• Don Enrique Barreiro Mouzo, veciño de Xaviña, Descanse en Paz

    Continúa a sucederse sen solución de continuidade esa vaga de defuncións que está a asolar toda a parroquia de Xaviña neste mes de abril de 2019. Na tarde noite deste domingo 28 do mes en curso esta redacción era coñecedora da triste noticia que anunciaba o falecemento do noso querido amigo e colaborador desta web Don Enrique Barreiro Mouzo aos seus tempranos 55 anos de idade. O corpo sen vida de Don Enrique está sendo velado no Tanatorio Municipal de Camariñas Irmáns Fernández Espín, dende onde sairá cara a Igrexa de Santa María de Xaviña ás 17:45 da tarde deste luns 29 de abril. Xa no sagrado templo xaviñán será celebrado o funeral de corpo presente pola alma de Don Enrique para, acto seguido, ser realizado o seu sepelio no Cemiterio Veciñal de Xaviña onde os restos mortais deste querido veciño de Xaviña terán merecido descanso eterno. Dende esta redacción queremos dar as nosas máis sinceitas condolencias a toda a familia e amigos de Don Enrique e ofrecerlles todo o noso apoio nestes duros momentos que están a pasar. Descanse en Paz.

  • Atopada unha botella en Reira cunha mensaxe do Queen Mary II

    A conexión de dous puntos aparentemente distantes no tempo e no espacio. En eso debían andar pensando os Talking Heads na súa canción "Cities" (Fear of Music, 1979), cando decían aquelo de "Memphis, Home of Elvis and the ancient Greeks" (Memphis, Fogar de Elvis e dos antigos Gregos), ca única salvedade plausible de que o orixinario Menfis se atopaba no antigo Exipto, non en Grecia. Dous puntos lonxanos no espacio unío a botella que esta semana atopaba en Reira o noso amigo Enrique Barreiro e dúas épocas remotas no tempo para a redacción de Camarinas.eu enhebra a noticia que glosa tal descubremento. A dos inicios desta redacción, cando unha marea de mensaxes embotellados inundou as costas de Camariñas e que incluso dou lugar a un curioso protocolo de actuación que nos levaba puntualmente a visitar a casa de Mari France na Ponte do Porto, onde éramos espléndidamente agasallados e exquisitamente remunerados, obtendo a correspondente traducción. Porque por aquelas épocas soían ser compatriotas de Louis Ferdinand Celine (en realidade, Destouches) os que facían viaxar cara ao fin da noite por mares ignotos as súas mensaxes encapsuladas. Non foi así no presente caso: John Gayle Sweetland, súbdito británico, natural de Gosport, no condado de Hampshire, costa sur inglesa, aproveitou unha prácida e suculenta viaxe de lecer a bordo do Queen Mary II para o 18 de decembro do pasado 2013 máis ou menos á altura das Illas Azores botar ao mar unha botella que ademáis dunha mensaxe contiña 10 dólares USA cos que sufragar futuros sellos, 4 chocolatinas, 2 bolígrafos e un folleto da compañía Cunard, fletadora do trasatlántico en cuestión, orgullo da flota británica. No papel daba os seus datos personais, as coordenadas marinas dende as que fora botada a misiva e acababa solicitando unha ratificación dos lares ata os que dera en chegar a mensaxe. Estos non deixaron de ser unhas paraxes xa acostumadas a estos lances, máis ou menos as pedras que separan a Praia Grande de Reira da que luce ao seu flanco dereito, alí onde unha ponte de barco fora anclada en terra naquelas épocas non tan remotas nas que todo estaba administrativamente permitido. O descubridor foi o xaviñán Enrique Barreiro, cuñado doutro gran amigo desta redacción, Oscar Freire, os cales, vistos os precedentes, non podían deixar de dar parte a unha redacción que deste xeito se vío conectada cos seus iniciais días de gloria e dun xeito máis verídico e creíble que o de Elvis cos antigos Gregos.