Despois do terremoto mediático que supuxo tanto a publicación do makinf off como da revelación do impresionante cartel da Mostra do Encaixe protagonizado por Damián Álvarez, continuaba a apisonadora mediática da mostra a conquistar Madrid por tódolos flancos posibles. As redes sociais botaron fume durante toda esta semana con estas dúas publicacións. As estadísticas ás que temos acceso dentro do facebook da Mostra son de infarto: caseque 500 veces compartido e 30.000 persoas alcanzadas en tan só 24 horas co cartel creado por Diego Alonso e protagonizado por Damián Álvarez. Unha asoballadora avalancha social poderíamos dicir que deixa en ridículo outras publicacións. Máis alá, e dentro destas accións de difusión previas da XXX Mostra do Encaixe, o Concello de Camariñas decidiu ao mesmo tempo promocionar o evento en pleno corazón de Madrid. Así, aproveitando a presentación da XXX Mostra en FITUR, programou que do 22 ao 29 de xaneiro se proxectase nas grandes pantallas dixitais de Callao en Gran Vía o cartel da edición deste ano.