do Porteño en competición oficial. A través da descrición dos terreos de xogo, xa quedan relatados os equipos participantes na primeira edición da Liga da Costa: Cee, Fisterra, San Isidro de Quintáns, Baio, Ponteceso, Poniente, Laxe e Porteño (Así foi tamén a clasificación final da Liga). Na correspondente edición da Copa, retirouse o Poniente de Carballo e sumáronse Buño e Negreira, que aportaban terreos de xogo de herba.  Foi no ano 1964, concretamente, o domingo 12 de abril, cando o Porteño xogou o primeiro partido oficial; sería contra o San Isidro de Quintans, equipo presidido polos irmáns Rivadulla, mecenas daquela aventura deportiva, que compuxeron un equipo con xente de Muxía, entre outros, Manolo Martín, Tito (*) e Juan como mais destacados valedores. Resultado 5-1. Por certo, o Porteño estrenou a súa participación na Liga da Costa con un uniforme cos colores de Galicia que vexo que co tempo non se respetaron. Era una preciosa e innovadora camiseta bicolor, branca e azul celeste, con duas bandas verticais alternativas, en peito e costas; pantalón branco e medias a franxas horizontais tamén celestes e brancas. Non sei cal foi razón pola que se esquenciu esta uniformidade tan galega. Na seguinte xornada xogou o Porteño no primitivo e pésimo campo de terra e pedras da Grixa, o primeiro partido na casa contra o Poniente de Carballo.

Tampouco acompañou o resultado que acabou sendo 2-3. A directiva do Porteño, presidida por Manuel Alonso Correa, (“Manolo do Churrero”, fotógrafo e insigne celtista nun ambiente hostil, en donde, naturalmente o deportivismo era abondosa maioría), reuniuse no Casino ese mesmo día e decidiron reforzala plantilla. Querían recuperar a xogadores habituais  do equipo que xogaban durante a temporada de verán en vacacións, pero que por obrigacións de cursar estudios fora, non estaban dispoñibles. Así foi como “Manolo do Churrero”, que xunto co adestrador, Manolito Rdguez., o médico (*), Miguel Miñones, Isaac Pérez (*), e outros animosos veciños dos que lamento non lembrarme, deseñaron e financiaron a Operación VIGO.

En Vigo estábamos Manolo Barroso e mais eu. O martes día 21 de abril do 64, na cafetería La Granja, da Gran Vía de Vigo, o Sr. Alonso Correa, conseguiu as firmas de Manolo Barroso, Luís Rodríguez, Carlos Nogueras e Xoán Ramón Carballo; era a miña primeira licencia polo Porteño C.F. Viaxaríamos tódolos domingos, pola mañanciña nun coche contratado na garaxe Peña de Vigo, con Antonio coma entrañable chofer, que nas viaxes de volta facía as análises críticos das nosas actuacións; das deportivas e das outras. A partires de ese día, son moitas as anécdotas personais e colectivas, así coma tamén moitos os quilómetros recorridos por unhas estradas que non eran as de hoxe. Os luns eran matadores… a primeira clase na Escola de Enxeñeiros era as oito da mañán; algunha  vez tiñamos chegado tan de madrugada que as primeiras horas lectivas eran matadoras. Lembro, coma si fora hoxe, a chegada a Ponte do Porto da primeira viaxe. Foi cara o mediodía; despois de rematar a misa que oficiaba D. Silvino; aínda estaba a xente no atrio e diante do Casino, cando o Seat - l430 de color negro e beixe, con ferraxes niquelados, atravesaba a ponte e chegaba a porta do Gamallo. Antonio, o experto chofer, vendo a expectación que había, cando tomou a curva diante do Casino, fixo rinchar os neumáticos sobre os adoquíns, facendo un xiro con derrape e deixando o coche clavado diante da farmacia de Enrique Pardiñas. Recibiunos o presidente, Manolo Alonso e o adestrador (?) Manolito, o médico. Despois dos primeiros saúdos,entramos no Casino que aínda tiña o piso de madeira e rinchaban as pasadas; cando atravesabamos o salón cara o fondo, estaba sentado nunha mesa da dereita, un señor, personaxe moi coñecido pola súa retranca, que coas pernas cruzadas, recostado contra un vello sillón, pasou as mans pola cabeza, sacou a boina que tiña posta, e rascando  a calva, dixo con  moita sorna: “estes si que son bos xogadores, nótaselles ate nas pisadas” .

Reira, o iate de Xoán Ramón CarballoEse domingo tocaba xogar en Fisterra, un dos cocos, líderes da Liga. A Operación Vigo fixo cambiar os ánimos dos aficionados. Encheuse un autobús para ir a velo partido. Ben certo é que o resultado non fixo xustiza ao xogo que sobre un estreito, pequeno e encostado campo (decían que si tiña sido un cemiterio antiguo) desenrolaron os dous equipos (apreciación moi subxectiva, por ser parte interesada, do que escribe). A cousa empezou do peor xeito; nos primeiros minutos non había no campo mais que xogadores fisterráns comandados por O Negro, un defensa central con unha pinta que amedrentaba só con velo e por un rubio chamado Marcote que era o dono do centro do campo. Os cinco minutos marcaron un gol deses que agora chaman sicolóxicos; foi unha cantada desas nas que, ti por min e eu por ti, entrou a bola chorando. Pero as cousas empezaron a cambiar pouco a pouco. Fomos entrando no partido, tomándolle o aire ao xogo, baixamos o balón, botámoslle coraxe e empezamos a chegar con certo perigo a porta contraria. Faltaba moi pouco para o descanso cando Italia, que nunca acababa os partidos coa camiseta sudada pero que tiña entre outas cualidades, un excelente toque de balón, puxo un centro pasado no área dende o lateral, que acabei rematando de cabeza. Foi un deses goles que non esqueces nunca; era o meu primeiro partido oficial e marcaba de cabeza superando o Negro...  demasiado. Aguantamos coma poidemos o resto do tempo, xogando sen complexos ante un dos mellores, pero as notables carencias físicas do equipo, fixeron que no último cuarto de hora os fisterráns foran superiores, acabando gañando por 3-1.  Pero o Porteño tiña cambiado de cara e fixera fronte ao Fisterra con moita dignidade.  A xente quedou contenta.

Así debeu ser, porque na viaxe de volta o Presidente invitou a cear nun típico restaurante de Corcubión... houbo incluso nécoras. Lembro que acabei o partido cos pés esfolados por unhas botas moito mais pequenas e estreitas das que o meu pé (44/45) precisaba. Pero o Presidente, prometíume que na xornada seguinte tería botas do meu número. Estes foron os tres primeiros resultados acadados polo Porteño na primeira edición da Liga da Costa. Logo viñeron mais partidos con mais anécdotas das que conservo algúns apuntes.(*) Entrañables persoas, desgraciadamente xa falecidas.

Apuntes biográficos

{xtypo_rounded_right2}

Estes son os datos do meu dilato e modesto, curriculum deportivo:

63/64 e 64/65.- Fútbol no Porteño.
65/66 .- Fútbol no Sárdoma de Vigo. Licencia de Atletismo no RC Celta, triple-salto e velocidade.
66/67, 67-68, 68-69- Balonmán no Balaídos de Vigo. No verán do 69 xogo a Copa da Costa co Xallas.
69-70.-  Fútbol no Porteño. Presidente Pancho Noya (*)
70-71.- ate a 80-81 Balonmán no Balaídos de Vigo.
81-82 ate 95-96 Licencia federativa como Árbitro de Balonmán. En xullo do 88 ascenso a árbitro de División de Honra ate o ano 96 que cumplindo os 50 anos, retirada regulamentaria. Tiven a honra de participar na Olimpíada de Barcelona.

Dende o ano 96 teño licencia federativa de deportista pola Federación Galega de Vela.

{/xtypo_rounded_right2}

Xoán Ramón Carballo Alvite

Xoán Ramon CarballoNacido en CEREIXO o 3 de maio do 46, fillo de Arturo (*) e Otilia. Fun a escola por primeira vez cando tiña cinco anos; era unha escola unitaria que tiña o seu emprazamento nun histórico edificio: as Torres de Cereixo. Usábase o silabario o Catón,  a pizarra e o pizarrillo coma instrumentos elementais.

Xa vivindo na Ponte do Porto, fun a escola das Barrosas tendo coma mestre a o inesquecible Manolo Castiñeiras; despois fun a escola de Curros con D. Perfecto Collazo Amado de mestre.

Fixen o Bacharelato Superior no Colexio Salesiano da Coruña.

Estudei Enxeñería Técnica Industrial en Vigo, en donde vivo e traballo dende aquela, salvo unhas lixeiras ausencias temporais por razóns laborais en Santiago e obrigas militares en Madrid. A maioría do tempo de verán dos anos sesenta paseino na Ponte do Porto, en donde está a casa paterna.

Foi en Vigo en donde me casei no ano 72 con Chelo e formei a mellor das familias; temos tres fillos e agora mesmo, disfrutamos de dúas netas anxelicais. Sen dúbida, a familia é o noso mellor e mais grande patrimonio.

Traballei na industria de habilitación naval e dende finais dos setenta adícome o sector dos prefabricados estructurais de formigón industrial, mediante un despacho propio de enxeñería.

Sempre fun un apaixoado dos deportes. Quizais en algúns intres, esaxeradamente apaisoado. Teño licencia federativa continua dende aquela primeira ficha que asinei na tempada 63/64 coma xogador do Porteño. Ate o presente estiven sempre federado.

Presido o Club LICEO Marítimo de Bouzas dende novembro do 2004.

Son directivo da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Vigo.

Son vocal do Foro de Infraestructuras e Urbanismo do Círculo de Empresarios de Galicia, Club Financiero de Vigo.

Comentarios   

Beldoña
+3 # NORABOABeldoña 19/10/2010 21:09
NAUTICO
Todas estas lembranzas que vostede rememora, fanme revivir aqueles tempos nos que vostede, eu e outros mais do noso tempo as vivimos. Todo canto vostede vai contando, traeme ó recordo nomes, momentos e situacións que eu tamén vivin.
Fai dous anos, tiven a sorte de coñecelo persoalmente nunha viaxe que o Club Nautico de Camariñas organizara polas rías baixas, visitando, entre outros lugares, Vigo-Bouzas, onde vostede nos mostró, agorimosamente, as instalacións do Náutico que vostede preside.Fomos recibidos todos nos con tódolos honores e agasallos. Notábaselle contento por poder compartir cos seus paisanos uns instantes de camaradería, lembrando tempos pasados, inolvidables para todos nos.
Noraboa por esta sua aportación a páxina, escrita de forma detallada e impecable.
Reciba un cordial saúdo de un paisano seu contemporáneo ( seguramente algún partido de fútbol nos “ enfrentou “ entre - Porteño e Camariñas FC)
Unha aperta, amigo e congratulome que todo lle vaia ben na vida.
Antonio Puertas
Responder | Denunciar ante o administrador
Xoán Ramón Carballo
+2 # Nostalxias dun tempo xa pasadoXoán Ramón Carballo 20/10/2010 11:08
Alégrome moito que as nostálxias dun tempo xa pasado, sexan portadoras de boas vivencias.Non me fago a idea de quén é vostede, pero gústame que fose un dos expedicionarios daquela viaxe a Bouzas. Foi o sete de xullo do 2007, (San Fermín)cando no Liceo Marítimo de Bouzas,tivemos a honra de recibir unha embaixada camariñana con Xosé Luis Blanco Campaña ao frente. Esa lembranza darame pé para facer unha referencia a outros tempos xa vividos nos que con seguridade vostede tamén terá sido protagonista. Saudos. Xoán ramón Carballo
Responder | Denunciar ante o administrador
E logo ti de quen es
+1 # Preciosa historia.E logo ti de quen es 19/10/2010 21:51
Yo crecí escuchando las historias del Puente que me contaba mi familia, siempre en gallego, mi abuela, mi madre, mis tíos. He disfrutado de verdad leyendo esta historia sobre los tiempos heroicos del futbol na Ponte, del futbol Camariñan. Muchas gracias.

Tino Rogero Figueiras.
Responder | Denunciar ante o administrador
Xoán Ramón Carballo
+2 # Nostálxias dun tempo xa pasado.Xoán Ramón Carballo 20/10/2010 11:34
La docena de años que nos separan, distancian bastante los recuerdos, pero seguramente los lugares comunes y sobre todo los hombres y mujeres que nos rodeaban, habrán sido testigos de andanzas y aventuras muy próximas. Por lo que aprecio, ambos somos consecuencia de la inmigración natural de una comarca en la que escaseaban las oportunidades. Un saludo desde la Galicia Sur. Xoán Ramón Carballo
Responder | Denunciar ante o administrador
rubiasexy
+2 # RE: Nostalxias dun tempo xa pasadorubiasexy 20/10/2010 21:09
mima cantos anos fay xa bonita historia
Responder | Denunciar ante o administrador
paquiño
+1 # boa historiapaquiño 30/11/2013 00:55
que boa historia
Responder | Denunciar ante o administrador