A marca distintiva dunha sociedade progresista son os seus servicios públicos. Por sorte para nos vivimos nunha parte do mundo onde damos por suposto que, dende que nacemos ata que morremos, o Estado coidará de nós e, en xusta reciprocidade, nós contribuímos co Estado cos nosos impostos. Dámolo por suposto. Pero abonda que o vendaval da crise mova un pouco as polas da árbore que temos dado en chamar Estado do Benestar, para que os defensores do sálvese quen poida boten man a tixeira e tenten desmontar todo aquilo que nos custou xeracións en conseguir.
O pasado xoves 21 de febreiro Camariñas recibía a visita do Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo nun encontro con pouco máis de 100 simpatizantes e militantes do partido conservador no concello. Paralelamente, no mesmo día, a mesma hora e no mesmo lugar, organizábanse unhas cantas nais e pais para protestar diante do xefe do executivo galego por mor dos recentes recortes en pediatría que o Sergas aplicaba despiadadamente nos centros médicos de todo o término municipal de Camariñas, castigando desta forma tan desproporcionada aos nenos e nenas camariñáns ao exilio médico. Sen olvidar que nestes momentos o concello está a sofrir unha misteriosa vaga de casos de tuberculose que está a preocupar a todos os pais e nais do concello. A esta mobilización de veciños de Camariñas sumouse un pequeno grupo da coordinadora "Zas sen Recortes" así como algúns dos concelleiros do PSdeG-PSOE de Camariñas entre outros. Tamén atendía a este chamamento de última hora destes pais e nais a expresidenta do Parlamento de Galicia Marisol Soneira que quixo estar acompañando a estes pais na súa xusta reivindicación.
A redución dunha hora e media na xornada do pediatra de Camariñas e a alarmante situación que padecen moitos Concellos de Galicia pola reiterada ausencia deste servizo fixo que a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, se puxese en contacto co xerente do Sergas, Luis Verde, para aclarar a situación e coñecer os plans da Consellería de Sanidade para o municipio.Durante o transcurso da conversación, Luis Verde asegurou que Camariñas continuará contando co servizo de pediatría durante todos os días da semana cunha atención continuada de 4 horas.