Na xunta de goberno local do Concello de Camariñas realizada este venres pasado, día 12 de Novembro, aprobouse o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal.
Este servizo ten como obxectivo atender a persoas ou unidades de convivencia no seu propio domicilio. Deste xeito, busca mellorar a calidade de vida dos usuarios, posibilitando a permanencia destes na súa contorna de convivencia habitual, favorecendo e potenciando a autonomía persoal no propio domicilio e previndo situacións de dependencia ou exclusión social entre outras cousas.
Para lograr isto os servizos que se ofertarán serán os seguintes: axuda para levantarse e deitarse, coidado e hixiene persoal, apoio para cambios posturais, control do réxime alimentario, acompañamento fóra do fogar, compra de alimentos e produtos de uso común, limpeza e mantemento da hixiene na vivenda, preparación de alimentos... e outras de carácter complementario como a adaptación funcional do fogar, servizos de podoloxía, fisioterápia...
O presuposto destinado ao SAF municipal é de 432.439,90 euros e terá unha duración mínima de un ano prorrogable a tres anualidades. O proxecto cubrirá un total de 23.380 horas distribuídas do seguinte xeito: para a axuda no domicilio ás persoas que accedan tendo unha recoñecida situación de dependencia prevense 19.900 horas ordinarias e 1.650 horas extraordinarias e, no caso de acceder por libre concorrencia, inclúe unha previsión de 1.650 horas ordinarias e 180 horas extraordinarias.
Pola banda da empresa adxudicataria terá a obrigación de dirixir e coordinar ao persoal de atención directa, manter a coordinación cos servizos sociais municipais, supervisión das prestacións básicas e complementarias así como a presentación de unha avaliación xeral ao final do servizo con propostas de mellora.
A sesión plenaria do Concello de Camariñas de hoxe, Venres 28 de Maio, tivo como proposta principal a reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández situadas na punta da Insua da localidade camariñá, así como a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa para financiar ditas obras cun valor total de 128.000 euros.
Onte, Venres 29 de Xaneiro, aprobouse por unanimidade no pleno ordinario o Plan Único Adicional 1/2021 da deputación provincial da Coruña. Con el destinaranse un total de 100.00 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Camariñas. Este plan vese reforzado dende a Xunta de Galicia neste novo curso con 500.000 horas máis que nos anteriores tentando “proporcionar unha atención profesional a todas as persoas que non eran usuarias do servizo, pero que o poidan precisar” debido a situación epidemiolóxica.
A finais do mes de Decembro a deputación da Coruña aprobou os presupostos do Plan Único para o 2021. Cada concello recibirá unha partida presupostaría que depende do seu número total de habitantes e a súa extensión territorial. Deste xeito Corcubión recibe neste 2021 un total de 200.000 euros e Carballo 1´8 millóns, como exemplos da Costa da Morte. No caso de Camariñas o total ascende a 406.800.
O goberno local de Camariñas continúa a apostar por mellorar os servizos sociais, a promoción e a mellora do municipio. Así se desprende do orzamento municipal para o 2019, aprobado onte no pleno do Concello de Camariñas cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e en contra do PP. O documento, equilibrado en gastos e ingresos, ascende este ano a 4.911.330’34 euros, só 89.669’66 euros menos co do ano pasado. O goberno fai así un importante esforzo para manter esta cifra xa que en 2018 os ingresos foron maiores como consecuencia da revisión catastral, polo que se cobrou o padrón dos catro exercicios anteriores.