Segue Radio Nordés Cadena Ser a interesarse polo proxecto "Eu son Camariñas" adicando entrevistas semanais a algúns dos artistas camariñáns que forman parte do elenco deste video clip. E seguen os seus protagonistas a desvelar con contagotas algunhas das claves deste traballo que sairá proximamente á luz. e hai un par de semana o que atendía a chamada de Radio Nordés era o gaiteiro xaviñán David Carril, este xoves 14 de marzo o encargado de manter o suspense nas ondas radiofónicas da Costa da Morte era Fran Barcia, o virtuoso acordeonista camariñán que, xunto a seu irmán Carlos, representan á parroquia de Camariñas neste proxecto audiovisual. Fran contáballe a Josiño de Radio Nordés algunhas das claves do video que se está a preparar, pero sen dar moitas máis pistas e mantendo a incertidume sobre este sorprendente traballo audiovisual. E nos dende aquí seguimos con esta tensión de saber algo máis deste proxecto audiovisual que ten a todo o Concello de Camariñas sumido nunha profunda intriga.
Este pasado venres 19 de febreiro era entrevistado no programa Vivindo a Costa da Morte da radio líder da Costa da Morte Radio Nordés Cadena Ser o gaiteiro xaviñán afincado en Londres David Carril. O presentador do programa, noso querido amigo Pepe Formoso charlaba xunto aos seus contertulios habituais do programa xunto ao artista xaviñán que contaba pausadamente as súas peripecias musicais pola capital do Reino Unido. Ademáis David desvelou públicamente na canle da Cadena Ser parte do proxecto audiovisual no que están a traballar un nutrido grupo de artistas e músicos do concello de Camariñas pertencentes a diferentes estilos musicais. O xaviñán daba en exclusiva a esta cadena os nomes de varios dos integrantes deste explosivo proxecto: Belem Tajes de Arou, unha das vocalistas e compositoras máis en alza de toda Galicia; Fran e Carlos Barcia, os nenos prodixio camariñáns e incombustibles integrantes da exitosa banda de folk Samarúas; E finalmente José María Pérez, un dos máis clásicos rockeiros da Costa da Morte, veciño da Ponte do Porto, que tivo a oportunidade de traballar para músicos de talla internacional durante a súa estadía en Londres. Todos eles acompañados do gaiteiro David Carril que expresamente se trasladou dende a cidade londinense durante todo este mes de febreiro e marzo para facer realidade un proxecto dirixido por un equipo cinematográfico de primeiro nivel. Un grupo de músicos heterogéneo que conforma un proxecto musical que proximamente verá a luz e do cal vos teremos convenientemente informados desde Camarinas.eu.