• Gran Final da Copa da Liga de Veteranos: El Mejor

    Amplio e variado foi o repertorio de persoaxes interpretadas polo actor Robert Redford ao longo da súa carreira: fuxitivo en "La Jauría Humana", xoven esposo namorado en "Descalzos en el Parque", bandido profesional en "Dos Hombres y Un Destino"...  ata que en 1984 e da man do director Barry Levinson tocoulle dar vida a unha veterana estrela do deporte profesional no film "El Mejor" (The Natural). Tratábase da historia dunha xove promesa do baseball americano, Roy Hobbs, que tras un desgraciado percance que bota a perder nos seus inicios a súa carreira só reaparecerá tras unha misteriosa desaparición de 16 anos para probar, xa maior, sorte nas Ligas Maiores, logrando facer campeón este veterano debutante ao seu equipo os New York Knights. Algo de reinvidicación do varón de mediana e avanzada idade que desperdiciou futbolísticamente a súa xuventude tivo o torneo que logrou convertir cada domingo durante un ano o Pabellón de O Areal nun xeriátrico futbolístico. Templo ao que as masas acudían gozosas para contemplar as evolucións maxestuosas duns veteranos dos que na maioría dos casos nada se soubera en termos futboleiros ata o día no que lograron ateigar graderíos e ser os grandes protagonistas de artísticas crónicas deportivas. Dase por finalizada a primeira edición dun torneo que foi un pracer retransmitir para o gran público da Costa da Morte, concebindo en colaboración ca Organización as crónicas como un divertimento, que se plasmou nunha serie de noticias que acumularon decenas de miles de visitas, que chamaron a atención dos grandes medios e que tivo como fermoso epílogo unha xusta homenaxe aos veteranos do mellor FC Camariñas da historia encargando a tres dos mesmos entregar uns trofeos que convertían ao Expert-Ameal en campeón. Campeón da Liga, agora Copa, de Veteranos de Camariñas. En definitiva, O Mellor do que falaba aquel film de 1984. O Mellor do maior éxito deportivo no Concello de Camariñas en décadas.