Tras un longo período de tempo volve Claves, a sección de camarinas.eu para a análise obxectiva e independente da realidade sociopolítica do Concello de Camariñas e por extensión da Costa da Morte. A elexida para refundar unha sección que fixo historia cas súas catro primeiras edicións é nin máis nin menos que Marisol Soneira Tajes, a camariñana de Buría que chegou ao Parlamento de Galicia como deputada polo PSdeG-PSOE e que nunhas interesantísimas declaracións trata de explicar a derrota do bipartito nas eleccións do 1 de marzo, arremete duramente contra Alejandro Rodríguez, Alcalde de Vimianzo, e pasa revista a actualidade política do noso Concello.
 
A persoaxe política elexida para retomar aquela sección de análise imparcial e obxectivo da realidade sociopolítica e económica de camarinas.eu, Claves, non podía ser outra que unha vella coñecida dos primeiros e difíciles tempos de andaina cibernética da web que co tempo se convertiría no referente informativo do xornalismo independente da Costa da Morte. Estamos a falar de Marisol Soneira Tajes, aquela rapaciña que dende unha humilde familia de Buría chegaría a converterse en Deputada Autonómica polo PSdeG-PSOE no Pazo do Hórreo, tralo paso pola Concellería de Cultura e Deportes do Concello que a vío nacer e convertirse nun animal político intratable: Camariñas.

Marisol sincérase co director de camarinas.eu nunha longa entrevista de importante calado político
A entrevista ten lugar na coqueta e remozada casa que Marisol posúe nun barrio emblemático da Vila das Palilleiras, Buría, nunha soleada pero fría tarde de domingo. Sentados á mesa dunha amplia cociña tradicional, Marisol e o director de camarinas.eu desgranan a actualidade política de forma desenfadada e veloz, como acontece entre dúas persoas que se coñecen dende hai 30 anos, prácticamente dende o nacemento do director da web líder desta Franxa Atlántica:
¿Cal é o estado de ánimo actual de Marisol Soneira Tajes?
Ben. Con máis ganas, si cabe, que nunca por seguir defendendo os proxectos postos en marcha e os pendentes para Camariñas e a Costa da Morte.
¿Esperaba o que sucedeu o 1 de marzo?
Sinceramente non. O goberno de Touriño fixo un gran esforzo de cambio e de correxir problemas históricos de Galicia nun breve espacio de tempo... Eu creo que non fomos capaces de explicar e transmitir os grandes proxectos postos en marcha, ou que por un exceso de responsabilidade, quizá debéramos plantarnos nalgunhas das propostas que viñan do lado do socio de goberno... e tampouco debemos esquecer a campaña miserable que o PP levou a cabo sobre cuestións das que hoxe nadie fala –porque eran mentira-, pero que fixeron moito dano ao longo da campaña.
¿Que foi o que poido pasar para que o electorado lle dera a espalda de semellante forma ao goberno bipartito?
Eu non comparto que o electorado lle dera a espalda ao Partido Socialista xa que temos os mesmos deputados que na pasada lexislatura. Si ben é certo que perdemos en torno a trinta mil votantes con respecto as eleccións de 2005, a realidade é que o castigo foi máis na casa do socio nacionalista que na nosa, e que a suma de votos do PSdeG-PSOE e BNG supera en máis de cinco mil os votos que tivo o Partido Popular.
¿Púxose demasiado o PSOE nos brazos do nacionalismo?
Creo que non é cuestión diso. Quizá houbo falta de capacidade para desligarnos de determinadas políticas, postas en marcha dende o lado nacionalista, que á inmensa maioría dos galegos non nos quitan o sono pero que para eles son esenciais: as cuestións identitarias, a lingua, o idioma dos camposantos, etc, etc,
¿Dende dentro das propias filas socialistas oíronse voces críticas cara o feito de que Touriño colocara ao frente das consellerías reservadas ao PSOE a técnicos en vez de políticos, ¿foi esto un erro?
O primeiro que hai que decir é que Galicia contou cun extraordinario Presidente nestes últimos catro anos. O segundo é que a composición do goberno é competencia e potestade do Presidente e, a min, non me cabe dúbida ningunha de que Emilio Pérez Touriño escolleu as persoas que el consideraba mellores para levar a cabo o cambio político que Galicia necesita. Como valoración, eu sempre defendín que os gobernos, nas súas cabezas visibles, deben estar ó frente de políticos xa que os cidadáns outórganos a confianza política nunhas eleccións e non nunhas oposicións.
Image¿E non adiantar as eleccións autonómicas?
Visto dende a experiencia vivida, creo que foi un erro.
¿Como encara o PSOE os vindeiros catro anos dun goberno monocolor popular?
Pois como sempre fixemos o longo dos nosos 130 anos de historia: con traballo, dedicación e defensa dos intereses do País e dos cidadáns.
¿Que cree Marisol Soneira que vai pasar agora no novo goberno do Núñez Feijoo respecto aos proxectos que para a Costa da Morte ideara o bipartito?
Pois eu espero que non haxa un só recorte, porque en caso contrario encontraranos de frente sin ningún tipo de reserva. Afortunadamente a maioría están en fase de execución e a Núñez Feijoo non lle quedará mais remedio que asumilos... outros van a ser máis difíciles porque o Partido Popular non se destacou polas súas inversións na comarca, pero un dos compromisos que sempre tiven presente na miña acción política foi a defensa, no goberno e na oposición, dos intereses da Costa da Morte, polo que, de ningunha maneira, vamos a consentir que nos silencien e nos marxinen coma no pasado.

¿E a Camariñas, como lle afectará o cambio na Xunta de Galicia?
Pois exactamente igual que ao resto da comarca. Hoxe temos un montón de iniciativas en marcha: rúas, fachada marítima, paseos, saneamento en case tódalas parroquias.., etc. Financiados pola Xunta que se vai, pero aínda quedan moitos máis que terá que financiar a Xunta que chega porque si eran xustos antes tamén o serán agora, e si o goberno cae na tentación do sectarismo ideolóxico terá a resposta política adecuada.
Falando de Camariñas, ultimamente estamos vendo como o PP está endurecendo a súa labor de oposición...
O Partido Popular de Camariñas sempre foi igual: moi boas palabras de cara a galería e despois dedícase ao seu, a facer oposición sen ter en conta o dano que se lle poida facer o conxunto do municipio. Historicamente sempre foi así e polo tanto non debera sorprender a nadie.
¿E Camelle o pozo negro do PSOE camariñán?
E certo que historicamente, o Partido Socialista non acada bos resultados na localidade de Camelle. As razóns poden estar en que non soubemos ofrecer un proxecto político que tivera a confianza dos camelláns, ou en transmitir mal o enorme esforzo inversor que sempre se ten feito nesa localidade, ou que non acertáramos coa mensaxe... As razóns poden ser moitas e moi diversas pero, en último extremo, os cidadáns sempre teñen razón cando votan e é responsabilidade nosa buscar as respostas que eles demandan de nós.
¿Esperaba Marisol Soneira semellante interés dos veciños polo PXOM?
O Plan Xeral de Ordenación Municipal é o instrumento fundamental para o desenvolvemento dun munipio, por elo non me sorprende nada que os veciños estean interesados nel. Hasta hoxe en Camariñas estamos vivindo nun limbo urbanístico que está condicionando a economía, a calidade de vida e o futuro de todo o municipio... por non ter, nin siquera temos Normas Subsidiarias polo que hai que aplaudir que haxa unha corporación e un alcalde que se enfrente os problemas reais e trate de buscarlle solucións. Para Pichurri sería moito mais fácil sentarse no despacho, repartir sonrisas, dar palmadiñas no lombo e deixar que corra o tempo... pero cando pase a crise, os concellos que teñan un Plan vixente estarán no primeiro posto de saída mentres que os outros quedarán rezagados.
Sempre pendente do móvil, nin un instante pode relaxarse Marisol
 
A entrevista flúe de forma rápida e desenvolta, só interrumpida polas consantes chamadas que Marisol ten que atender de vez en cando e polas que pide perdón. Cuestións de organización do partido, reunións no Parlamento Autonómico, atender chamadas dos seus coñecidos, todo elo fai que o móvil sexa un aparello imprescindible na vida de Marisol. Atendida á última chamada, retomamos a entrevista:
O do PXOM é un tema polo que está a afectar seriamente ao alcalde Pichurri, ¿como valora Marisol Soneira os case que dous anos no goberno municipal do novo equipo socialista?

Eu creo que este goberno municipal é a continuación doutras corporacións socialistas que sempre traballaron por e para Camariñas. Debo recoñecer que este alcalde e esta corporación está abordando con valentía vellos problemas que se foron aparcando ao longo do tempo. O urbanismo é un asunto que necesariamente se debe abordar porque non é posible gañar o futuro sen solucionar os problemas do pasado. Creo que todos estivemos clamando, o longo de anos, por acabar cos vertidos do alcantarillado no medio do porto, por sanear a Ponte ou Camelle, por recuperar a nosa fachada marítima, por ter rúas máis bonitas, porque as familias tiveran axudas cando nazan os seus fillos, etc, etc. Se tivese que poñerlles nota, cos erros que todos cometemos, sería de notable. Sobre todo pola valentía que teñen o abordar a solución de problemas históricos aínda que reciban críticas.
Un novo equipo que xenera un gran rechazo por parte dun sector importante do socialismo histórico camariñán, ¿por que se decide substituir a Bautista Santos por Pichurri?
Non son consciente dese rechazo. No Partido Socialista sempre houbo moito debate interno e moita crítica. Sempre recordo a Bautista Santos decir que lle tiña máis medo ás asambleas do Partido que aos Plenos do concello. En canto o relevo na candidatura foi un proceso que parte da decisión de Bautista de non volver a presentarse polo que se abre o proceso regulamentario para elixir a candidatura correspondente. A candidatura de Pichurri foi a única que se presentou e tivo a unanimidade dos votos. A decisión debeu de ser a máis acertada por canto o Partido Socialista tivo un apoio masivo dos cidadáns de Camariñas.
¿Non encaixaba Antonio Alonso Ballester no novo proxecto que o PSOE tiña planeado para Camariñas?
Eu creo que Alonso encaixa en calquera proxecto porque é unha persoa intelixente, traballadora e moi comprometida con Camariñas. As razóns polas que non figurou na lista municipal descoñézoas porque eu nin figurei na Comisión de Listas nin tiña responsabilidade sobre ese tema. Eu, sempre que tiven a oportunidade, recoñecín públicamente as virtudes políticas de Alonso e o seu papel institucional. A última, cando me tocou organizar a Mostra do Encaixe do ano do Prestige, foi facelo no ámbito deste evento.
No xardín do seu fogar
 

En Vimianzo estamos a ver unha importante polémica entre os membros do PSOE, chegando a dirección do Partido en Santiago a expedientar a Alejandro Rodriguez por unhas polémicas declaracións, ¿por onde debe pasar a solución aos problemas da agrupación socialista de Vimianzo?
O que está acontecendo en Vimianzo é moi triste porque non é agradable ver como un compañeiro de tantos anos acaba perdendo as referencias ideolóxicas e chega a conclusión de que el é o Partido e todo o demais é accesorio. Nadie está por encima das normas comúns de tódolos militantes e os acordos tomados, gústennos ou non, deben ser asumidos por todos. Nadie nos obliga a militar nun partido político pero cando, voluntariamente, decidimos facelo, debemos asumir que existen deberes e dereitos que temos a obriga de cumprir. Lamentablemente, cando a situación de conflito se converte en crónica, as organizacións teñen a obriga de tomar decisións por moi dolorosas que sexan.
Estes días un diario recordaba a problemática fraticida surxida entre o fotógrafo Manuel Alonso e o ex-párroco Antonio Velo que fracturou o pobo dous: incluso o cura chegou a decir que Marisol Soneira contratara pistoleiros a soldo, ¿como recorda aquel asunto?
Pois coma unha loita desigual dunha familia, do seu medio de vida, contra unha organización enorme como é a Igrexa Católica. Coido que as declaracións deste pobre señor califícanse por si solas e demostran que, máis que un problema de relixión, aquelo foi un conflicto esperpéntico protagonizado por unha persoa con problemas psicolóxicos evidentes que non obtivo a resposta adecuada das autoridades eclesiais daquel momento. Foi moi desagradable pero, tamén, demostrou que Camariñas é un pobo solidario que se mobiliza por calquera situación de inxusticia e de agravio intolerable.
Recentemente vimos como a xuiza da instrución do Prestige exime as autoridades de toda responsabilidade na catástrofe ocasionada por aquel accidente. ¿Como recorda Marisol Soneira eses momentos?
Eu sempre respectei e respecto as decisións dos tribunais. Dende a miña propia experiencia, vivida en directo en Coenda, Home Morto, Coidal das Castañas, Castelete, etc, as consclusións parécenme sorprendentes. Xa se verá ao longo do xuicio. O que si teño que decir é  que, aquela experiencia, fíxonos descubrir os mellores valores de moitas persoas anónimas que estiveron codo con codo o noso lado tratando de salvar o noso mar. Tamén vimos os actos de miseria humana máis deleznables, de puro egoísmo e de puro oportunismo mercenario... Pero quédome, sobre todo, cun montón de moi bos amigos baleares que fixeron de Camariñas a súa segunda patria e que, aínda hoxe, nos visitan anonimamente, para ver como o seu traballo lle devolveu a alegría aos nosos coídos milenarios.
Da man da súa fermosa cadeliña  Marisol pode olvidarse por uns intres da dura realidade política
 
Adentrándonos na súa vida persoal, ¿cando e por que se mete Marisol Soneira en Política?
Entro en política porque mo pide Pichurri, aló polos primeiros anos oitenta. Aos dous nos encomenda Bautista que procurásemos conseguir auga para que as casas de Camariñas non se quedasen secas de xuño a outubro... un traballo coma aqueles de Hércules, pero que con moito esforzo e compañeirismo sacamos adiante.
Durante longos anos vivío o día a día da política municipal como concelleira en Camariñas, ¿bota de menos aqueles tempos?
Evidentemente. A política local sempre é a que máis te vincula coa xente e cos proxectos. Máxime naqueles tempos en que tivemos que poñer en marcha TODO porque non existía nada. A min tocoume moi directamente poñer en marcha proxectos como a primeira Escola Taller, a Mostra, a Axencia de Desenvolvemento Local, o Museo do Encaixe, as escolas culturais e deportivas... éramos un equipo estupendo de xente: Pichurri, Alonso, Luís da Neira, Bautista... todos cheos de proxectos e de ilusións nun momento en que non había ningún tipo de compensación económica e onde todo o facíamos roubándolle horas á familia, ao traballo e ao noso ocio. Claro que sempre se vota de menos eses momentos.
¿Como é unha xornada de traballo normal de Marisol Soneira como diputada do Parlamento Galego?
Sen horarios. As sete e media tomar o camiño de Santiago e dende o mesmo momento de chegar reunións, charlas, comisións, plenos, visitas a lugares e persoas, visitas a consellerías, chamadas de teléfonos... chamadas de teléfonos... chamadas de teléfonos..., con sorte ás doce da noite podo chegar a miña casa. A veces dan as tres da mañán en Arzúa, en Carballiño ou en Cervo... pero, como di o refrán, sarna con gusto non pica.
Dende os inicios de camarinas.eu sempre a poidemos ver interesada polo mundo cibernético camariñán, ¿segue ao día do que sucede a través de internet?
Desde logo. Entro nas páxinas que se editan en todo o concello e na comarca e, incluso, houbo un tempo en que intentei participar dos debates que nelas se fomentan... desgraciadamente deixei de facelo para non molestar a algúns dos internautas que lles parece impropio dunha diputada dar a súa opinión sincera sobre os temas obxecto de debate. Creo que Camariñas está facendo unha gran labor na alfabetización dixital e o noso concello está levando unha gran labor neste campo.
¿Cal é o futuro de Marisol Soneira?
A medio plazo facer oposición ó Goberno Galego defendendo os proxecto e as iniciativas diseñadas para Camariñas e para a Costa da Morte. A longo, nunca me fixo obxectivos. Xa teño anos abondo como para saber que a vida ten os seus propios plans.
Para rematar, unha pregunta clásica de camarinas.eu: ¿como lle gustaría que a recordasen?
Pois como me sinto. Como unha  persoa sencilla e honrada  que, por casualidade, acabou no mundo da política e empregou todos os seus esforzos, todas a súas capacidades e todo o seu tempo en  procurar que Camariñas e a Costa da Morte acaden, polo menos, as mesmas oportunidades que outros territorios de Galicia e de España.
Unha vez rematada a entrevista, salimos a respirar o aire puro de Buría no xardín da súa casa, a cadeliña, contenta e leda por vivir en semellante paraíso rural corretea polas nosas pernas mentras xa olvidado o mundo da política entrevistador e entrevistada falan de cousas persoais, lembran un vello coñecido ou rememoran situacións compartidas en común. Mañán será outro día e Marisol deberá partir para vivir outra desas maratonianas xornadas de reunións, asambleas ou diferentes viaxes  a distintos puntos de Galicia que constitúen a xornada normal dun Deputado do Parlamento de Galicia.
Marisol Soneira Tajes, a Deputada do Parlamento de Galicia que foi obxecto da quinta entrevista de Claves

Engadir un comentario