Nos últimos días a Consellería de Sanidade notificou ao Concello de Camariñas que a praia de Camelle acadou a cualificación de “Boa” nos últimos controis efectuados. Estes realizáronse durante a tempada de baño do ano 2020 e veñen a ratificar a efectividade das medidas que esta a levar o goberno para reverter os malos resultados dos últimos exercicios que cualificaban a auga desta praia como “non apta para o baño”.
O Concello de Camariñas confirmou mediante un estudo arqueolóxico que a futura senda entre Area da Vila e Lingunde non afecta ao xacemento arqueolóxico da Punta dos Castros. Logo deste resultado, o informe xa se presentou en Patrimonio para que a Dirección Xeral autorice para a posterior licitación por parte de Costas do Estado. Completouse unha actuación que resultou fundamental para poder desbloquear a situación e que comecen así as obras. Incluiu a limpeza manual da vexetación por parte dos operarios municipais, efectuada con control arqueolóxico.
O Concello de Camariñas está a preparar un novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo marítimo de Area da Vila, que se enfocará en protexer ás vivendas alí localizadas da erosión provocada polos factores climáticos e o paso do tempo. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañada dos concelleiros Sergio Caamaño e Encarna Liñeiro, reuniuse hoxe de xeito telemático co subdirector xeral para a Protección de la Costa, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, Ángel Muñoz Cubillo, para dar luz verde á redacción do proxecto.
A praia de Camelle volve a ser incluída nos controis oficiais da calidade da auga para a temporada 2020 da Xunta de Galicia. Así o informou a administración autonómica ao Concello de Camariñas tras recibir a solicitude do goberno local para que se volva a incluír ao areal no censo de praias aptas para o baño. Este sería o paso previo para que Camelle aparecese o próximo verán no censo de praias aptas para o baño. As últimas analíticas, encargadas polo goberno local, arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal polo que o obxectivo da Consellería de Sanidade é comprobar que están sendo efectivas as medidas levadas a cabo polo Concello para reverter os malos resultados dos últimos exercicios.
O proxecto para a construción dunha senda peonil entre Area da Vila e a praia de Lingunde está a piques de ser unha realidade. Onte, martes 12 de marzo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba o anuncio de exposición pública do proxecto, un dos pasos previos e necesarios antes de que comecen as obras.