• Incendio Forestal de Xaviña - Tensión máxima

    De forma semellante a aquela colina vietnamita arrasada polo nápalm da aviación norteamericana da que falaba Robert Duvall no film Apocalypse Now visitar na mañán deste luns 16 de agosto de 2010 a cima do Campo do Turco en Xaviña era adentrase por unha paisaxe lunar devastada, por un manto negro de terra calcinada que obrigaba aos equipos de extinción de incendios a permanecer en estado de máxima alerta ante os múltiples focos de lume que revivían por doquier. Un día caracterizado por un operativo ininterrumpido de helicópteros que recollían auga na Vasa, polo tronar sordo de motores de hidroavión que amerizaban sobre as augas do Porto de Camariñas ante a ollada dunha expectante multitude para tratar de rematar un incendio que parecía definitivamante sofocado cara ás 4:00 da mañán do luns. Un día de caras cansadas, de ollos chorosos e de rabia contida. Os técnicos da Xunta de Galicia falan dunha extensión forestal calcinada próxima ás 100 hectáreas que terían a súa orixe en catro focos de lume distintos, todos eles provocados polo descuido culpable do ser humano. Nembargantes á hora na que a presente  noticia se publica chegan noticias de rescoldos que volveron cobrar vida, polo que a alerta segue a ser máxima en Xaviña. Un equipo de camarinas.eu, presente xa dende os primeiros momentos no maior incendio que asolou o Concello de Camariñas en catro anos, adentrouse nos lugares máis afectados polo lume para constatar a envergadura do dano causado, para comprobar a paisaxe despois da batalla. Unha batalla que continúa en Xaviña.
  • Incendio Forestal devastador en Xaviña

    Celebraba a parroquia de Xaviña as festas en honor a Santa Ana cando preto das 14:30 horas, xusto unha vez rematada a traca de bombas de palenque e instantes antes de que a Orquesta Trole puxese fin á súa actuación no baile vermouth, un pequeno fume empezaba a tomar forma de modo inquedante non moi lonxe do Cemiterio Novo xaviñán. De forma semellante ao acontecido o ano pasado en Xuxo con motivo das festas en honor á Virxe do Pilar... Co pasar dos minutos, ese pequeno conato de incendio convertíose nun inferno de lume e fogo que comenzou a subir raudo e veloz pola ladeira do monte que leva cara o Campo de Tiro de Xaviña. Xa dende o primer momento o Alcalde de Camariñas Pichurri, presente no baile vermouth, acercouse ao lugar de autos e ante a gran entidade do incendio e a escaseza de medios con que combatilo non tivo máis remedio que tomar parte nunhas labouras de extinción nas que chegaron a intervir voluntarios de Protección Civil de Camariñas, operarios do Concello, a cuadrilla comarcal de SEAGA de loita contra o lume, varios camións motobomba, un avión e un helicóptero, así como diversos veciños de Xaviña. No momento de publicarse a presente noticia o lume expandíase devastador en forma de cuña amenazando por un lado o Areal do Ariño e descendendo vertixinosamente pola outra vertiente cara á Ensenada da Vasa. Precisamente, formada polo fume provinte dos incendios que a esa mesma hora estaban a asolar Xaviña, Vimianzo e Dumbría unha densa néboa co arrecendo típico do pino queimado invadía a Ría de Camariñas e daba a benvida aos iates que se aventuraban pola mesma. Por último sinalar que as fincas afectadas eran maiormente de propiedade privada, non da Asociación de Montes de Xaviña, e que tal e como xa advertía camarinas.eu con ocasión dunha noticia publicada o 05-07-2010 ("Situación actual dos Montes de Camariñas"), non presentaban un adecuado estado de limpeza e cuidado, o cal sen dúbidas contribuío a propagar un incendio que lamentablemente quedará rexistrado nos anales da Parroquia de Xaviña como aquel no que o día de Santa Ana asolou os seus montes.